Como podo aforrar en calefacción

Escolle o sistema de calefacción máis adecuado e pon en práctica este decálogo
Coa chegada do frío, non só dicimos adeus ás vacacións e nos enfrontamos á “volta ao cole”. Tamén nos encontramos con outro dos grandes medos domésticos: a factura que suporá quentar a nosa casa. Hai momentos do día, especialmente entre os meses de decembro e febreiro, nos que necesitamos acender a calefacción para estarmos cómodos no noso propio fogar. Xa que isto non é un luxo, senón unha necesidade, non podemos prescindir dela. Porén, si que existen unha serie de pautas que podemos adoptar para aforrar en calefacción.
Báner superior BBVA Bconomy Báner superior BBVA Bconomy
BBVA Bconomy
A ferramenta que te axuda a marcarte unha meta de aforro e conseguila.

Escolle o sistema de calefacción

Sen dúbida, unha das mellores formas de aforrar en calefacción é escollermos o sistema que mellor se adapte ás características da nosa vivenda e ao uso que fagamos dela. Por este motivo, é fundamental que coñezas en que consiste cada un deles e acertes coa túa decisión.

Calefacción de combustibles fósiles

Os combustibles fósiles son unha das fontes de enerxía máis utilizadas nos fogares do noso país e pódese optar por tres tipos distintos:

  • Gas natural: ideal para pisos dunha cidade, xa que non hai que preocuparse nin pola almacenaxe nin pola distribución.
  • Gasóleo C: é unha boa opción para quentar vivendas grandes, aínda que a almacenaxe se debe facer en tanques dentro da casa. Este feito aumenta o seu perigo con respecto ao gas natural.
  • Gas propano: debido á súa elevada potencia calorífica é perfecto para quentar casas moi grandes. A diferenza do gasóleo, pódese almacenar en bombonas de tamaño pequeno, o que o fai máis seguro.

Calefacción eléctrica

É un sistema moi habitual debido á súa fácil e barata instalación, e ao sinxelo que é mantelo. No entanto, hai que ter en conta que a elección deste sistema repercutirá directamente na factura da luz, polo que se se fai un uso prolongado de maneira habitual, acabará sendo máis caro que un sistema de calefacción de gas.

A calefacción eléctrica é recomendable para vivendas situadas en zonas cálidas onde non hai que usar moita potencia nin moito tempo para quentar a casa. Tamén é unha boa opción para segundas vivendas onde non se pasa moito tempo ao ano.

Emisores termoeléctricos

Este tipo de calefacción consiste nun sistema de radiadores de aceite que consegue quecer grazas a unha resistencia eléctrica blindada cun aceiro especial. As súas vantaxes son que cada radiador é independente e pódese enchufar e desenchufar cando se queira; unha vez quentes e apagados, manteñen a temperatura durante moito tempo. Porén, se se necesitan moitos radiadores para quentar a casa, un emisor destes terminará sendo un sistema caro.

Caldeira con radiadores de auga

É a calefacción máis estendida en España. O seu funcionamento baséase en quentar auga mediante a queima de combustibles, normalmente gas natural, nunha caldeira e distribuíla aos radiadores. A caldeira pode ser de uso común de todo o edificio ou individual.

Piso radiante

Consiste en instalar cables eléctricos ou tubaxes con auga quente debaixo do piso da vivenda. A calor propágase para arriba, quentando o chan e creando un ambiente cálido e moi agradable. Ademais destas vantaxes, este sistema permite aforrar entre un 10% e un 30% do consumo de calefacción. Non obstante, require un considerable investimento inicial e unha obra complexa de instalación.

Decálogo de trucos para aforrar en calefacción

Se polo motivo que for non podes mudar o teu sistema de calefacción por aquel que mellor se adapte á túa casa e ao uso que fas dela, non te preocupes. Existen unha serie de trucos moi fáciles que te axudarán a aforrar en calefacción sen pasares frío.

1. Purga os radiadores

Limpa e saca o aire dos radiadores polo menos unha vez ao ano, xa que os radiadores adoitan acumular pequenas burbullas de aire que impiden o paso correcto da calor. Antes de que chegue o frío do inverno é o mellor momento, así aseguraraste de que están no estado óptimo para o seu uso. Se non purgamos o noso sistema de calefacción, gastaremos máis diñeiro polo mesmo resultado.

2. Mantén unha temperatura de confort

Segundo o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), unha temperatura de 21º “é suficiente para o confort da casa”. Sé racional e non caias na trampa de que, por ter calefacción, ten que parecer agosto dentro do teu salón. Por cada grao de máis, aumenta un 7% o gasto en calefacción.

3. Apaga a calefacción polas noites

Está comprobado que é máis eficiente manter a calefacción acesa un par de horas antes de durmir e volvela acender ao espertar, que tela posta toda a noite. Isto último só servirá para requentar o ambiente e acabar pagando de máis.

4. Instala termóstatos programables

Cun termóstato ou unha válvula programable adherida ao teu radiador, conseguirás reducir entre un 8% e un 13% o consumo.

5. Ventila os cuartos, pero o xusto

O IDAE sinala que son necesarios 10 minutos para airear o ambiente da nosa casa sen deixar que pase o frío. Se deixamos as xanelas abertas máis tempo, despois teremos que facer un uso maior da calefacción e, polo tanto, un desembolso de diñeiro innecesario.

6. Illa ben toda a casa

Investir nuns bos sistemas de illamento térmico, tanto en xanelas, portas, teitos e pisos, é, a longo prazo, unha gran forma de aforro en calefacción. Ás veces, non son necesarias grandes obras, senón que abonda con colocar alfombras, cortinas máis grosas ou pintar con cores que absorban a luz do sol e, polo tanto, a súa calor.

7. Non cubras os radiadores

Seguro que che soa iso de pór a roupa húmida enriba do radiador para que seque antes. A pesar de que é unha práctica estendida, o que provoca é que non se difunda a calor polo cuarto obrigándonos a manter máis tempo acesa a calefacción.

8. Fai revisións periódicas da caldeira

Igual que ocorre coas purgas dos radiadores, dedicar tempo e mesmo algo de diñeiro a inspeccionar e manter a caldeira en bo estado é, á hora de recibir a factura, un grande aforro. Todos os aparellos en mal estado ou vellos obrigan a facer un mal uso da enerxía, dificultando, neste caso, o aforro en calefacción.

9. Aproveita a luz do sol

Unha maneira de aforrar en calefacción e de proporcionar ademais un ambiente agradable á nosa casa é aproveitar ao máximo as horas de luz solar. Abre as cortinas antes de ir traballar de mañá para que o sol entre a través dos cristais durante todo o día e a casa queza de forma natural.

10. Apaga os radiadores dos cuartos baleiros

Pode resultar obvio, pero nunca está de máis lembralo. Se na túa casa hai algún cuarto que non uses frecuentemente, apaga o radiador. En caso contrario, ao acenderes a calefacción tamén estarás destinando enerxía a eses lugares que non usas.

Báner central Bconomy Báner central Bconomy
Empeza a aforrar
Co BBVA Bconomy poderás comparar os teus gastos e crear o teu colchón financeiro.

BBVA Bconomy, o teu aliado para aforrar

Con BBVA Bconomy, a nova funcionalidade dentro da app para smartphones do BBVA, poderás levar un control detallado de todos os teus gastos e identificar os hábitos de consumo a que debes prestar máis atención. Poderás analizar a túa situación financeira coa comparativa dos teus gastos con outros perfís similares ao teu, para saber onde podes aforrar.

Visita BBVA.es, infórmate de como utilizar BBVA Bconomy e comeza a aforrar en calefacción. Porque canto máis sabes, mellor decides.

CTA Bconomy CTA Bconomy
Contas - Tamén che podería interesar Contas - Tamén che podería interesar

Tamén che podería interesar

  • Axudan a identificar o banco receptor dunha transferencia, garantindo a seguridade do proceso.
  • Puxemos á túa disposición varias funcionalidades en liña que farán máis sinxelas as túas xestións esteas onde esteas.
  • O tempo que tarda en facerse unha transferencia varía. Explicámosche todo o que envolve a esta operación bancaria.
Contas - Ferramentas Contas - Ferramentas

Ferramentas de contas