Consellos para investir en Bolsa

Dez sinxelas recomendacións para investir en bolsa con éxito

1. O primeiro de todo é ter claro o obxectivo do investimento. Que pretendemos lograr e a que prazo? E, relacionado con este punto, que risco estou disposto a asumir para logralo?

2. Por suposto, que capital debo investir? Para decidilo, hai que ter moi claro que investir en bolsa é igual a incerteza, polo que a recomendación é sempre que invistades o diñeiro que non vaiades necesitar a curto prazo e que non comprometa o voso patrimonio persoal e familiar. Outro consello é que, se estades comezando a investir na bolsa, é mellor que o fagades con cantidades pequenas.

3. Escollede ben o bróker. O mellor será o que se adapte á vosa forma de operar: comisións axustadas, ferramentas de información potentes, posibilidades de realizar operativa condicionada e fixar stop loss, etc.

4. Estar informado é crucial. Obviamente, o investimento en bolsa require estar informado sobre as empresas nas que imos investir. É aconsellable ler sobre os novos produtos que van lanzar, mercados nos que actúan, previsión de beneficios, riscos…

5. Cantos valores en carteira son aconsellables? Estímase que unha carteira de entre 4 e 6 valores é adecuada para poder realizar o seguimento das empresas e dos seus respectivos sectores.

6. Grandes compañías ou pequenas? O máis recomendable se estades comezando a investir na bolsa é empezar por valores de grandes compañías, das que podedes obter máis e mellor información.

7. Diversificar sempre. Escollede carteiras de diferentes sectores, distinto tamaño ou distintos países. Desta forma, teredes unha carteira de maior e menor risco para axustar mellor o voso risco global.

8. Nunca se inviste en contra do mercado. O valor das accións móvese sempre por tendencias, polo tanto movédevos sempre a favor delas.

9. Cando debo pechar a miña posición? Temos que estar pendentes da tendencia xeral do valor. Un erro moi común é vender moi pronto cando as accións teñan certo beneficio e manter as perdas durante moito tempo coa esperanza de que algún día se recupere. Se te equivocaches, pecha a posición e espera un momento máis propicio para entrar.

10. Tede en conta o voso estado de ánimo. Á hora de investir, as decisións precipitadas adoitan dar desgustos e tomar decisións cando o noso estado de ánimo é de euforia ou depresivo adoita levar a tomar decisións precipitadas.