Ángel Peralbo

Ángel Peralbo, psicólogo 

"Os adolescentes esperan atención, límites e escoita activa por parte dos pais".

Podes ver o vídeo completo aquí.

A adolescencia é unha etapa na que deixamos atrás ese estado infantil. E permítenos chegar a mozos e adultos. A primeira característica fundamental é que en pouco tempo se dá toda unha revolución. Son, ademais, plenamente conscientes de todo o que lles está ocorrendo. O que ocorre é que non lle encontran moito sentido. É unha etapa rompedora co que hai. O que require é que lles prestemos atención. Falamos moitísimo deles e delas, pero talvez non estamos profundando en cales poden ser as súas auténticas necesidades.

Hai problemas que se ven e outros que non se ven. E os pais teñen que estar moi atentos. Como ademais é a etapa na que tenden a illarse ou a manifestar toda esa intensidade que teñen, ese bloque é importante tamén atendelo. Comezando polos que se ven, obviamente, por exemplo, as condutas de risco. As condutas de risco son propias da adolescencia. Se ademais extrapolamos a visión a cando son adultos, é onde se fraguan a maioría dos problemas ligados á falta de control de impulsos. Por suposto, adiccións. Eses elementos de risco, como é o alcohol, o consumo de cánnabis, o tabaco, é un dos grandes problemas que temos. Porque, ademais, na medida en que se fragüen a esta idade imos ter adultos con moita dificultade para se autorregularen. Non tanto o tema do sexo, o tema das condutas precoces, porque é a idade na que se teñen que dar. Eu diría que o elemento de preocupación é cando o sumamos a esoutras condutas de risco. Porque se dá en situacións de auténtica falta de control. De feito, cada vez vemos máis rapaces e raparigas que o fan e que despois se senten mal. Porque non tiveron ese control para, realmente, facelo. Eses son dous dos grandes problemas que eu entendo que hai que atender.

Outro gran problema está relacionado cos trastornos da conduta alimentaria. É un dos grandes problemas, neste momento, que segue crecendo. E segue crecendo porque ao final, realmente, se fragua nun estilo de vida. Fráguase nun estilo de aprender a comer, pero tamén de aprender a vivir. Pensemos que non só os adolescentes, senón moito antes, xa empezan a funcionar por modelos. Desde o punto de vista da estética, son moi precoces, cuns estilos e cuns talles ás veces absolutamente inviables. Polo tanto, xa se fraguan desde ben pequeno, nalgunhas ocasións, uns elementos que se ven. Vense estilos demasiado atrevidos para a idade que teñen ou condutas de manipulación coa comida.

"Debemos buscar o equilibrio entre un estilo educativo demasiado autoritario e outro excesivamente flexible".

Antes falaba desas problemáticas que non se ven. Esas problemáticas que, realmente, só imos ser capaces de poder abordar na medida en que sexamos bos observadores e establezamos un proceso de comunicación cos nosos fillos que nos permita acceder a eles. Se non, é inviable. Desde un estilo educativo tremendamente distante, frío, moi autoritario, vai ser moi difícil que poidamos acceder a ese tipo de cuestións. Desde un estilo absolutamente nada marcado, tremendamente flexible, e que case máis que pais poidamos parecer os seus iguais, tampouco. Porque imos perder esa rigorosidade. É un equilibrio perfectamente conseguible.

Os adolescentes, por un lado sempre dicimos que están desexando esa especie de límite deses pais porque os seus amigos non llos van pór, pero tamén están desexando un proceso de escoita activa por parte dos pais e que realmente se interesen. Aínda que ás veces, paradoxalmente, non o pareza.

Unha das cousas máis importantes é saírmos da nosa zona de seguridade. Os pais séntense seguros ao falaren de temas que teñen que ver co colexio, canto comiches, como comiches, con quen estiveches, que fixeches e cantos deberes tes. Hai unha serie de temas que van ir a un protocolo de repetición, de insistencia, o cal os adolescentes claramente xa non soportan. Chega un momento en que eles che van desviar a atención. E se por si mesmos se illan, isto vai axudar a que verdadeiramente non conectemos. O primeiro: esquecer este tipo de comunicación. O valor da comunicación é dado polo resultado que ten, a quen vai dirixida, o efecto que dá o receptor. Polo tanto, os adolescentes son receptores doutro tipo de comunicación.

Queremos que eles entendan o que é a responsabilidade, o que é un adulto, porque xa os consideramos adultos para moitísimas cuestións, pero cústanos a nós entender que é unha etapa pola que pasamos e que poderiamos perfectamente entender, cústanos baixar a ese nivel. Temos que achegarnos ao adolescente. É dicir, ser capaz de escoitalo, ser capaz de buscar cales son os seus intereses. Unha das grandes dificultades é ser capaz de entender que hai nesa cabeciña, que lle interesa, sen xuízo crítico. Unha vez que adoptamos unha linguaxe moito máis empática, que tratamos de ver cales son eses xogos que realmente ten na consola, ou cales son eses temas que se callar a nós non nos interesan nada como adultos; aí pode haber unha conexión importante.

O que queren é que os seus pais tamén se interesen polas súas cousas. Iso é fundamental. Aínda que as súas cousas nos resulten anódinas ou directamente sexan rompedoras co que pensamos: esa traxectoria, eses nenos que fan o deporte, que tocan esa música, que fan esas extraescolares coas que os pais están de acordo. E de súpeto comezan a querer facer cousas, como o que quere facer boxeo. E entón os pais xa están pensando en pelexas tremendas. Ou o que quere empezar a tocar un instrumento, e tocar cun grupo, e os pais xa se empezan a asustar porque o comezan a asociar a esas condutas de risco que tamén ás veces nos preocupan. Aí hai que aterrar un pouquiño e conectar con eses adolescentes que van estar encantados. Non de compartilo porque, sexamos realistas, todo non llelo van contar aos pais, pero si de comezar a filtrar. Sobre todo se entenden que, cando lles diga algo, o meu pai e a miña nai non se van enfadar. E dous, o segundo que van facer, ademais do enfado, non é criticarme e dicirme que o que teño na cabeza é unha barbaridade. Se eses dous elementos están ben manexados, vai ser todo moito máis fácil.

Biografía
Licenciado en Psicoloxía e posgraduado en Psicoloxía Clínica do Neno e do Adolescente, Ángel Peralbo leva 20 anos analizando os cambios sociais e biolóxicos que se producen na adolescencia. É tamén autor dos libros ‘Educar sin ira’ e ‘De niñas a malotas’.