Imposto sobre sucesións e doazóns

O imposto sobre sucesións e doazóns, tal e como é denominado pola lexislación, é o tributo con que se gravan os incrementos de patrimonio obtidos a título lucrativo. Noutras palabras, é o imposto que aboa unha persoa ao recibir por exemplo unha herdanza ou unha doazón. Malia que abarca dous conceptos distintos, herdanzas e doazóns, ambos son incluídos dentro da mesma figura xurídica. Ademais, e aínda que isto se descoñeza na maioría das ocasións, este imposto tamén grava a percepción de cantidades polos beneficiarios de contratos de seguros sobre a vida cando o contratante sexa persoa distinta do beneficiario, salvo que tribute por IRPF.

No caso de sucesións, o tributo é aplicado ao valor dunha herdanza tras o falecemento dunha persoa. Para iso ten que haber herdeiros lexítimos ou ben que a persoa falecida realizase un testamento. Se non é así, ou se se produce unha renuncia á herdanza, é o Estado (central ou autonómico, segundo a lei) quen adquire eses bens.

Pola súa banda, no suposto de doazóns, grávase o valor dunha doazón económica ou outro ben material recibido por unha persoa. Un exemplo disto pode ser o regalo que faga un familiar a outro dunha vivenda, un vehículo ou simplemente diñeiro. Aínda que nesta ocasión a doazón se realiza en vida e non se produce tras o falecemento da persoa que proporciona o ben, hai que tributar por ela igualmente.

Características do imposto de sucesións

Ao definir e categorizar o imposto de sucesións é importante destacar catro das súas principais características:

É un tributo persoal: debe ser asumido e aboado pola persoa que recibe a herdanza ou a doazón.

É un tributo subxectivo, polo que, de acordo coa súa definición e funcionamento, téñense en conta as circunstancias do suxeito pasivo; isto é, a persoa que recibe o ben e que será responsable de pagar o imposto.

É un tributo directo: aplícase sobre os ingresos ou os bens transmitidos e págase á Axencia Tributaria.

É un tributo progresivo: isto supón que o tipo impositivo será maior canto maior sexa a base impoñible. É dicir, a maior cantidade ou valor recibido, maior cantidade de impostos.

Marco regulador

O Imposto sobre sucesións e doazóns regúlase na Lei 29/1987, do 18 de decembro, e no Real Decreto 1629/1991, do 8 de novembro, polo que se aproba o regulamento do citado imposto. Porén, ao tratarse dun tributo cedido ás comunidades autónomas, estas teñen capacidade para regular, entre outros aspectos, as reducións aplicables á base impoñible, a tarifa do imposto, e as deducións e bonificacións da cota.

Debido a isto, o tipo impositivo pode ser diferente en cada unha das rexións de España.

O imposto, en caso de sucesións, debe ser ingresado nun prazo de seis meses desde que se produce o falecemento da persoa que transmite os bens e, en caso de doazóns, en 30 días hábiles contados desde o seguinte a aquel no que se produza a doazón, salvo excepcións. Isto lévase a cabo realizando o pagamento á Axencia Tributaria mediante o modelo 650 (adquisicións mortis causa), o modelo 651 (doazóns) e o 655 (consolidación do dominio por extinción do usufruto).

Tamén che podería interesar

  • Sen comisións nin condicións para gozar destas vantaxes.
    • 0 € por administración e mantemento da conta.
    • 0 € de cota anual da tarxeta de débito.
    • E, por suposto, sen necesidade de domiciliares a nómina ou recibos.

    Gratis, sen comisións nin condicións e sen papelame.

    Só para novos clientes.

  • Para mozos de entre 18 e 29 anos.
    • 0 € por administración e mantemento da conta.
    • 0 € de cota anual na túa tarxeta de débito.
    • Sen necesidade de nómina.

    Sen comisións só por usar a túa tarxeta unha vez ao mes (sacar diñeiro, pagar as túas compras, etc.).