Boletín fiscal novembro 2022

Descargar boletín completo

Índice

Novembro 2022

Chegamos ao final do ano 2022, un ano que non está a pasar desapercibido no ámbito da xestión patrimonial, non só polas turbulencias dos mercados financeiros, senón tamén no plano fiscal.

En efecto, en 2022 estamos asistindo á materialización de algo que desde hai anos parecía que se ía producir, pero que non acababa de suceder. Referímonos á modificación do réxime fiscal das SICAV, que desembocou nunha liquidación masiva destes vehículos.

Así mesmo, encontrámonos coa xestación dun novo imposto, chamado de “solidariedade” das grandes fortunas, que na práctica suporá a fin dos privilexios no imposto sobre o patrimonio que, ata agora, tiñan os contribuíntes con residencia fiscal en Madrid e a anulación do que a partir deste ano ían ter os residentes en Andalucía.

Ademais, non esquezamos que, dadas as datas en que estamos, é o momento de identificar as alternativas ofrecidas pola lexislación vixente que poderían contribuír a

mellorar a tributación polo imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). En relación con estas, como sempre, cómpre lembrarmos a importancia das regras de integración e compensación de rendas, que nos poderían permitir aproveitar fiscalmente as perdas xeradas durante o exercicio, estean ou non materializadas, así como as que puidésemos ter pendentes de exercicios anteriores.

Outra cuestión que é preciso ter en conta este ano, que non queremos deixar de mencionar, é que, segundo o Proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, a partir do próximo 1 de xaneiro producirase un incremento dos tipos máximos da escala de gravame aplicable sobre a base de aforro, o que podería afectar na toma de decisións até o final do ano.

En definitiva, terminamos un ano que estivo marcado pola modificación do réxime fiscal das SICAV e a elección por parte dos seus socios ou accionistas da alternativa de investimento que mellor encaixase na súa estrutura patrimonial, e a perspectiva dun 2023 no que asoma o novo imposto de “solidariedade” das grandes fortunas.

Jesús Muñoz García

Director de Planificación Patrimonial

Banca Privada do BBVA

Entramos na recta final do ano, momento clave para identificar as alternativas de optimización que poderían contribuír a mellorar a tributación polo imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ao exercicio 2022.
A Lei 12/2022, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) do pasado 30 de xuño, volve introducir modificacións no tratamento fiscal aplicable ás achegas a plans de pensións e aos demais sistemas de previsión social.

Nos últimos meses, a Dirección Xeral de Tributos pronunciouse sobre determinadas cuestións relacionadas coa tributación de produtos financeiros que consideramos de interese na xestión de patrimonios, algunhas delas relativas ao réxime transitorio de disolución con liquidación das SICAV.

A Dirección Xeral de Tributos admite a posibilidade de que activos financeiros peñorados en garantía de préstamos destinados a investimentos relacionados coa actividade económica da sociedade poidan considerarse afectos. Así mesmo, pronúnciase sobre a aplicación do requisito de mantemento na redución da empresa familiar no imposto sobre sucesións e doazóns cando se producen determinadas operacións societarias na entidade herdada ou doada.

A continuación, comentamos algunhas recentes contestacións a consultas tributarias da Dirección Xeral de Tributos, que consideramos que poden ser de interese, tales como (i) a consideración como ben produtivo da vivenda habitual para os efectos da aplicación da regra do límite conxunto de tributación do imposto sobre o patrimonio xunto ao IRPF; e (ii) no ámbito do investimento en criptomoedas, a aplicación do sistema FIFO na transmisión destes activos e o tratamento fiscal do denominado “staking”.

Para ter en conta:

O contido desta sección é simplemente informativo e non presupón asesoramento fiscal ou xurídico.