Rosan Bosch

Deseñadora de espazos educativos 

"Os espazos físicos deberían ser tan diversos como as persoas que os habitan"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Molestábame moito ver os meus fillos ao volver para a casa sen gana de debuxar, nin de ler. Falando da escola como unha cousa negativa, aburrida. Para min foi aí, en realidade, cando comezaron as ganas de querer cambiar isto. Fun falar co profesor dos meus fillos e díxome: “Ben, gustaríame moito cambiar isto, pero non podo. Teño 30 nenos, estamos nunha aula sós e o meu problema é que, aínda que me gustaría diferenciar, na aprendizaxe, cando hai algúns que están falando molestan os demais. E é por iso que temos que facer máis ou menos o mesmo a un tempo. Sempre haberá algúns nenos que se aburran”. Pensei que eu coas miñas habilidades de deseñadora, de artista, os podía axudar. Podía cambiar o ambiente físico da súa aula para que se puidese traballar cos nenos de maneira máis diferenciada. Este foi o principio. Eu quería salvar os meus fillos, que conservasen a gana de explorar.

A creatividade non é algo que faga falta fomentar porque é algo que temos. Ti naces con creatividade, cada neno nace con creatividade, non só os artistas son creativos, todos somos creativos. O que pasa é isto, que a escola está apagando esta creatividade. Entón é máis conservar esta creatividade, estimulala e axudar a que creza e que haxa posibilidades no ambiente físico e na organización, no contexto social dunha escola. Que o estimules, pero tamén que sintas que cho permite.

A creatividade vén de algo moi básico, de ter a posibilidade de actuar sobre as túas propias ganas, a túa curiosidade e a túa motivación, que vén de dentro. O problema é que, se creamos espazos que en realidade fixan o uso, estamos cun profesor cos nenos nunha aula e esta aula crea unha situación de control, é unha situación de control dos nenos. Eles non se poden mover libremente, non poden ir onde queiran, non poden traballar co que lles dea a gana, comezar a debuxar cando o profesor está falando, por exemplo, por dicir algo. O que facemos co deseño é que, en vez de pensar nun deseño de control, pensamos en paisaxes de aprendizaxe. E esas paisaxes de aprendizaxe constrúense a partir de aceptar que cada un de nós é distinto e necesita distintas situacións físicas, de cores distintas, con materiais distintos, dependendo de distintas situacións que necesitamos para traballar.

"A motivación é a forza máis potente que temos todos dentro"

O primeiro profesor é o profesor de toda a vida. O segundo profesor son os teus compañeiros, os outros nenos. E o terceiro profesor é o ambiente físico, porque en realidade facilítache descubrir como aprendes mellor. E nós hoxe en día dicimos que o máis importante que teñen que aprender os nenos na escola é aprender como aprender. Porque sabemos que un 65% dos nenos que comezan en Primaria van ter un posto de traballo cando saian que hoxe en día non existe. Entón, sabemos unha cousa que teñen que aprender na escola: é aprender como aprender. E para chegar aí necesitan descubrir: Como funciono eu? Como me concentro? Cando me teño que concentrar moi profundamente, como o fago? Se eu teño que traballar contigo nun traballo colaborativo, que fai falta nun ambiente físico para que teñamos a mellor situación de traballo colaborativo?, etc. Entón, o terceiro profesor é un ambiente físico que axuda o alumno, pero tamén o profesor, a aprender como aprender.

Trátase da diversidade e de como configurala. Eu creo que é moi fácil. Se permitimos uns ambientes que están deseñados con diversidade, o ambiente físico simplemente nos fala. Porque a verdade é que un espazo, un ambiente uniforme, non permite a diversidade. Entón, hai alguén que ten que quedar quieto porque senón molesta os demais. Nun ambiente máis diverso, tamén hai un sistema de organización de escolas distinto. Porque é verdade que estas escolas que son paisaxes de aprendizaxe non poden funcionar se continuamos funcionando da mesma maneira que antes. Se pos o profesor cos seus 30 alumnos e ten que controlar as actividades destes alumnos, ao revés, non funciona. Temos que pensar como configuramos o tempo do profesor cos alumnos. E aí entra o contexto, a palabra “autonomía”, a independencia, o traballo por proxectos, o traballo por retos. A verdade é que, nunha escola tradicional, sobre todo estamos controlando o movemento físico do corpo dos nenos. No futuro queremos que este mesmo neno, cando sexa adulto, saiba moi ben cando quedar e cando marchar. Que saiba moi ben manexar unha aprendizaxe independente. Se non lles damos un pouco desta independencia aos nenos agora, como van aprender como manexar esta independencia de adultos?

Biografía
Directora dun estudio de arquitectura co seu nome e deseñadora de interiores. Rosan Bosch creou espazos innovadores na escola co obxectivo de mellorar o ambiente de aprendizaxe. Autora de libros como “Diseñar un mundo mejor empieza por la escuela”, tamén participou en proxectos similares en hospitais ou bibliotecas.