Francesco Tonucci

Mestre e pedagogo

"Educar significa “traer para fóra” de cada un de nós aquilo para o que nacemos"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Cando me preguntaban de que traballo, como non me gusta dicir que son psicólogo ou pedagogo, dicía que son “nenólogo”. E dicíao en serio porque creo que o que máis fixen na vida foi dedicarme a entender e a coñecer a infancia. A recuperar a infancia, porque nós, os adultos, deberiámola coñecer xa que todos fomos nenos.

Na escola fanse cousas aburridas, fanse cousas pesadas. Se é verdade, é difícil que a escola consiga os resultados que espera, de formar persoas. E non o digo eu, dicíao unha persoa moi importante chamada Bruner, que é un psicólogo dos Estados Unidos que faleceu hai poucos anos, que dicía que non se pode tolerar que os alumnos se aburran na escola. Hai que evitalo custe o que custe, dicía. E, lamentablemente, ocorre. E el falaba de presión. Na escola pásase moito tempo. Moitas horas ao día. Moitos días á semana. Moitas semanas ao mes. Moitos meses ao ano. E moitos anos. E vivir todo isto baixo presión é moi pesado. E non produce.

Propoño que a escola supere a idea da aula. Estou convencido de que a aula non é un lugar natural. É un lugar que se repite nunha escola moitas veces. Co mesmo mobiliario, máis ou menos co mesmo na parede… E isto é un pouco raro, non si? Imaxinade unha casa con todos os cuartos iguais. Sería como un filme de medo. E neste lugar sempre igual faise de todo. Na mesma mesa, coa mesma cadeira, na mesma postura faise Matemáticas, Lingua, Debuxo, Música, Ciencias… E non se pode facer ao contrario? Non ter aulas, senón talleres. E cada un para unha cousa distinta. E os nenos camiñan, andan. Saen dun lugar para entrar noutro. Non é camiñar moito, pero é algo. Non é estar sempre sentado no mesmo lugar. En moitos talleres non necesitamos cadeiras. Esta idea gústame moito. A idea da escola aberta. E a escola abre en dous sentidos: Sáese da escola para coñecer o mundo a natureza, o mundo social… E a escola abre para recibir o mundo.

"A escola non pode ser aburrida. Só nun clima relaxado e divertido un neno pode crecer de verdade"

Hai 20 ou 30 anos, isto era o normal. Saíase da escola para coñecer o medio, para visitar o barrio, para coñecer a cidade… Facíanse excursións á natureza, para observar, para recoller algo e levalo á escola… E a escola convidaba, por exemplo, os pais para que explicasen a súa profesión, os avós, para contaren a súa historia, que era moi interesante.

Os exames son unha maneira de avaliar e de medir todos á mesma altura. Non si? Se un responde ben, se o fai moi ben, saca unha nota moi alta: oito, oito, oito. Que significa un oito? De onde partiches? Se tiñas un nove e agora un oito, empeoraches. É negativo. Non fixeches nada. Pero se tiñas un catro e agora sacas un seis, é moito. Por iso, un exame cun nivel igual para todos é unha grande inxustiza. A escola non debería ter o obxectivo de que todos sexan iguais. Debería ser o contrario: que todos sexan desiguais, distintos. Que se valorasen as diversidades. Xustamente hoxe en día, a escola acepta a todos. Nenos listos, nenos menos listos… Cando eu era pequeno, os que tiñan problemas ían a unha “escola diferencial”, para os que non aprendían ben. Agora están nas escolas.

Os mestres deberían ser persoas de confianza. Persoas nas que se poida confiar. A min non me gusta que sexan outros pais. Creo que unha nai ou un pai xa son suficientes. Gustaríame que os mestres e profesores fosen outra persoa igualmente importante, con moito prestixio pero amables. Moitas veces pénsase que se ten prestixio debe ser unha persoa distante. É totalmente falso. Os grandes mestres sempre tiveron alumnos e alumnas que os querían. Isto é o que temos que intentar.

Biografía
Este debuxante, mestre e pedagogo é un firme defensor dos dereitos da infancia. Autor dos libros "Los niños y las niñas piensan de otra manera" ou "La città dei bambini", tamén cre nunha escola máis aberta, con talleres substituíndo as aulas convencionais e os nenos decidindo por si mesmos en que queren investir máis tempo.