Escola Pública de Carcavelos

A puxanza da educación portuguesa

Portugal é o único país que mellora o seu nivel educativo segundo o informe PISA.

Podes ver o vídeo completo aquí.

João Maroco, director:

Aínda que nos últimos 15 anos tivemos diferentes correntes políticas e ideolóxicas, gobernos máis de esquerdas ou máis de dereitas, no Ministerio de Educación existiu continuidade nas políticas concibidas para aumentar a esixencia e o rigor. E tamén para establecer uns obxectivos, unhas metas curriculares, uns programas ben fundamentados, ben sustentados cientificamente, unha maior esixencia co que se supuña que os alumnos debían facer en cada curso escolar, e unha maior esixencia co que se supuña que os profesores debían ensinar nos distintos cursos escolares.

A pesar dos condicionantes; de familias con menor poder económico, social e cultural, economías máis febles, escolas menos dotadas, profesores menos seleccionados, se comparamos o noso contexto social, económico e cultural, tanto das familias coma das escolas, co das escolas finesas, veremos que ao final o 'alumno aplicado' é Portugal.

O sistema entendeu claramente, e tamén os profesores, os pais, os alumnos, que as esixencias de rigor e da realización de probas era maior, e iso fixo que os profesores estivesen máis motivados para cumprir programas e obxectivos e os alumnos estivesen máis motivados para aprender. Creo que esta rendición de contas é, no caso da evolución portuguesa, o principal factor que explica a mellora dos resultados.

"Está prohibido que os alumnos leven deberes para a casa, pero si teñen a obriga de estudar na casa"

Isabel Flores, investigadora educativa:

Portugal mellora cada vez máis nas probas PISA, nos resultados de todas as competencias: lingua, ciencias e matemáticas. En 2015, cando a expectativa era que empeorásemos debido á crise, pois non: consolidamos a nosa subida e a nosa tendencia, e iso chamou a atención.

Os factores que eu identifico e que creo que é importante destacar son: a universalidade de preescolar, e unhas familias e uns mozos máis ambiciosos e que cren máis na escola como perspectiva vital…

Temos profesores que están dispostos a dar para axudar os alumnos nun país pobre como Portugal. Un dos indicadores de PISA é o que se constrúe a partir dos cuestionarios dos alumnos, que é un indicador do status socioeconómico e cultural. Este indicador non puntúa na media dos países e Portugal está un 40 % por debaixo da media. É un país pobre no contexto da OCDE.

Un aspecto que cambiou moito en Portugal nos últimos anos foi o número de escolas que, aínda en medios sociais difíciles, teñen bos resultados. E isto acontece sen que haxa un grande investimento por parte do Goberno, nin grandes políticas pola súa parte. E eu creo, honestamente, que estas tendencias na propia escola, como o demostra a escola de Carcavelos, van ser máis frecuentes e cada vez haberá máis escolas capaces de faceren isto. O que está acontecendo é un cambio silencioso. Cando nos queiramos decatar, xa terá acontecido.

Máis do que as políticas públicas postas en marcha por un ou outro goberno, o que en realidade hai é unha motivación que vén de dentro da comunidade escolar e de que está a seu arredor, que ás veces son as empresas, as asociacións e todo iso, e que está a crear esta idea de que a escola pode cambiar a vida das persoas.

Biografía
A Escola Pública Cascavelos non é máis que un exemplo da evolución da educación en Portugal, único país que non deixou de mellorar os seus resultados no informe PISA desde o ano 2000. Algunhas das medidas que tomaron é eliminar as clases os venres á tarde, impedir que os alumnos repitan ata 3º da ESO para que non se desanimen, prohibir os deberes para a casa ou fomentar habilidades como falar en público ou colaborar con compañeiros.