Risco de reinvestimento

É o que asume o posuidor dun valor de renda fixa, como consecuencia do efecto que poida ter a evolución dos tipos de xuro ao volver investir os fluxos derivados do seu investimento. Prodúcese sempre polos fluxos de caixa xerados e tamén polo reembolso do principal ou polo prezo de mercado do activo, en caso de que o horizonte temporal do investimento non coincida coa data de vencemento deste. As variacións dos tipos de xuro producirán unha maior ou menor rendibilidade no reinvestimento dos fluxos de caixa, respecto da inicialmente prevista; por outro lado, no vencemento do activo, se é preciso reinvestir o capital, o nivel dos tipos de xuro determinará unha maior ou menor rendibilidade do investimento no último período. Nos bonos cupón cero non existe risco de reinvestimento porque se percibe un único fluxo no vencemento.