Victor Küppers

Profesor e escritor

"Educar faise con cariño, moito cariño, e tempo, moito tempo"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Aos meus fillos sempre lles inculquei tres conceptos. O primeiro é desenvolver a bondade, ser boas persoas. Na vida o talento é importante, o diñeiro é importante, o traballo que tes, pero é moito máis importante ser boa persoa. É incompatible ser bo profesor e mala persoa ou ser boa parella e mala persoa. O segundo consello que lles dou é non perder nunca a alegría. A alegría axuda moito, pero a alegría non é ser gracioso, é ese concepto da alegría de vivir. Un ten que intentar vivir alegre, porque non é un tema xenético, apréndese, desenvólvese, e apréndese vendo o positivo antes que o negativo. Cando un é alegre, as relacións cos demais funcionan mellor, enfádaste menos, un asume que a vida ten cousas que nos gustan e cousas que non nos gustan. Hai persoas que loitan por vivir con alegría, por se queixaren menos, por valorar o positivo. E a terceira e última cousa que lles digo é que, cando teñas un traballo, cando estás traballando, non se trata de facer cousas extraordinarias, trátase de facer de maneira extraordinaria as pequenas cousas ordinarias.

Hai que loitar contracorrente para vivir con ilusión, con alegría, e é moito máis difícil. É moito máis difícil ser optimista que pesimista. Pero é un esforzo, é unha loita que paga moito a pena. Como se consegue ser máis alegre e optimista? Primeiro, sendo consciente de que é unha elección. Hai persoas que están comprometidas, que teñen ganas de vivir con alegría e fallan unha vez e seguen, fallan unha vez e vólvense erguer. Hai persoas que, malia todos os problemas persoais e profesionais, seguen sorrindo, seguen traballando con alegría, seguen transmitindo ilusión, e ás seis da mañá. Que fan esas persoas? Porque se o fan algunhas, podémolo facer todos.

Nunca hai que perder a esperanza, nunca. Cando un perde a esperanza, acabouse. É verdade que a sociedade que creamos as xeracións anteriores é unha sociedade complicada, difícil, que non axuda nada as persoas novas, pero un non pode perder nunca o ánimo. Pensa que cando perdes o ánimo, perdes o mellor que tes. Hai unha fórmula que di que ti vales os teus coñecementos, ti vales a túa habilidade ou experiencia e ti vales a túa actitude ou maneira de ser. Pero a actitude multiplica, é dicir, a diferenza entre o grande e o mediocre está na actitude, na maneira de ser. Cando ti te desanimas, ti non perdes coñecementos, ti non perdes experiencia, alguén pode estar moi desanimado pero segues aprendendo. Cando te desanimas, perdes o mellor que tes que é a túa actitude, é a túa maneira de ser. Cando ti te desanimas pasas de ser unha persoa absolutamente estratosférica a ser unha persoa do común, de ser un profesional brillante a ser un profesional mediocre. A vida é estado de ánimo. Cal é o traballo das persoas que somos profesores ou as persoas que temos un pouco máis de sorte e neste momento non temos ningún drama, ningún problema grande? Axudar os demais a non perderen o ánimo. Este é un dos traballos importantes que ten un profesor. Tamén hai que pensar en cal é o teu obxectivo na vida, que é o que te motiva, porque hai moitas persoas novas que están confundidas, e educar tamén quere dicir dar luz sobre cal é o sentido que pode ter a túa vida. Eu sempre pensei que a felicidade na vida é encontrar o sentido, e cada un ten o seu, o que se chama a vocación. Isto tamén é un traballo dos profesores, axudar os seus alumnos a encontrar cal é a súa vocación.

"A regra de ouro para comunicarnos mellor é ‘trata os demais como che gustaría que te tratasen a ti’"

Unha actitude que me gustaría que tivesen os meus fillos é a amabilidade. Hai un mecanismo que temos todos os seres humanos que é indiscutible, ti fas algo bo polos demais e ti sénteste ben, iso é innegable. Todo o mundo que se dedicase a algún labor de voluntario sabe que é moi gratificante porque fas algo polos demais. Cando es amable cámbiache o carácter, es moito máis alegre, pero, é que ademais de que ti estás mellor, ademais de que os demais están mellor e que é gratis, ser amable ten unha cuarta vantaxe enorme. É que te obriga a intentar ser a mellor persoa que podes chegar a ser. Porque cando queres ser amable, ás veces tes que escoitar unhas persoas, ás veces tes que aguantar unha porta, ás veces tes que acompañar, ás veces tes simplemente que estar. Hai que desenvolver a paciencia, hai que ser xeneroso.

Eu creo que unha sociedade non é rica porque teña petróleo baixo as pedras ou gas. Unha sociedade é rica pola calidade humana das persoas que a forman. Necesitamos futuras xeracións que cambien a sociedade e esta cámbiase con educación. A educación é cando alguén utiliza «por favor» e «grazas», que son dúas fórmulas que quitarán do dicionario por falta de uso.

As relacións cóidanse con cariño e tempo. Hai unha regra que se cumpre sempre nas relacións humanas, que é de sentido común pero que esquecemos, planta que non regas, planta que morre. Pois nas relacións ocorre o mesmo, cos nosos fillos, coa nosa parella, cos nosos amigos… O que non coidas, morre. Necesitamos reivindicar o afecto, a tenrura nas relacións coas persoas que máis queremos, e despois é tempo. Tempo, e se alguén di que non ten tempo para dedicar aos seus fillos, é que non é verdade. Basicamente, hai unha estatística que é oficial que di que neste país a media de televisión por persoa e día é de catro horas, por persoa e día catro horas. Pois hai quen di que non ten tempo. É o noso traballo, como pais e profesores, educar, e educar faise con cariño, moito cariño, e tempo, moito tempo. Porque aquilo de: «eu pouco tempo, pero de calidade» é un conto de vellas, que alguén inventou para ter a conciencia tranquila e, se tal, colle unha planta e ponlle dúas pingas ao mes, de máxima calidade: morre igual.

O papel dun líder é o de influír, é o de inspirar, é o de transmitir, é o de contaxiar, é o de ilusionar, é o de motivar, é o de axudar e iso ten que ver co que transmites como persoa. Cando inflúes nos demais, todos temos dous tipos de comportamento, todos temos un comportamento normativo. É o que hai que facer para non ter problemas, normativo é que a clase non se vén con chancletas, normativo é que o que conduce autobuses ten que parar nas paradas establecidas. E despois, todos temos un comportamento que se chama espontáneo. Espontáneo é o que fas porque che dá a gana. Cando un condutor de autobús, entre dúas paradas, ve que hai unha persoa que perdeu a parada anterior e está correndo, e decide frear para esperala, iso non é normativo, iso é espontáneo, faino porque ao condutor lle dá a gana. O que hai que conseguir cando un é líder é que as persoas dean o normativo e dean tamén o espontáneo. Ao final, o traballo dun líder é sacar o mellor que levan as persoas. O teu traballo como profesor é intentar sacar o mellor que levan os alumnos dentro, axudalos a que saquen o mellor, e iso require tratalos un por un, por iso é un traballo tan difícil o de profesor. A esencia para ser bo líder é ter paixón por axudar.

Biografía
Doutor en Humanidades e licenciado en Administración e Dirección de Empresas, profesor universitario e formador. Autor de libros como "El efecto Actitud" e "Vivir una vida con sentido". É un grande experto na psicoloxía positiva e defensor da actitude como un factor esencial tanto na educación como na vida en xeral.