Sugata Mitra

Científico e profesor de Tecnoloxía

"Un grupo de nenos con acceso independente a Internet pode aprender o que sexa por si mesmo"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Comecei traballando en Nova Deli, nunha oficina moi grande e bonita, ensinando a xente a programar. Xusto diante da miña oficina había un suburbio enorme con centos de nenos que non facían nada. Dedicábanse a xogar ao fútbol e cousas polo estilo, pero non facían nada. Así que pensei: “Que raro. Talvez algúns deses nenos poderían chegar a ser uns programadores estupendos. Así que, por que non os ensinamos?”. E a resposta era moi sinxela: “Como vas pór unha escola no suburbio? Non hai sitio. Está moi sucio. Os bos profesores non queren ir alí”. Pero que pasaría se collese un ordenador e llelo dese aos nenos? E a xente dicíame: “É unha idea estúpida porque nunca antes viron un ordenador”. Así que fixen o experimento. O primeiro problema era: se queres pór un ordenador no suburbio, onde o pos? A miña oficina tiña unha parede no perímetro e o suburbio estaba do outro lado. Así que fixen un burato. Collín o monitor do ordenador e púxeno contra o cristal. De maneira que apuntaba cara ao suburbio. E entón collín un panel táctil e metino tamén atravesando o muro. Tiña instalado o Windows e unha conexión a Internet. Nada máis. Non tiña aplicacións. Nada. Eles ollábano e non pasaba nada. Despois de seis ou sete horas, un amigo meu veu e díxome: “Como os ensinaches a usar o ordenador?”. E díxenlle: “Eu non lles ensinei nada. Por que? Que están facendo?”. E díxome: “Pois están navegando. E estanse ensinando mutuamente a navegar”. Pero como conseguiran estes nenos facer todo iso? Así que montei vinte e dous terminais por toda a India: en desertos, en aldeas, preto do mar, preto de ríos, no alto das montañas, no Himalaia, por todas partes. E en todas as partes ocorría o mesmo. Grupos de nenos viñan e en menos dun ou dous días empezaran a baixar xogos e a xogar a todo tipo de cousas. E todo o mundo me preguntaba: “Quen os ensina?”. Eu sigo sen ter unha resposta, pero creo que teño unha idea aproximada de cal pode ser. Chameino “aprendizaxe autoorganizada”, porque non hai profesor.

Aos profesores dígolles: “Que se pode facer nesta situación, na que pode haber preguntas para as que non tes unha resposta, na que pode haber preguntas que nin se che ocorreron? O único que podes dicir aos nenos é: ‘Indagádeo vós'”. Verdade? Que máis podemos facer? É como se houbese un grupo de nenos e houbese un bosque, un bosque descoñecido, do que non sabes nada. E os nenos queren ir alí. Que lles dis? Eu aconsellaría aos profesores que lles dixesen: “Vós ide, que eu acompáñovos”. Iso é moi importante. Non lles ides dicir: “Vós ide, que eu vou quedar aquí co meu cafeciño”. Así é como eu lidaría coas cuestións referentes ao descoñecido.

"O mecanismo universal de aprendizaxe depende da conexión entre persoas, e en Internet hai miles de millóns de persoas conectadas entre si"

Outra pregunta importante en educación é: Canto fai falta saber? Supoño que moitos aprenderon a resolver unha ecuación. Unha ecuación de segundo grao. Algunha vez fixestes unha ecuación de segundo grao despois de clase? Seguro que non fixestes nin unha. Por que ensinabamos trigonometría? Porque podías estar nun barco, perdido. E cun compás, ollando as estrelas e cuns cálculos trigonométricos podes saber a túa posición. Iso fai falta hoxe en día? Temos un móbil ao que lle podes dicir: “Onde estou?”. Así que, fai falta saber trigonometría? Temos que repasar a fondo a lista de cousas que consideramos que hai que saber. Estou seguro de que case todo o mundo aquí usa o WhatsApp, ou algo parecido. Alguén sabe como funciona? Que pasa cando escribes, onde vai? Como se despraza? A que velocidade vai? Como chega ao outro móbil? Non o sabemos. Pero case todos os que estamos aquí sabemos como funciona un motor a vapor. E que sentido ten? Ides encontrar algunha vez un motor a vapor? Pois estades mirando o WhatsApp a cada momento e non sabedes como funciona. Por que non incluír o WhatsApp no plan de estudos? A resposta? Porque non hai ningún profesor que o poida ensinar. Para cando haxa un profesor cualificado para ensinalo, o WhatsApp xa non existirá e haberá outra cousa. Non se pode ensinar. Pero pódese aprender. Que se pode facer? “Vós ide, que eu acompáñovos”.

Debería permitirse usar Internet nos exames. A xente pensa que se che deixan Internet nun exame, entón serás capaz de responder todo. Pero que sentido ten facerche preguntas que poderías responder se tiveses Internet, despois quitarche Internet e dicirche: “Dime a resposta”? Ten algún sentido? É como pedirlle a alguén que me dea a hora sen mirar o reloxo. Que sentido ten? Se se permitise ter Internet, as preguntas que se formulen no exame terían que cambiar por completo. Tería que haber preguntas para as que non hai unha única resposta. Nas que tiveses que pensar. Nas que tiveses que escribir o que pensas, en vez da resposta. O problema é como avaliar unha resposta como esa. Aínda non o sabemos.

Eu non diría que os profesores non son necesarios. Os profesores fan moita falta, pero o seu propósito está cambiando. O propósito que adoitaban ter antes era o de saber cousas, contarche estas cousas que saben para que, entón, ti tamén as saibas. Ese propósito xa non é válido. E quizais xa non sexa sequera posible porque hai situacións nas que os profesores non saben nin poden saber. Os profesores pódente axudar a chegar aí. O profesor dáche a posibilidade. Abre a porta. Móstrache onde está o bosque. Diche onde están as maiores incógnitas, pero non ten as respostas.

Biografía
Doutor en física e profesor de tecnoloxía educativa da Universidade de Newcastle (Reino Unido). Sugata Mitra investiga aquilo que denominou como educación minimamente invasiva, a capacidade de autoaprendizaxe dos nenos co uso de Internet e das novas tecnoloxías. O seu proxecto foi implantado en colexios de máis de 50 países.