Silvia Álava

Psicóloga educativa e da saúde

"Os deberes sempre son responsabilidade dos nenos, nunca dos pais"

Podes ver o vídeo completo aquí.

A psicoloxía pode axudar en moitas cousas aos pais de adolescentes. O primeiro, a entender moi ben que é o que ocorre na adolescencia, pois explicáronnos moi ben os cambios fisiolóxicos hormonais que se producen, pero non os cambios psicolóxicos. E na adolescencia, en canto se empeza a liberar a quispeptina, toda a hormona que empeza a disparar todos os caracteres sexuais secundarios, tamén comporta unha serie de cambios mentais e psicolóxicos. Poténciase moito o sentido crítico. Antes, o que ti dicías non se cuestionaba, e agora empezan a facelo.

Sempre dicimos que os nenos aprenden por modelado e que a súa principal fonte de aprendizaxe son os pais. Cando chega a adolescencia, o modelo fundamental son os amigos, os iguais. Ás veces son cantantes, YouTubers, ou outras cousas que van encontrando por aí, pero seguen necesitando dos pais, de que estean aí.

Cando os nenos son moi pequenos xogan a carón doutros nenos, nin sequera con eles. Logo, os amigos son circunstanciais, son o neno que che puxeron ao lado co que compartes o pupitre, co que está na túa clase. A partir dos oito anos xa hai unha selección máis en función das características e, aos doce, é cando van afianzar realmente o grupo de amigos.

"É importante darlle ao neno ferramentas para solucionar conflitos cos seus iguais"

Non podemos pretender empezar a ter unha comunicación boa e favorecer un bo clima de confianza cando chega a adolescencia. Se non o fixemos de pequenos vainos custar moito máis. O primeiro que temos que establecer é un clima de confianza para que vexan que se pode falar de calquera cousa. Ademais, hai que reservar un tempo e un espazo. E unha cousa fundamental: escoitar. Escoitar é máis difícil do que parece, porque cando dicimos que estamos facendo unha escoita activa significa que eu me esquezo de min e que me centro soamente en ti.

O concepto de castigar implica que ti tes unha cousa e entón, nun determinado momento, fas algo mal e eu quítocho. Logo, é verdade que pode que aprendas, que rectifiques. Entón, é mellor se traballamos reforzando a conduta positiva, é dicir, o que o neno ten que facer. Se fixeches os deberes, entón poderás ir, coller a tableta e xogar un pouquiño. Ou, no caso de que xa recolleras todo o cuarto, que xa colaboraras na casa, pois ao mellor podes facer estoutra pequena cousa.

É verdade que aos nenos hai que darlles moita autonomía, hai que deixar que sexan cada vez máis autónomos, que sexan capaces de resolver sós os conflitos do día a día, de xestionar as cousas. Pero a clave fundamental vai estar en acompañar. É dicir, durante as primeiras etapas non é que eu estea a te controlar, xa que sabemos que a sobreprotección é un dos maiores erros educativos que se cometen hoxe en día, senón que estou ao teu lado acompañándote e vendo que todo está saíndo ben.

Biografía
Psicóloga Educativa e Psicoloxía Clínica e da Saúde. Autora de libros como "Queremos que medren felices", "Contos para comer sen contos" e "A psicoloxía que nos axuda a vivir”. Entre os seus principios educativos básicos destaca a importancia da autonomía dos nenos, ademais da súa aposta decidida por permitir que se equivoquen para que aprendan.