Leontxo García

Xadrecista e xornalista

"O xadrez é o mellor ximnasio para a mente".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Que tipo de modelos de comportamento estamos fomentado para os nosos nenos? Estamos erixindo como modelos de comportamento, por exemplo, os heroes do telelixo. Iso é terrible. Estamos facendo que os nenos se fixen, como modelos para imitar, en persoas totalmente frívolas, baleiras, que non contan absolutamente nada interesante e que, ademais, o fan en hora punta con moitos nenos vendo a tele cos pais. Ou pomos de modelo de comportamento futbolistas que meten os dedos nos ollos do rival ou que os insultan da maneira máis groseira ou finxen lesións para enganaren o árbitro. Eses son os seus ídolos. Non deberiamos traballar todos pondo cada un un gran de area para que os ídolos de comportamento, os modelos para os nenos sexan científicos, escritores, traballadores dunha ONG e, por suposto, mestres? E, se eliximos deportistas, que sexan realmente modélicos. Estou a me lembrar, por exemplo, de Rafa Nadal, que nunha entrevista, ante a pregunta de: “Sénteste importante por seres moi famoso?”, respondeu: “Eu? Non. Como me vou sentir importante se o único que sei facer moi ben é pasar unha pelota dun lado da rede para o outro? Eu non me podo sentir moi importante por iso”. Ese o tipo de modelo de comportamento que necesitamos.

Unha cousa é o xadrez deportivo e outra cousa é o xadrez como ferramenta educativa. Pódete aburrir ou non interesarche a alta competición, iso é moi normal, pero non coñezo ningún caso dun alumno que se aburra en clase cando o seu mestre ou mestra está utilizando o xadrez como ferramenta educativa, sempre que eses mestres estean ben formados. É dicir, o caso que mellor coñezo é o da miña compañeira profesional, Lorena García, que utiliza, por exemplo, pezas de cores ou fai que xoguen ao xadrez nun ximnasio e os nenos poden xogar deitados ou poden xogar sentados ou xogan por equipos ou por parellas, con xogos combinados con dous taboleiros a un tempo, onde as pezas que se comen dun taboleiro pasan ao outro… Eses nenos estanse divertindo. Para gozar xogando ao xadrez ou para utilizalo como ferramenta educativa non fai falta ter ningún tipo de intelixencia especial. Calquera tipo de persoa de calquera idade, condición ou nivel intelectual pode gozar do xadrez ou utilizalo como ferramenta educativa.

"Xunto á música, non hai unha ferramenta pedagóxica que sexa tan eficaz, transfira tantos valores nin sexa tan divertida como o xadrez".

Os alumnos de xadrez educativo desenvolven máis a súa intelixencia que os outros, en xeral, en múltiples parámetros, incluída a intelixencia emocional. Tamén melloran o seu rendemento académico, en xeral, pero, sobre todo, en dúas áreas que son matemáticas e comprensión lectora. Isto está mesmo cientificamente demostrado. Ademais, hai moitísimas outras calidades, poderiamos facer unha lista de corenta ou cincuenta, pero, por citar só unha, saber gañar e perder, no xadrez desenvólvese dunha maneira moi especial porque ti, no xadrez, máis que en ningún outro deporte, non lle podes botar a culpa da túa derrota nin ao árbitro, nin a que está chovendo, nin a que o terreo está enlamado. A sorte practicamente non inflúe. Polo tanto, no xadrez, o que perde é o que máis aprende. Se eu xogo unha partida agora contigo, e ti me gañas, o primeiro que eu vou facer é preguntarme por que perdín. Estou desenvolvendo o pensamento autocrítico dunha maneira moi intensa. Se eu xogo ao xadrez con frecuencia, estou facendo iso moi frecuentemente. Non me cabe ningunha dúbida de que aí podemos falar de transferencia, é dicir, que iso que me está desenvolvendo o xadrez é transferible á vida real e eu vou ser autocrítico na miña vida normal ante calquera situación porque teño unha especie de músculo automatizado no cerebro para ser autocrítico. Pero, en fin, a lista de virtudes, valores e habilidades que desenvolve o xadrez é moi longa.

Ter un pensamento flexible é esencial. Xa non abonda con pensar, agora hai que aprender a pensar de maneira flexible. E, aí, o xadrez funciona moi ben porque se eu xogo unha partida contigo e, durante esa partida, hai varios momentos nos que unha soa xogada túa ou miña nos vai obrigar a cambiar a avaliación de todo o taboleiro. E, ademais, témolo que facer rápido porque o reloxo está en marcha.

Biografía
Leontxo García é xornalista especializado en xadrez desde hai máis de 30 anos, ademais de xadrecista de competición desde os 14. É un dos grandes divulgadores do xadrez como correspondente, presentador de televisión, redactor e conferenciante en máis dunha vintena de países. Autor do libro ‘Ajedrez y Ciencia, pasiones mezcladas’, en 2011 foi galardoado coa Medalla ao Mérito Deportivo.