Jordi Nomen

Profesor e autor de "El nen filòsof" 

"A filosofía é un elemento básico de cidadanía que debería estar presente en todas as escolas"

Podes ver o vídeo completo aquí.

A filosofía é un saber que nos fai críticos, que nos fai creativos, que nos fai coidadosos. Se eu tivese que explicarllo a un neno, o que non faría é explicarllo. É dicir, traballaría con preguntas. Diríalle, por exemplo: “Como te chamas?”. E, a partir de aquí, preguntaríalle se o seu nome é importante para el, se o fai único. E, a partir de aquí, diríalle que máis é o que o fai único. Se tivésemos que retomar para todo o mundo que é a filosofía, pois xustamente, é ese saber que nos permite interrogarnos sobre as cousas, que nos permite darlles sentido e actuar. Comprender para actuar. A filosofía non debería ser só un pensamento teórico que queda aí, no éter flotando, senón que debería ter tamén ese factor de actuación. Para cambiar, especialmente, as inxustizas que son moitas e moi importantes no noso mundo.

A filosofía serve para ver cales son os prexuízos, os estereotipos que temos, cales son as ideas preconcibidas que levamos connosco, na nosa mochiliña, detrás. Isto é moi importante porque permite ver cales son eses prexuízos. En segundo lugar, eu penso que a filosofía tamén dá carácter. Porque a filosofía que eu propoño non é unha filosofía dun neno só que está pensando e reflexionando no baleiro, senón que é unha filosofía que inclúe o diálogo cos demais, coa familia, pero con outros nenos, sobre todo, en clase. Polo tanto, iso permite que este neno se informe da diversidade que hai, da pluralidade de ideas que hai e de que calquera persoa nos pode ensinar algo novo. E que todas as persoas temos opinións diferentes. E que unhas opinións son máis fundamentadas e outras non. E isto dá carácter. En terceiro lugar, eu creo que un neno e un mozo que practica filosofía, decátase de que hai que cambiar as cousas que son inxustas, que non funcionan. E, polo tanto, isto fainos mellores cidadáns.

Hai moitos instrumentos no pensamento coidadoso, non si? Algo de curiosidade, algo de empatía, algo de confianza, algo de soño, tamén, algo de fortaleza contra as adversidades… Todo iso… Curiosidade polos demais, intentar comprendelos, pórse no seu lugar, tratar de traballar coa xustiza… Todo iso nos dá o pensamento coidadoso.

"Debemos pasar do ‘eu’ ao ‘nós’ para buscar o ben común e crear algo xuntos. Ese é o sentido da educación".

As persoas somos un crebacabezas incompleto e desgraciadamente na nosa sociedade dinnos que as pezas que nos faltan nese crebacabezas as imos poder comprar. Creo que aí está o erro. As pezas que faltan téñenas outras persoas. Igual que, ímonos dar conta, sorprendidos, que nós temos pezas que lles van faltar a outras persoas. Querer e amar alguén é completalo, é pór esas pezas que lle faltan e agradecer que o outro che poña as pezas que che faltan a ti.

A arte pode servir para facer filosofía e a filosofía, quizais, tamén para facer arte. Cando ti afrontas a obra artística como un elemento de comunicación, que é como eu creo que debería afrontarse a arte, aí temos un emisor, un receptor, un código, unha canle, un contexto… Todo o que traballa na comunicación, a arte é comunicación. Entón, hai un diálogo entre o autor e o espectador ou o ouvinte desa obra de arte e, polo tanto, esa persoa quere impactar no teu sentimento. Porque basicamente a arte diríxese ao sentimento. Pero, tamén, ao teu pensamento e aí temos xa a relación coa filosofía. Ante unha obra de arte nós podemos pensar.

A nivel tecnolóxico, cada vez as compañías e as empresas están máis interesadas en que a xente teña un perfil humanístico. Precisamente porque todos os produtos do mundo están pensados para persoas. Entón, ten que haber alguén que poida decidir, ou poida falar, ou poida dialogar sobre que necesitan as persoas, cales son as súas necesidades. E, aí, iso é un pensamento completamente filosófico. Polo tanto, eu creo que se abre un campo, e son da opinión de que ese campo vai florecer e que cada vez imos ter máis filosofía asociada a cuestións que agora son impensables.

Biografía
Profesor de Filosofía e xefe do Departamento de Humanidades da Escola ‘Sadako’ de Barcelona, ademais de mestrado en Filosofía e licenciado en Historia Contemporánea. Jordi Nomen é tamén autor do libro ‘El nen filòsof. Com els infants poden aprende a pensar per ells mateixos’. Unha das obsesións deste profesor é manter a importancia das humanidades ao longo do proceso educativo e dos valores que inculcan na persoa.