Jimmy Wales

Creador da Wikipedia

"Aprender como aprender agora é máis importante que nunca".

Podes ver o vídeo completo aquí.

A visión de Wikipedia é que poidamos imaxinar un mundo en que cada persoa deste planeta dispoña de acceso libre e gratuíto á totalidade do coñecemento humano. A miña familia daba moita importancia á educación, así que sempre formou parte da miña vida.

O sistema de educación tradicional continúa a ser moi importante pero non cambia suficientemente rápido. Vas ao colexio, gradúaste no instituto, vas á universidade e consegues un título, profundas máis e sacas un mestrado ou un doutoramento. Está todo moi pautado e segue unhas mecánicas moi tradicionais, aínda que se está modernizando un pouco. Recordo algunhas clases da universidade nas que un profesor moi aburrido se puña de pé ante todos e lía unha lección mentres ti collías apuntamentos. É unha forma moi absurda de ensinar, comparado con coller os profesores máis interesantes e dinámicos e que ensinan mediante un vídeo. Mesmo iso xa é anticuado. Pero o profesor que era aburrido na súa clase, poderíase ocupar de titorías onde poderías ir falar sobre algún tema que non entendeses. Esa educación individualizada é moi importante, non deberiamos descartala, pero teriamos que revisar algunhas outras prácticas, como a idea de ter que aprender uns datos e exercicios determinados antes de alcanzar un posto de traballo no que estarás 40 anos, iso xa non existe. En vez diso, tes que aprender como aprender. Agora é máis importante ca nunca que unha parte da túa educación formal se destine a prepararte para seguir aprendendo durante toda a túa vida.

A educación formal parte do tradicional. A aprendizaxe informal é, practicamente, todo o demais. E pode presentarse de forma moi variada. Talvez oes na radio que pasou algo horrible no Acerbaixán e pensas: “Acerbaixán, sei onde está máis ou menos, pero non sei moito sobre o lugar, teño que buscalo”. Iso é aprendizaxe informal. Pode que non teña ningún obxectivo específico, no referente a títulos, crecemento profesional, nin nada así. Pero as persoas que o fan convértense en mellores cidadáns. Entenden o mundo moito mellor e preocupáronse por entender algo, así que a próxima vez que escoiten algo sobre Acerbaixán entenderán o problema porque o investigaron.

"O que queremos é que cada persoa deste planeta dispoña de acceso libre e gratuíto á totalidade do coñecemento humano"

Hai moita información en Internet, pero ás veces non está organizada, outras veces non é precisa, outras veces está moi manipulada… Unha das funcións da Wikipedia, sobre todo nos países desenvolvidos onde hai un exceso de información, é axudar a darlle sentido. É moi importante ter ferramentas para filtrar a información en Internet para que teña sentido porque ter información non é o mesmo que ter coñecemento. Necesitas ser habelencioso para xulgar a calidade da información que recibes e integrala no teu amplo coñecemento.

Ser capaz de ler e entender o que les e ter un amplo vocabulario é importante porque vas enfrontarte a moitos temas diferentes. Pero, tamén, a habilidade de recoñecer as mentiras. Realizar un razoamento lóxico, ser capaz de avaliar e xulgar a información que recibes porque en Internet hai moita información errónea. Hai outra cousa que debería mencionar, e esa é que ás veces a información é de calidade pero non é compatible co meu nivel de coñecemento, polo que non me fai ningún ben. Un dos erros que comete a xente é que agora podes encontrar artigos académicos de moi boa calidade, por exemplo, de medicina, onde podes ler sobre un estudo realizado e os seus resultados. Pero é difícil situalo en contexto. Se non coñeces o tema, dirás: “Ben, está no Harvard Journal of Medicine, debe ser certo”.

Creo que a colaboración é moi importante na educación por varias razóns. A primeira é que, conforme imos avanzando no mundo, o traballo baséase no coñecemento e a información, e a colaboración é unha habilidade moi útil. Se non tes a capacidade de traballar con outras persoas de maneira produtiva, vai ser algo contraproducente. Pero, ademais, é unha forma moi efectiva de aprender algo de verdade. Se se intenta aprender algo e se traballa con outras persoas que tamén queren aprender o mesmo, pregúntanse cousas, rétanse e profundan no asunto, traballan e resólveno en común para chegar a un entendemento moito máis profundo. Moitas das persoas que traballan na Wikipedia aprenden tanto sobre aquilo que os apaixona grazas á interacción con diferentes colaboradores, así como polas súas fontes, e asimilan a información de formas novas. É unha ferramenta moi poderosa para axudarnos a entender, rebotar ideas con outras persoas. Se te encerrases nun ático durante 5 anos e fixeses hipóteses, escribises e cousas similares, ao saír ao mundo real para presentar a túa gran tese é probable que descubrises que, en realidade, pasaches por alto algo moi importante e fundamental que notarías se estiveses acompañado. Isto non quere dicir que o individuo, en termos de concentración, enfoque e entendemento non sexa importante, si que o é. Pero necesitas pór a proba o teu coñecemento de tantas formas como poidas e facelo con outras persoas intelixentes que tamén están intentando entender o mundo é unha gran técnica.

Biografía
Creador da Wikipedia, o proxecto en liña colaborador máis grande da historia. Gañou o premio Princesa de Asturias de cooperación internacional en 2015. Foi nomeado como a sexta persoa máis influente do mundo.