Eline Snel

Terapeuta e profesora de mindfulness 

"O mindfulness ensina aos nenos a relaxarse e pensar".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Dentro de cada persoa hai un sentimento, parecido á fame ou á sede, que serve para encontrar unha maneira de afrontar os sentimentos, as preocupacións, ese tipo de cousas. E eses obstáculos internos impiden o proceso de aprendizaxe. Esta é unha das cousas que utilizo en clase. Cando estamos moi nerviosos e moi confundidos, a nosa mente parécese a isto e impídenos ver as cousas con claridade. Temos que esperar ata que toda a purpurina caia e, que pasa? Todo se aclara e permíteche tomar outras decisións.

O mindfulness non é como unha variña máxica que poidas apuntar cara a un lugar e facer que todo vaia ben, pero ensínache a surfar as ondas. Ensínache a relaxar a mente antes de afrontar situacións difíciles para que sexas consciente do que fas mentres o estás a facer. Para que sexas consciente do que pensas e sentes mentres o estás pensando ou sentindo. É algo que pode facer todo o mundo, non está relacionado coas expectativas ou situacións inalcanzables, senón con algo que está dentro de nós mesmos. Pero perdemos este talento polo estilo de vida tan rápido que temos. Neste sentido pode ser moi importante, tanto para nenos como para adultos.

É moi útil reunir todas as preocupacións nun mesmo lugar onde poidamos prestarlles atención, e a respiración axúdanos a facelo. Cando os nenos aprenden a ser conscientes destes pensamentos ante os que queren reaccionar de maneira inmediata, tamén poden aprender a parar. Parar para pensar e deixar de actuar impulsivamente, parar de falar con alguén que está ao seu lado ou detrás.

"Gustaríame dicirlle a calquera que traballa nunha escola que non ten por que custar moito tempo conseguir ser conscientes: trátase de facer unha cousa cada vez e gozar da vida".

O que lles ensinamos é que todos temos algo en común coas ras. Que ves cando miras unha ra? Podes ver como respira cando a miras? Podes ver como lle sobe e lle baixa a barriga. Os nenos identifican rapidamente o que teñen en común cunha ra, poden ver este movemento, ven que a ra senta e non se move aínda que non está en transo senón que está moi alerta do que pasa arredor, porque cando se achega unha mosca, a ra atrápaa.

O que os nenos aprenden coa respiración é que cando lle prestas atención ao movemento que fas ao respirar, non podes pensar e preocuparte a un tempo. É imposible. O noso cerebro non está feito para prestar atención a dúas cousas a un tempo. Cando aprenden a prestarlle atención á respiración, aínda que as preocupacións non se vaian e a situación non cambie, decátanse de que non teñen que prestar atención a esas preocupacións todo o tempo. Cando os nenos con TDAH se acostuman a prestar atención aos seus pensamentos, aos seus sentimentos e ás sensacións do seu corpo, cando aprenden que non teñen que reaccionar, igual que a ra, non teñen que reaccionar a todo, algúns nenos séntense menos inseguros.

Cando un profesor está presente, en cada momento, con cada pregunta ou actividade, os nenos involucraranse máis, son un reflexo do profesor. Estar presente é algo esencial no mindfulness e cando un profesor está presente, os alumnos tamén o estarán. Cando te adestras como profesor de mindfulness, co método da ra, por exemplo, adéstraste para ensinarlle a toda a clase o que experimentaches antes, por exemplo, a coidar de ti mesmo, a coidar do teu mundo interior.

Cando es capaz de aceptar o teu mundo interior, de coñecer o teu mundo interior un pouco mellor, terás moito máis éxito no mundo exterior. E cando os directores das escolas vexan e sintan, se decaten de que é necesario que os nenos aprendan estas habilidades desde pequenos para seren capaces de se enfrontaren ao estrés, para se enfrontaren ás adversidades e contra os malos momentos da súa vida, para que non afundan senón que floten dunha maneira natural.

Biografía
A holandesa é unha das referencias europeas na aplicación do mindfulness á escola. Autora dos libros "La atención funciona" ou o bestseller "Tranquilos y atentos como una rana", o seu método baséase na respiración e a relaxación, e aplícase en colexios de medio mundo.