Eduardo Sáenz de Cabezón

Profesor e divulgador

"As matemáticas serven para comprender o mundo e comprendernos a nós mesmos"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Todo o mundo ten un matemático dentro, e ese matemático pódevos axudar a moitas cousas. Probablemente, na escola non nos levamos demasiado ben con el, con ese matemático interior, e de adultos tampouco. Xa vos digo que moita xente ten como unha especie de trauma co seu matemático interior. Pero ese matemático para que está aí? Pois para axudarnos a levar unha vida máis plena, a ser máis felices. Axúdanos moito máis e sabe moito máis do que moita xente pensa. Non soamente sabe contar ou medir, que xa é bastante; non soamente ten un pensamento lóxico, tamén pode facer que esteamos no mundo dunha forma máis humana, máis plena e máis feliz.

As matemáticas están detrás de todo o que facemos neste mundo científico e tecnolóxico. Digamos que fai falta ser moi ignorante para negar iso. Iso, a min, na miña vida cotiá sérveme de algo? Non me serve de nada. Cal é a trampa que digo que hai? A trampa paréceme que é que só estudemos aquelas cousas que despois vou aplicar na miña profesión. Por que? Perderiamos case todo. Case todo o que damos na escola, síntoo, non nos vai servir para nada no día a día, non o ides usar materialmente no día a día para nada. Pero o proceso de aprender todo iso moldeou a nosa persoa, fíxonos coñecer o mundo, métenos dentro da tradición en que estamos. Outra cousa para a que serven as matemáticas é para ser máis felices, máis plenos, para comprender o mundo no que vivimos e a nós mesmos. Eu creo que as matemáticas son a linguaxe na que nós lemos o mundo. Hai poucas cousas que sexan máis humanas que as matemáticas.

"Aprender matemáticas fainos máis libres e difíciles de manipular".

Creo que tamén fai falla un compromiso da escola co presente de cada persoa e que a xente vaia feliz á escola, que os profes, as profes, os alumnos vaian felices á escola, que vaiamos contentos porque nos gusta o que estamos aprendendo, encontrámolo interesante e iso non entra en contradición co feito de que nos vaia servir no futuro. Así que, por suposto, temos todo o futuro por diante. Si, os nenos e nenas aprenden para o futuro, pero non soamente, o presente tamén conta.

As matemáticas ensínanse desde a Grecia Antiga e teñen moita importancia nos sistemas de ensino desde a época antiga, por que? Algo terán para que as metan en todos os lugares. Hai tres cousas fundamentais polas que se dedica tanto tempo e tanto esforzo ás matemáticas. Unha é o desenvolvemento do pensamento abstracto. Saber analizar problemas, extraer as características comúns. As matemáticas axúdannos tamén a saír dos nosos condicionantes para ir buscar outras cousas que están un pouco máis alá. Son a linguaxe da ciencia. As matemáticas están aí presentes en calquera achegamento científico a calquera disciplina. Hai outra cousa que pasamos moitas veces por alto e que talvez na escola está menos presente, e é que as matemáticas son un instrumento poderosísimo para exercer a cidadanía de xeito crítico. Canto máis capaz é un de analizar con rigor as situacións, con ese rigor que ofrecen as matemáticas, máis difícil é un de enganar. E tamén se sabe interpretar os datos, e tamén se sabe interpretar os argumentos. E aí está a lóxica, aí está a estatística. Todos os días hai alguén que está intentando manipularnos. Se un ten o rigor das matemáticas e ten a capacidade de entender iso, é máis difícil de manipular, é máis libre, é un cidadán crítico.

Biografía
Doutor en Matemáticas pola Universidade da Rioxa, profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos, Eduardo Sáenz de Cabezón fundou o grupo de científicos e investigadores “Big Van Científicos sobre Ruedas”. É un investigador da área da álxebra computacional.