Robert Swartz

Profesor e filósofo

"Máis do 90 % do que se aprende na escola non afecta á vida dos estudantes ao saíren dela

Podes ver o vídeo completo aquí.

Todos os estudantes teñen talento, un dos máis importantes é aprender a investigar as cousas por eles mesmos, isto é algo tremendamente importante. E todos poden aprender a facelo. A investigación mostra que entre o 92 % e o 95 % do que aprendemos na escola non afecta á vida dos estudantes así que a abandonan. E, por suposto, agora que todo o mundo pide un cambio, necesitamos cambiar as cousas pero, como o podemos facer?

A educación tradicional está orientada á explicación do profesor e baseada na memorización. Neste modelo os estudantes teñen que aprender o que o profesor está dicindo, lembralo e respondelo nun exame. Iso tamén é pensamento. Pero, aprender a memorizar cousas é unha forma de pensamento moi limitada. Iso significa que a aprendizaxe acaba sendo moi superficial. Xa sabes, por exemplo, se preguntas aos estudantes en que data foi a Revolución Francesa… Efectivamente aprenderon a data da Revolución Francesa. Pero aprenderon realmente de que ía realmente esa revolución?

Tomamos decisións todos os días, resolvemos problemas, facemos predicións, seleccionamos a información que a xente nos proporciona e decidimos se a aceptamos ou se a cremos e, así, actuamos en consecuencia. Outras veces, acontece algo e temos que indagar que o causou para decidir como resolvelo. Facemos esas cousas todos os días. Comparamos e contrastamos información e, a maior parte do tempo, a xente non fai eses razoamentos da forma adecuada. Pasan por alto algunhas cousas e extraen conclusións precipitadas. Nós intentamos axudar os estudantes a que aprendan como pensar dunha maneira máis hábil, con máis atención e, en definitiva, mellor.

Na escola non ensinamos aos estudantes a tomaren boas decisións. Os profesores non o fan. Pero que non o fagan non significa que os estudantes non tomen decisións. Significa que aprenden a tomar decisións tendo en conta a súa realidade e ‘o seu mundo’. E o que máis inflúe neles é a publicidade. E na publicidade móstranche imaxes de cousas que queren venderche algo. Cóntanche todos os beneficios que teñen, soa tan ben, que dis: “Quéroo!”.

"Hai que ensinar aos pais a que axuden a pensar aos seus fillos e a se converteren nos seus referentes"

Hoxe en día os nenos teñen acceso a Internet, é algo fantástico que non tiñan hai 20 anos. Agora poden conseguir a información inmediatamente e o que fan moitos estudantes é buscar algo no Google, que lles dará múltiples resultados. E, ao entraren nun, daralles unha información que eles copiarán e levarán á escola pensando que é o que aprenderon. Non pensan se o que copiaron é verídico ou non, se é real. É moi importante axudar os alumnos a aprenderen a observar e xulgar. A pensaren de maneira crítica sobre a información que conseguiron e a teren unha opinión propia sobre se a información pode ser aceptable e fiable. Cando pasa iso, teñen unha base moito máis sólida no seu pensamento e a información que adquiren é boa.

Creo que as escolas que ensinan coa aprendizaxe baseada no pensamento teñen a oportunidade de ensinar aos pais esas estratexias. E iso aplícase ás preguntas, por exemplo, que preguntas queres intentar responder antes de chegar a unha conclusión? Non saques conclusións precipitadas, pensa detidamente. Así é como axudamos os nenos. Tamén podemos axudar os pais para que aprendan como facelo, para que na casa se convertan en referentes. Os pais sempre o son, non necesitan a aprendizaxe baseada no pensamento para conseguilo. Moitos pais, cando os seus fillos son adolescentes ou cando abandonan a escola, din: “Non esquezas pensares nas consecuencias do que vas facer”.

Razoar é un acto social. A maioría interactuamos con xente. Se un veciño nos di que se imos a un lugar non conduzamos por unha rúa porque hai obras, asimilas a información e ocórreseche unha idea diferente para chegar ao teu destino. Creo que non é só unha vergonza, senón que ademais é unha burla, que durante a maior parte do século XX nas escolas os estudantes fosen tratados como individuos illados. Centráronse na súa individualidade. Tiñamos estudantes que non querían compartir o que estaban facendo, había moita competencia, quen ía sacar a nota máis alta, etc. E iso vai en contra de todo isto porque cando consigan un traballo verán que se traballa en equipo e os equipos deben saber como dividir o traballo, compartir ideas, desenvolver as ideas dos compañeiros…

Biografía
Doutor en Filosofía e profesor da Universidade de Massachusetts. Autor do método "Thinking-Based Learning". A súa filosofía avoga por fomentar o razoamento crítico, a cooperación, a toma autónoma de decisións e a creatividade na escola.