Richard Gerver

Experto en innovación educativa 

"Temos que ensinar os nenos a encontrar aquilo que lles apaixona e axudalos"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Preocúpame moito o estado da educación, non só en España, senón en todo o mundo. Sempre que hai un debate acerca da educación está polarizado, temos un argumento aquí e outro aquí, o tradicional contra o progresista, políticos contra profesores, pais contra profesores, colexios, políticos e contra todo o mundo, verdade?, e os únicos que sofren son os nenos, porque os deixamos atrás. Creo que no debate temos que deixar de berrar, porque veñamos de onde veñamos, no referente á educación, todos temos unha cousa en común, e é que nos preocupamos polos nenos. O importante é que todos desexamos ferventemente o mellor para os nenos. O cambio na educación xorde con conversacións adultas e maduras. Creo que hoxe temos unha oportunidade marabillosa, se cadra podemos xerar un impulso que cambie o futuro dos nosos fillos e talvez non só para os nosos fillos agora, senón para os fillos dos nosos fillos. É responsabilidade de todos educar e criar os nenos, non para que se limiten a sobrevivir, senón para que prosperen.

Os nenos son bombardeados constantemente con famosos, ven futbolistas famosos que gañan moitísimo diñeiro, ven famosos na televisión e parece que teñen unha vida marabillosa. Temos que axudalos a entender o duro que traballa ese futbolista para chegar a esa posición, xa sexa Ronaldo, Messi ou Neymar. Eses xogadores non se limitaban a darlle patadas a unha pelota no xardín, e un día alguén lles deu a camiseta do Real Madrid ou do Barcelona ou do París Saint-Germain e díxolles que lles ía pagar medio millón de euros á semana. Eses mozos teñen que demostrar unha disciplina e un compromiso incribles e teñen que traballar moi duro, hora tras hora, día tras día, mes tras mes, teñen que arriscar, teñen que estar preparados para fracasar, teñen que aprender e traballar moi duro. Do que se teñen que decatar os nenos pequenos é da disciplina que se necesita para ter éxito, xa sexas futbolista, avogado, artista ou bailarín, todas esas cousas comportan o mesmo. Pero cómpre lembrar, que conforme os nosos fillos van medrando, polo mundo en que viven, pola oportunidade de ter a información e ver o que pasa ao seu redor, os nenos empezan a entusiasmarse moi novos polas cousas que a todos nós nos preocupan. Cando falo con adolescentes, vexo que se preocupan profundamente polo mundo, preocúpalles moito a ameaza de guerra, preocúpalles a natureza, a economía, e principalmente a ecoloxía do planeta, e eu creo que se preocupan profundamente, así que non te preocupes moito.

Sen profesores, sen colexios, sen educación non temos nada. Non teriamos médicos nin avogados nin tecnólogos nin enxeñeiros informáticos, non teriamos nin artistas nin bailaríns, non teriamos nada.

"Necesitamos que toda a sociedade colabore na creación dun sistema educativo que prepare os nenos para os retos do futuro"

Aínda teño que probar que os deberes tradicionais, que os nenos cheguen a casa e teñan que facer exercicios que son exactamente o mesmo que estiveron facendo en clase, teñen algunha función. De feito, preocúpame moito que interfira na vida dos nenos. Porque o que sería xenial é que cando os nenos volvan do colexio poidan desenvolverse, e coñezo moitos nenos que non o poden facer, que teñan tempo de interactuar cos seus pais. Hai algúns pais moi bos facendo isto, mentres que outros quítanos do medio e listo. Se lle pides a un neno que se involucre en algo, ten que ser importante, ten que pagar a pena. Non creo que haxa que prohibir os deberes en todas as súas formas. Gustaríame ver se aos nenos lles interesa o que están aprendendo no colexio, porque cando volvan a casa poranse a investigar sobre o tema, xa sexa en Internet ou nun museo; queren aprender cousas. Temos que respectar os nenos, e necesitan o seu propio tempo e o seu propio espazo, teñen que ser capaces de desenvolver os seus propios intereses, teñen que poder relacionarse cos seus amigos, estas cousas son tan importantes como a aprendizaxe que realizan no colexio. Porque non hai nada como chegar a casa cansos, que os pais lles berren, que os profesores os ameacen para que fagan os deberes, para que os nenos non queiran estudar e se aburran.

A xente divide a educación entre as cousas útiles e as que non o son. Unhas das primeiras cousas que quero dicir sobre iso é que temos que entender que a aprendizaxe é interdisciplinaria, noutras palabras, moitas das habilidades que necesitarás en Belas Artes, son parecidas ás que utilizarás en inglés, na escritura, e parecidas a algunhas das que necesitarás en matemáticas, en música ou en ciencias. A xente ten que entender primeiro que o mundo non se divide en materias, porque as nosas vidas son unha mestura de habilidades interdisciplinares, condutas, coñecemento e experiencia. Se nos centramos nas Belas Artes, por exemplo, o primeiro e a nivel moi básico, as habilidades motrices que necesitamos para controlar un bolígrafo, un lapis, unha cera, un pincel ou unha cámara, sexa cal for o medio, son tan delicadas como as que necesita un cirurxián no quen estás confiando para que realice unha cirurxía complexa. Así que o adestramento das habilidades motrices é interdisciplinario. Cando pensas no proceso da arte, pensas no proceso da creación e na creatividade. Para crear algo, xa sexa artístico, científico ou matemático, tes que ser valente, porque crear algo novo require valor, xa que tes que estar preparado para arriscar. Así que o valor para cometer erros, para aprender, para probar cousas novas, para comunicarse con outras persoas e esperar inspirar alguén do mesmo xeito que alguén te motivou a ti, todas esas cousas atravesan fronteiras, necesitas as mesmas condutas para ser un gran científico, para ser un magnífico matemático, para ser bailarín, médico, avogado. Na miña opinión, dicirlle a un neno que non debería facer algo porque non é tan importante é unha tolemia. Lembro que tiña un amigo que nunca saía, non adoitaba facer nada, nunca facía ningún deporte, pasaba todo o tempo xogando co ordenador, e todo o mundo, incluídos os seus pais, pedíanlle que deixase de malgastar o tempo xogando co ordenador. Desenvolveu un dos soportes lóxicos (softwer) máis complexos dos que utiliza hoxe en día Microsoft, é multimillonario. Así que a idea de que hai que dicir aos nenos o que é importante e o que non é importante é ridícula, porque o que si que sei sobre a xente que ten moito éxito, é que teñen éxito porque lles apaixona o que fan, xa sexan as ciencias, as matemáticas, o inglés, a música ou a arte. Senten paixón polo que fan, e esa paixón é a que fai que superen momentos difíciles, decisións duras, riscos, fracasos. Como pai, o que lle diría ao resto dos pais é que axudedes os vosos fillos a descubrir as súas paixóns e que os apoiedes porque esa paixón vai levalos moito máis lonxe que a vosa opinión de que materia é máis importante ca outra.

Biografía
Doutor en educación, profesor e escritor, foi galardoado co Premio nacional de ensino e nomeado mellor director de escola do Reino Unido. É autor de libros como “Crear hoxe a escola de mañá”,"A educación e o futuro dos nosos fillos” e “Simple Thinking”. Deportistas de elite e grandes organizacións contaron con el para que lles axudase a entender a súa visión do potencial humano.