Rafael Yuste

Neurocientífico

"Descifrar o cerebro permitiranos educar mellor".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Interésanos o cerebro por entendernos a nós mesmos. Como somos, como xorde toda a nosa vida mental do que levamos dentro do cranio.

Aínda non entendemos como funciona o cerebro. Levamos xa máis de 100 anos, desde Cajal, xeración tras xeración, millóns e millóns de diñeiro investido en todos os laboratorios do mundo. A idea era que o cerebro, a unidade de funcionamento do cerebro é a neurona individual. É unha teoría que precisamente propuxo Cajal. Pero se miras o cerebro de calquera animal, o noso, por exemplo, ten 80 mil millóns de neuronas. Imaxinade o que son 80 mil millóns de neuronas. Uns números astronómicos. E están todas conectadas entre si. Non puidemos descifrar o cerebro estudando as neuronas por separado. Picándoas con eléctrodo e vendo como se activan ou se inactivan cando o animal se está comportando ou cando o paciente ten un pensamento. É posible que o problema veña por aí, que a unidade non é unha neurona; a unidade é un grupo de neuronas traballando conxuntamente.

Non sabemos que pasa no cerebro cando aprendemos. Cajal puxo na mesa varias posibilidades. Unha, que se forman novas conexións entre neuronas. Outra, que as conexións que existen se fan máis fortes. As dúas están agora mesmo sendo examinadas con lupa polos neurobiólogos.

"Ensinar a pensar é o mellor regalo que lle podes facer a alguén cando o estás intentando educar".

Aprendemos moito ao longo da historia das maneiras que funcionan e non funcionan para educar os nenos. E para aprender. Probando cousas para ver que funciona e que non funciona. Pero todos estes coñecementos, que é o que forma o corpo do que ensinan as escolas de Maxisterio e o que se ensina nos sistemas educativos, non están encaixados coa máquina que os xera, que é o cerebro. Temos unha disociación entre a educación e a neurobioloxía. Evidentemente, teñen que estar conectadas. Porque se un neno aprende, algo lle cambiou no cerebro. Ten que haber aí algún cambio, pero non sabemos exactamente a relación.

Da miña experiencia persoal de dar clases, eu sempre teño a sensación de que o que máis me marcou a min na miña educación foi o contacto persoal cun profesor ou unha profesora. É dicir, a relación directa. A inspiración dunha persoa en concreto que coñeces, falas con ela e relaciónaste. Sempre penso que a maneira ideal de educar é individualmente. O que fago algunhas veces é dala en plan titoría, que cada estudante, todas as semanas, ten que escribir un ensaio sobre un tema, eu corríxollo e sento co estudante e discutímolo. Así é como ensinan, por exemplo, nas universidades inglesas, en Cambridge e en Oxford. A motivación é tamén fundamental, incorporalos nas clases a base de preguntas cando tes un grupo grande. Na miña experiencia persoal, o que me parece mellor é tratalos directamente. Contacto persoal, inspiración directa. Estimulalos. E que se involucren emocionalmente. O noso cerebro ten compoñentes emocionais que están ancorados no funcionamento do sistema nervioso. Non podemos disociar. E os compoñentes emocionais axúdanche a aprender. A repetición axúdache a aprender porque se supón que os circuítos neuronais se reactivan e se fan máis fortes. E estar involucrado emocionalmente tamén axuda.

Biografía
Neurobiólogo e profesor de Ciencias Biolóxicas e Neurociencia na Universidade de Columbia (Estados Unidos). Rafael Yuste é, ademais, o codirector do Instituto Kavli de investigacións neurolóxicas desa universidade desde 2004. Tamén creou o proxecto BRAIN (acrónimo inglés de Brain Research Through Advancing Innovative Neurotechnologies), é dicir, ‘Investigación do Cerebro a través do Avance de Neurotecnoloxías Innovadoras’ que busca crear un mapa do cerebro humano.