Mario Alonso Puig

Cirurxián e escritor 

"En todo ser humano hai potencial e grandeza, debemos crear oportunidades para que as poidan amosar"

Podes ver o vídeo completo aquí.

O meu interese pola educación é o meu interese por sacar do ser humano o que verdadeiramente ten dentro. Non creo que ningún ser humano estea chamado á mediocridade, creo que todo ser humano está chamado á grandeza, e a grandeza non a define a cultura. A grandeza é unha cousa que a define a nosa propia natureza. A palabra educación, no fondo, quere dicir «sacar de dentro», é dicir, non somos caldeiros baleiros que hai que encher, se non lume que hai que acender.

En todo ser humano hai potencial, en todo ser humano hai grandeza, e temos que ter esta disposición a crear espazos de oportunidade para que esas persoas poidan mostrar o que en realidade sempre tiveron, pero que non todo o mundo mostrará se non ve ese espazo de oportunidade.

A motivación é o que nos move á acción, e hai seis motivacións que ademais están presentes nas distintas culturas, mestura da nosa natureza e do medio cultural. A primeira é a motivación de estar en medios seguros, de poder controlar o que pasa, de saber que o chan que pisamos é un chan firme. A segunda é unha motivación de sentirnos recoñecidos, sentirnos valorados, de ter un certo status. A terceira é de pertencer ao grupo. A cuarta motivación é unha motivación ao desafío, ao reto. A quinta motivación é a de crecer, mellorar e progresar, e a sexta é a de contribuír ao benestar doutras persoas, ter unha vida con propósitos.

Todos temos a responsabilidade de buscar o talento, de conectar e de axudarlle a florecer. O talento vén moi marcado por algo que se che dá especialmente ben, pero é tan natural en ti que nunca lle deches importancia. A miña experiencia ao longo dos anos móstrame que un ten que buscar o talento naquilo que lle é natural, porque o talento sempre deixa pegada, sempre se expresa, e hai cousas que nos poden parecer que son irrelevantes. É moi importante mirar todo ser humano como se mira aquilo que ves como sumamente valioso.

"A clave da educación é querer e crer: se queres o neno farás todo o que estea na túa man para que saia adiante"

A clave de todo na vida é querer. Querer as persoas coas que estás, quererte a ti, querer a vida, querer a natureza, querer o progreso, querer o benestar é querer. Porque se ti queres a un neno, farás todo o que estea na túa man para axudalo a saír adiante. Creo que ás veces complicamos moito as cousas, creo que o verdadeiramente valioso é tremendamente sinxelo e eu creo que son catro principios que se se aplican, querer as persoas, crer nelas, valoralas e potencialas, se facemos iso, todo funciona. Se non as queremos, non cremos nelas, non as valoramos e non as potenciamos, pois temos outra historia.

Unha persoa que non saiba gobernar os seus estados de ánimo, que un día se erga sen ganas de facer nada e ese estado de ánimo non o poida alterar, ou que un día teña ira e non saiba canalizar dunha maneira positiva e axeitada esa ira, ou teña medo e non poida superar o seu medo, é difícil que progrese na vida. Unha persoa que non saiba entender os demais, que non saiba resolver conflitos, pois é difícil que progrese na vida. Pois estas dúas intelixencias non existen no test de cociente intelectual, como non existen outras, a intelixencia musical, a intelixencia cinestésica, a naturista, a espiritual, non están. Vista a relación que hai entre éxito na vida nun sentido amplo, se callar hai que redefinir o que é o éxito, e cociente intelectual, vese que, efectivamente, unha porcentaxe enorme de persoas que tiveron éxito, ese éxito non é atribuíble ao seu test de cociente intelectual. Isto é magnífico, porque non nega que o cociente intelectual sexa importante, o que fai é expandir o noso concepto da intelixencia. Necesitamos múltiples perfís, un pavo real non é nin mellor nin peor que unha aguia real. Cando un fillo nota, sente que é valioso, que ten intelixencia, que ten unha forma distinta de procesar que o outro, a súa autoestima non é danada. É que a autoestima é clave, porque, ao final, a nosa capacidade de facer fronte aos desafíos ou a nosa incapacidade, a maior parte das veces, nada ten que ver co mundo real, ten que ver todo co mundo mental. Eles acabarán encontrando o seu camiño, pero non encontrarán o seu camiño se pensan que non son capaces de encontralo.

É difícil que os fillos aprendan valentía dos pais porque os queremos tanto que o noso medo a que lles pase algo, o noso medo a que sufran, o noso medo a que o pasen mal, fai que moitas veces tomemos unha actitude hiperprotectora. Hai que entender que é normal que os nosos fillos leven golpes, é normal que os nosos fillos experimenten frustracións e é normal que experimenten dor, senón non hai crecemento e, ás veces, témolos un pouquiño entre algodóns, que non lle pase nada, non vaia sufrir… Habería que facer tres cousas: a primeira é valoralos; a segunda é desafialos, é importante que os desafíes para que eles crezan; e a terceira é acompañalos, é dicir, que moitas veces non se sintan sós no desafío. Hai desafíos que verdadeiramente para todo ser humano e nuns nenos dan moito medo. A realidade e o mundo real é moito máis benevolente que o mundo mental. O medo temos que velo, non como un opoñente, senón como un compañeiro imprescindible para crecer.

Biografía
Especialista en Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo, é membro da Academia de Ciencias de Nova York e da Asociación Americana para o Avance da Ciencia. Autor de libros de éxito como “Madera de líder”, “Vivir es un asunto urgente” e “Reinventarse: tu segunda oportunidad”. Alonso Puig defende que “nunca hai que dar a ninguén por perdido” porque en todo ser humano existe grandeza.