María Jesús Álava

Psicóloga

"A frustración é o camiño do coñecemento e esa é a chave da intelixencia".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Na adolescencia, o primeiro é ter paciencia, o segundo é que sabes que é un período que vai pasar, afortunadamente. E despois: moita comprensión. Eles mesmos non se encontran a gusto, non saben moi ben onde están, están buscando o seu sitio no mundo, están intentando encontrarse. Vai provocar moitísimas veces. E ten que sentir a túa confianza, a túa tranquilidade, que non perdes o control. Cando vexa que non entras nas súas provocacións, vas conseguir moitísima autoridade. Ti sabes que, aínda que está dicindo como que non quere nada contigo, no fondo séguete necesitando. Nestes momentos de grande inseguridade, necesita tamén a túa aprobación, necesita sentir que ti te segues sentindo orgullosa del, que segues pensando que é un rapaz realmente listo, que confías. Mira moi ben o que fan, con quen, que síntomas teñen as cousas que máis te poidan preocupar, intenta escoitar moito, observar enormemente e achegarte só naqueles momentos en que el cho vai permitir.

Cal sería a gran materia pendente dos pais? Ensinar a vivir, clarisimamente. Que tal se houbese unha materia que puidésemos ensinar aos nosos fillos que é como coñecerte mellor? Como sacar o mellor de ti mesmo? Como coñecer a xente que tes arredor? Como ser moito máis sociable? Como aprender a escoitar? Como aprender a razoar? Como aprender a pensar? É dicir, como desenvolver esa intelixencia emocional? En definitiva, sería como aprender a vivir. Se nos coñecésemos máis, saberiamos relacionarnos, saberiamos ser felices, que é o obxectivo final que todos buscariamos, e seriamos menos manipulables. Fagamos nenos, adolescentes, mozos, adultos que sexan auténticos, que sexan eles, que non sexan manipulables.

"O medo, a culpabilidade ou a inseguridade quítanos moito en relación aos nosos fillos. Todo iso ofrécelles case o peor de nós".

Un dos grandes erros é a sobreprotección. Estamos intentando que a súa vida sexa tan sinxela que, ao final, os estamos anquilosando. Ao final, van andar nesta especie de carreira que é a vida con muletas, non van poder saltar os obstáculos cos que se enfrontan. Trátase de estar ao seu lado, pero non para ir por diante, simplemente quedar atrás por se acaso nun momento determinado ves que caen.

Todos os nenos necesitan pautas, normas, límites, é un erro non llelos pór, como é un erro pensar que non é para tanto, e ceder para evitar males maiores. Isto é algo que vemos en moitos pais. E tampouco fagamos que os fillos que se portan ben cedan en función dos seus irmáns. Non sacrifiquemos uns porque case sempre sacrificas o que mellor se porta, en función do outro que é o que ten maiores dificultades, o cal é unha grande inxustiza. Pero hai un tema fundamental que nos preocupa moito, e é ensinémoslles a pensar, ensinémoslles a razoar. Sabemos que a felicidade está na xenerosidade. A maioría dos nenos de hoxe son educados no consumismo e, se lles damos todo a cambio de nada, comezan por non dar valor ás cousas e acaban por non dar valor ás persoas. Isto é un gran drama. En definitiva, non sexamos colegas, non os sobreprotexamos, non cedamos ás veces para evitar males maiores. Poñamos unha serie de pautas, de normas, de límites claramente establecidos, actuemos en función de como é cada neno e con esa singularidade unifiquemos criterios entre os pais. Tratémolos de acordo á idade que teñen e á singularidade que eles che poidan transmitir e deámoslles sempre confianza neles, pero confianza en nós.

Un neno ten que se frustrar para poder aprender, para elaborar recursos. Isto é un dos grandes dramas que temos agora mesmo. Neste momento nos centros de psicoloxía, o período que máis nos vén de xente é de mozos de dezaoito a trinta anos. Hai vinte anos, os mozos non viñan a un centro de psicoloxía, traíanchos os pais cando estaban moi desesperados. Agora por que veñen? Porque non teñen recursos ante a vida, é dicir, non se puideron frustrar, non lles demos esa oportunidade. Imaxina un bebé que quere empezar a camiñar, que é o que fai? Intenta erguerse, cae. A frustración, en realidade, é o camiño do coñecemento, e esa é a chave da intelixencia. Claro que te tes que frustrar, porque se non, non vas vivir, porque tes que experimentar, porque tes que darte conta cando acertas e cando te equivocas, e tes que aprender deses erros. Os nenos que non se frustran non aprenden na vida. Na vida van ter circunstancias difíciles, momentos nos que non os imos axudar, feitos nos que se encontran realmente moi sós. Como non elaborasen eses recursos, vano ter moi difícil. A frustración é necesaria.

Biografía
Licenciada en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Psicoloxía Pedagóxica. É profesora da Universidade Complutense de Madrid e da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e membro do Consello Asesor da Fundación Española para a Promoción e o Desenvolvemento Científico e Profesional da Psicoloxía. María Jesús Álava Reyes é autora, ademais, de libros como ‘La Verdad de la Mentira’, a enciclopedia ‘La Psicología que nos ayuda a vivir’, ‘La Buena Educación’ e ‘La inutilidad del sufrimento’.