Juan de Vicente Abad

Orientador e profesor 

"Os alumnos deben aprender a coñecer, a facer, a convivir e aprender a ser"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Eu coñecín a aprendizaxe-servizo grazas ás miñas alumnas e aos meus alumnos que, nun momento determinado, estaban moi afeitos no instituto a participar. É un alumnado que participa, por exemplo, resolvendo conflitos. Cando hai un problema, temos nenos que teñen estratexias para resolver conflitos. Participan tamén observando a calidade da convivencia e teñen un papel moi importante. Participan en moitas cousas e están moi afeitos a tomaren a iniciativa.

A aprendizaxe-servizo é un método de ensino-aprendizaxe que une dentro dun mesmo proxecto dous elementos: as aprendizaxes que facemos na aula nas diferentes materias coa realización dun servizo á comunidade. Un servizo que responde a necesidades sociais ou a conculcación de dereitos. Porque ás veces non se cumpren eses dereitos sociais. E o interesante non é só que ten aprendizaxes e ten un impacto, unha acción sobre a comunidade, senón que grazas a que hai unha acción sobre a comunidade, a que hai un servizo, as aprendizaxes fanse vivas, fanse funcionais, serven para algo, saen do libro, saen da pantalla do ordenador e cobran sentido. Serven para transformar unha situación.

As ideas para facer un proxecto de aprendizaxe-servizo xorden de maneiras moi diversas. Ás veces xorden de profesores que din: “Eu, na miña materia, creo que podería aproveitar isto que teño no currículo para traballar algo, porque me interesa traballar algo relacionado coa ciencia. E eu son profe de Física e creo que podería traballar isto”. E xórdelle unha idea e propono. Ás veces son os propios alumnos. No noso municipio, temos dous programas de aprendizaxe-servizo con animais porque os alumnos, porque as alumnas nos dixeron: “Queremos traballar con animais. Imos pensar que proxecto poderiamos facer, vinculándoo coas nosas materias, pero orientado aos animais”.

"A aprendizaxe-servizo é unha boa resposta para a inclusión e a atención á diversidade nas escolas"

Os maiores, os avós e avoas, teñen un papel imprescindible. O que transmiten na relación que teñen cos seus netos, ou co alumnado co que traballan neste tipo de proxectos, é algo que achega moito. Oímos moitísimo que os rapaces se senten felices estando con eles. O primeiro que creo que transmiten é afecto.

Na educación temos o reto de que todas as alumnas e todos os alumnos, non o 80%, o 70% que adoita obter os títulos e promover, senón que todo o mundo aprenda. E aprenda o máximo posible. A aprendizaxe-servizo suxírenos: Imos traballar todos xuntos en proxectos, en equipo, en grupos heteroxéneos e imos traballar de maneira que uns van turrar dos outros. E imos poder conseguir que máis nenos se incorporen. Pero é que, ademais, un elemento que fai que máis nenos se incorporen non só é ese traballo en equipo, senón que van comprender moito mellor para que estudan, para que están traballando na clase o que están abordando. De modo que ten un elemento motivacional que che dá máis ganas de incorporarte. Descubrimos que a motivación, cando traballas nestes proxectos, aumenta. E xente que en clase, fóra deses proxectos, non ten ningún interese, engánchase e motívase. Temos que coñecer, temos que saber os coñecementos, as cousas que utilizamos nas clases. Temos que aprender a facer. A facer cousas. Temos que aprender a convivir e temos que aprender a ser. Os proxectos de aprendizaxe-servizo traballan as catro cousas. Se non traballas en proxectos, é moi difícil que traballes en aprender a ser. Con “aprender a ser” refírome a aprender a ser autónomo, a aprender a ser responsable cun compromiso que adquires cun servizo, cunha entidade, aprender a autorregularte, aprender a saber cara a onde queres, vas aprender a convivir porque vas traballar en equipo, porque vas resolver conflitos, problemas que xorden na acción que vas levar. Se non hai acción, non tes esa oportunidade. E vas aprender a facer, porque nos interesa moito a acción reflexiva. Pero a acción no sentido de que podes demostrar que aprendiches algo.

Biografía
Juan de Vicente Abad é orientador e profesor no Instituto público IES Miguel Catalán de Coslada, Madrid. Foi escollido como o Docente máis Innovador de España no Certame D+I (2016). Este mestre é unha das referencias en Aprendizaxe e Servizo Solidario, unha metodoloxía que pretende mellorar o medio.