Juan Antonio Madrid

Cronobiólogo e catedrático de Fisioloxía

"A privación de sono inflúe moitísimo na aprendizaxe e no rendemento"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Hai dous grandes problemas de sono que teñen os españois. Un é o insomnio, a dificultade de iniciar ou manter o sono. E o outro problema é o atraso de fase, que é a dificultade de ir durmir á noite e de erguerse de mañá. A ciencia á que eu me dedico, que é a cronobioloxía, aborda estes problemas. E estou convencido de que vai axudar a que os entendamos. Os cronobiólogos somos un grupo de científicos, non temos nada que ver cos horóscopos, os biorritmos, a astroloxía, que nos dedicamos ao estudo dos ritmos biolóxicos. Que é un ritmo? Pois un ritmo é calquera aspecto da bioloxía, da bioquímica, do comportamento dunha persoa ou dun animal que cambie ao longo do tempo. Pero que cambie dunha forma predicible. É dicir, que cada ano, cada mes ou cada día cambie ciclicamente. Entón, falamos de ritmos de distintas categorías. O ritmo de 24 horas chámase “circadiano”, é o que máis se estudou, pero non é o único. Por exemplo, a migración das aves, a floración de moitas especies… Todo iso son ritmos que teñen un período dun ano. E hai ritmos que teñen un período dun día. Por exemplo, o sono. Eses son os ritmos circadianos. E quen goberna os ritmos? Pois un reloxo. En realidade son moitos reloxos que temos dentro do corpo.

Cando falamos de reloxos rotos utilizamos un termo científico que se chama “cronodisrupción”. É unha alteración do teu sistema circadiano, do sistema que controla o tempo, e está ligado a moitas patoloxías. Non quero alarmar ninguén, pero a cronodisrupción, por exemplo, relaciónase con deterioración cognitiva, de memoria, con avellentamento acelerado, con algúns tipos de cancro: mama, colorrectal, próstata. Con insomnio, evidentemente, con inmunodepresión, con alteracións reprodutivas, con outra cousa moi importante: alteracións afectivas, depresión. Con síndrome metabólica: obesidade, diabetes. É dicir, temos todo un conxunto de patoloxías que empeoran cando o teu reloxo biolóxico funciona mal. Ollo, non digo que se o teu reloxo funciona mal vaias ter todo isto, pero que empeora. E o insomnio é unha manifestación dunha alteración dese reloxo. Entón, cando alguén ten insomnio case sempre se pregunta: “Daquela, que teño que tomar? Que comprimidos teño que tomar? Que me vai mandar o médico?”. Pero eu creo que o primeiro que habería que facer é saber por que tes o insomnio, cal é a causa, cal é a orixe. Porque se non, o que estamos facendo é eliminar un síntoma, tomar un medicamento que che apaga esa luz que se está acendendo e que che advertindo que algo funciona mal. E vai estar sempre aí. Entón, o insomnio hai que abordalo desde un enfoque integral.

"Hai formas de avaliar como é a educación no sono que teñen os nosos fillos; a inmensa maioría deles estarían suspensos"

Os cronobiólogos estudamos a túa vida en conxunto. O teu día e a túa noite. Hai algo que predispón a ese insomnio? Se callar non, se callar é unha causa interna das túas neuronas, dos teus centros de sono. Pero xeralmente hai que pensar nunha causa externa. Intentamos ver por que cada vez hai máis alteracións do sono, cada vez máis alteracións cronobiolóxicas. E chegamos a unha conclusión moi sinxela que se pode, ademais, medir e é a seguinte. Imaxina como vivirías se tiveses tres reloxos diferentes no cerebro. O reloxo de Toquio, de Londres e de Nova York. E que o teu corpo físico tivese que unificar esas horas. Pois iso é o que estamos a facer. Temos un reloxo, o teu tempo interno, o teu reloxo biolóxico que che di: “Olla, non, eu prefiro durmir entre as dúas da mañá e as dez da mañá. Esta é a miña franxa horaria biolóxica”. Temos un segundo tempo, o da luz artificial, que podemos xerar o ciclo luz-escuridade que queiramos. Xa non é o sol o que o xera. Pero, ademais, temos un terceiro tempo, que é o tempo social. O tempo social é: cando podo eu durmir ben, o que necesito, se teño que entrar traballar ás oito da mañá e necesito hora e media para ir ao traballo? É dicir, teño que me erguer ás 6.30. A que hora tería que me deitar para cumprir o horario que necesito? Entón, cando ti ves que é imposible encaixar iso, decátaste de onde está o problema. O problema, moitas veces, está en que o teu tempo interno e o teu tempo social non coinciden. E eses desaxustes mídense en horas. Cantas máis horas de desaxuste, peor estás. Por exemplo, se tes un problema de insomnio e vemos que non é un problema debido aos tres tempos, a incoherencias dos tres tempos, descartamos a parte cronobiolóxica e imos a outra.

Para que serve o sono? Sabemos algo de para que serve, pero non todo. Hai moi pouquiños anos, catro, descubriuse unha función primordial do sono. O sono serve para que se limpe o teu cerebro de substancias tóxicas que se van acumulando durante o día. Se non dormes o suficiente, se non dormes profundamente, eses depósitos que poden producir despois alzhéimer, párkinson ou deterioración cognitiva non se arrastran suficientemente ben e vanse acumulando, e danando as túas neuronas. Por tanto, hai que durmir. Aínda que non sinta un a necesidade nos primeiros períodos da vida, hai que durmir o tempo suficiente e de forma profunda.

O sono inflúe moitísimo na aprendizaxe, no rendemento. Non se saben as cifras, pero en boa medida parte do fracaso escolar que podemos ter deberíase atribuír a unha diminución no tempo de sono. É un problema moi xeral. Eu creo que non nos decatamos como sociedade da importancia que está a ter isto. Os que nos dedicamos á docencia, observamos que ás nove da mañá as caras están perdidas. Ás 12 da mañá non hai forma de que calen. Entón, hai un problema de atraso de fase, que os rapaces vai durmir cada vez máis tarde. E como teñen que madrugar para iren ao colexio, chegan privados de sono.

E que fai a privación de sono a nivel de rendemento? Pois, por exemplo, báixache os tempos de reacción, a velocidade de comprensión de calquera tipo de estímulos. A miúdo, o que fan é que desconectan. Entran neses episodios de somnolencia e como resulta que, ademais, o ensino adoita ser moi pasivo, que eles están recibindo e hai unha persoa activamente explicando, pois eles desconectan simplemente e dedícanse a pensar noutra cousa. Claro, iso enténdese facilmente. Imaxina que o seu centro de sono que lle marca o seu reloxo biolóxico estaría ás seis ou ás sete da mañá. Erguíchelo case na metade do seu sono. E estalo levando a un colexio e estalo sentando pasivamente para recibir información. Pois que queres?

Biografía
Juan Antonio Madrid é catedrático de Fisioloxía e especialista en Cronobioloxía pola Universidade Pierre e Marie Curie de París. Ademais, dirixe actualmente o Laboratorio de Cronobioloxía (Cronolab) da Universidade de Murcia, que forma parte do CIBER de Fraxilidade e Avellentamento Saudable CIBERFES. Estamos ante un dos maiores especialistas no campo dos ritmos circadianos, unha autoridade para analizar os segredos do sono e a súa importancia na saúde e na aprendizaxe.