José Ramón Gamo

Neuropsicólogo infantil e mestre

"Os rapaces non poden seguir aprendendo por materias. Teñen que aprender facendo"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Odiaba a escola polas miñas dificultades de aprendizaxe. Tiven dislexia. E sígoa tendo, os disléxicos sómolo toda a vida. E o que hoxe chamamos déficit de atención. É o motivo de estar xunto a vós.

Son un convencido de que a única revolución posible, pacífica, é a educación. Temos que facer un cambio á cultura do que facemos nas aulas. E facémolo desde o coñecemento científico. Non pode ser que a educación continúe virando as costas á ciencia. Nós recollemos a información de investigación neurocientífica, intentamos levar isto ás aulas para deseñar procesos de aprendizaxe e que os mestres teñan ferramentas para poder aprender a ensinar. Xa que aprender é algo intrínseco ás persoas e non podemos facer nada para que outro aprenda.

Eu podo facer cousas para inspirar a aprendizaxe e favorecerlla. O obxectivo e slogan meu sempre é: Deixemos, cos rapaces, de ensinarlles cousas que nunca fan e comecemos a facer cousas cos nenos para que aprendan. Porque o que sabemos con certeza, e é un coñecemento moi antigo, é que o cerebro aprende facendo. E que hai que facer miles de horas de accións de aprendizaxe para que alguén teña unha aprendizaxe significativa e non escoitar ladaíñas dentro das aulas ou facer tarefas de repetición mecánica sen producir fenómenos de razoamento.

"O máis impresionante nun individuo para a súa capacidade de aprendizaxe é crer que pode mellorar con esforzo e traballo e non tanto pola súa capacidade intelectual. É a mentalidade de crecemento. Xerar mentalidade de crecemento depende dos mestres"

É moi importante que os nenos aprendan a razoar, que teñan sentido crítico. Teñen que ter unha capacidade de ter sentido crítico para poderen responder ante a realidade que van vivir dentro duns anos cando xa non esteamos ao seu lado e teñan que ter ferramentas para se desenvolveren.

Cos alumnos con trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) teriamos que ter en conta dúas dimensións. Unha, que teño que ter en conta para que poida facer. E outra sería que teño que ter en conta para entender o que teño na aula. Por que digo isto? Moitas veces, estes rapaces teñen unha competencia intelectual fantástica. Non hai unha correlación do TDAH e a capacidade intelectual.

Como vexo que para o que lle interesa funciona moi ben e é un tipo moi espelido e moi listo, xero unha expectativa con respecto á súa capacidade intelectual. Pero non entendo que este rapaz ten unha disfunción neurolóxica en cousas tan importantes como a súa capacidade organizativa. Ou a súa capacidade para concentrarse en tempos prolongados. Ou a de controlar os seus impulsos e interrómpeme moitas máis veces que outros rapaces. Ou fai condutas que tería que inhibir porque xa ten dez anos.

É moi importante que o mestre teña un coñecemento do que pasa neuroloxicamente con estes rapaces e entender que o seu funcionamento sempre vai estar no que esperaría de nenos 3 ou 4 anos máis pequenos con respecto a autonomía, planificación, concentración, control de impulsos, regulación das súas emocións… E non asocialo á capacidade intelectual.

Biografía
Especialista en neuropsicoloxía infantil, é un firme defensor de que a perseveranza e a mentalidade de crecemento son as principais competencias que necesitan os alumnos para mellorar. Considera que a incorporación de coñecementos científicos e da neurodidáctica á educación mellorará o proceso educativo dos nenos