Jorge Ruiz

Músico e mestre de Audición e Linguaxe 

"Os nenos son unha fonte inesgotable de creatividade, talento potencial e paixón"

Podes ver o vídeo completo aquí.

A miña paixón real non é só a música, senón a comunicación. Tiven a oportunidade de estudar unha carreira, que era Logopedia, a terapia da linguaxe. E, cando acabei, tamén estudei Maxisterio en Audición e Linguaxe. Aí aprendín moitas das cousas que hoxe se converteron na miña paixón: o mundo da educación, o mundo do talento e o por que o sistema educativo non consegue desenvolver o potencial que todos os seres humanos temos dentro. Gustaríame contar algo que quizais chame a atención da miña historia, que ten que ver con que medrei pensando durante todo o meu proceso educativo que non tiña ningún tipo de talento. E cando digo ningún tipo de talento é literal. Nin sequera as cousas que eu sabía ou pensaba que podía facer ben, que me gustaban, nin sequera aí pensaba que iso lle gustase a ninguén, que ese talento ou potencial puidese saír. Medrei pensando que era unha bóla negra, unha bóla negra en referencia a todos os estudantes, todos somos bólas negras, e hai unhas pouquiñas bólas vermellas que son os que teñen talento. E esas bólas vermellas adoitan destacar en algo, ou ter unha nota moi alta, ou ter algo superevidente no que destacan moito, pero a maioría das bólas negras tamén teñen algo, o que pasa é que ese algo non se ve.

A partir dos vinte e poucos anos eu xa estaba matriculado en Dereito, despois de ter un percorrido normal, notable. Tampouco chegas a suspender todo nin a brillar. Pero produciuse un feito na miña vida que é que o meu corpo me parou, díxome, a través dun trastorno de ansiedade, díxome: «Ata aquí». Estaba sufrindo moito, non era feliz, matriculado nunha carreira que non me gustaba nada e onde eu non podía brillar, porque, ademais, só tiña que memorizar e non podía ou sentía que non podía expresar a miña creatividade. O feito de ter ese trastorno de ansiedade paroume e fíxome deixalo todo. Abandonei os estudos e díxenme a min mesmo: «Ata non encontrares o que queres facer, non fagas nada. Non corras a un lugar, é dicir, nunha dirección que non te vaia levar a ningún sitio ao que queiras chegar». E iso, cando tes vinte e poucos anos, convértete nun bicho raro, todo o teu círculo enseguida tenta dicirche que estás enganado, que tes que estudar algo ou facer algo ou traballar en algo, pero non che din ben en que, porque non o saben eles tampouco. Polo tanto, parei todo na miña vida e o único que tiña claro, a miña única referencia, é que quería facer cancións porque as facía desde pequeno. Non tiña na familia ningún referente musical, así que era un terreo totalmente descoñecido, inhóspito. E, ademais, só escoitaba unha frase moi manida que é que o mundo da música é moi difícil. Curiosamente, iso escoiteino despois de todos os mundos, todos os mundos son difíciles, sobre todo para o que o di.

Se ti confías en ti mesmo, ao final, as cousas acaban pasando, pero tes que confiar todo o tempo, non só nun punto do camiño, senón todo o tempo. Ben, pois esta historia continuou estudando Logopedia, gravando maquetas, puiden sacar o meu primeiro disco, despois a miña primeira compañía botoume á rúa… Ninguén dixo que fose sinxelo. Pero sóubenme repor e decateime de que cometera o mesmo erro que ao principio: corría demasiado cara a un lugar que non era o meu, por iso volvín parar, acabei a carreira e, nese stand by, saíu esta cancionciña que talvez vos soa, que é unha canción que fala de filosofía que se chama El secreto de las tortugas e que me cambiou radicalmente toda a miña vida. Pero tamén montei o meu gabinete de logopedia e aí comecei a traballar con nenos de verdade e empecei a ver que os nenos son unha fonte inesgotable de creatividade, de talento potencial e de paixón. Non coñezo ningún neno que non sexa creativo, ningún, non existe iso.

"Para recoñecer o talento potencial, é necesario que o individuo aprenda a escoitarse a si mesmo".

A forma de expresar ese talento é tremendamente variable, mais iso non significa que non poidamos ter a capacidade de velo. Pero hai que dedicarlle unha cousa moi valiosa que se chama atención. Eu sempre digo nunha frase que dar atención significa «quérote». Se non che dan atención non é que che estean dicindo que non te queiran, pero non te están apreciando como mereces, e iso pasa en todos os ámbitos da vida dunha persoa, non só no ámbito laboral ou no voso, estudantil, senón tamén nas relacións persoais, familiares, de amigos… Ningún quere que non o atendan, non coñezo ninguén, ningún ser que non queira ser atendido, porque iso significa «quérote», e porque crecemos como especie estando xuntos. Polo tanto, o amor ten que ser o punto un do camiño, non pode non haber amor no que facemos. Por iso a educación está a ignorar sistematicamente os tesouros que levamos dentro. E isto non é algo literario nin que pertenza unicamente a un discurso baleiro, senón que a ciencia xa o sabe, a doutrina xa sabe isto, e sabe que se a unha persoa lle dás o seu espazo, esa persoa acaba brillando.

Todos temos talento potencial. O talento non está ao principio da educación, senón que está ao final, e todos temos a responsabilidade de permitir que saia o noso e o dos demais. Para poder recoñecer o talento temos que ser capaces de que o individuo se escoite. Non ensinar a escoitar, senón que o individuo se escoite, porque xa está en nós esa capacidade. Non hai que inculcala, senón desprendela. Se non impedimos que a persoa se escoite, tarde ou cedo encontrará o seu valor e quererá traballar nel para convertelo nun talento do que vivir.

O sistema educativo actual é moi frío e permite moi pouco a individualidade. O sistema educativo é un ordenador central e nós somos os discos duros. Enganchámonos a ese ordenador e captamos ese contido. Pero é coma se non tivésemos contido que achegarlle ao sistema. É moi gregario. Ti engánchaste, énchente de contido e vaste. E eu o que penso que debería ser é o que pasa cun sistema asociativo como a rede. Un buscador, por exemplo. Un buscador é unha caixa baleira onde ti tes un interese por algo, tecléalo e búscalo. O sistema aliméntase do teu interese, que é contido, e crece contigo. A escola debería ser igual. Coa emoción preto e a ética rexendo todo ese universo, pero onde eu poida facer preguntas, as miñas preguntas signifiquen algo para o sistema e o sistema se motive xerando as miñas preguntas. Iso é como unha sociedade realmente se rexenera. Para min o elemento pleno de transformación da sociedade é a educación. Un sistema que non permite a aprendizaxe asociativa, en conxunto ou como idea, autolimítase a si mesmo. Xa hai experiencias, e isto está cambiando porque os propios docentes se moven para permitir iso, porque iso é moi fácil velo sobre todo se algunha vez estivestes nunha aula de infantil, sabes que ou entendes disto ou estás morto.

Biografía
Líder do grupo de pop ‘Maldita Nerea’, vocalista e compositor, Jorge Ruiz é ademais logopeda e profesor de Audición e Linguaxe. É tamén embaixador de talento da ‘Fundación Promete’ e autor do libro “Bailarina”.