Heike Freire

Pedagoga 

"A natureza está chea de exemplos que ensinan valores".

Podes ver o vídeo completo aquí.

A razón principal que encontrei para defender o contacto coa natureza é que o ser humano, desde o principio dos tempos, emerxeu deste medio natural que é a biosfera. E os nosos organismos están perfectamente adaptados, perfectamente equilibrados, perfectamente deseñados para se desenvolveren nese medio, como o fixeron ao longo de tantos centos de miles de anos. Dalgunha forma, a nosa cultura evolucionou, cambiou, volvémonos cada vez máis urbanitas, cada vez máis tecnolóxicos e, agora mesmo, o medio no que medra un neno ou unha nena non se parece moito a aqueles medios nos que se medrou hai 40 ou 50 anos. A nosa especie non se vai adaptar, por exemplo, agora, ao cambio climático.

Houbo un estudo da Universidade do Minho, en Portugal, que demostraba que os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos pasaban o 76% do tempo sentados ou deitados en lugares pechados. Non se moven. Hai necesidades fisiolóxicas fundamentais dos nosos organismos. É dicir, mira o que camiñamos nós agora. E os nenos e as nenas, resulta que é a través do movemento precisamente como se desenvolven moitas cousas… Por iso falamos de psicomotricidade, porque o movemento é un factor fundamental a través do que se desenvolven os sentidos, a través do que se desenvolve a intelixencia espacial, a través do que se desenvolven os nosos corpos, o vigor físico, etcétera. Desgraciadamente, os nenos de hoxe non teñen suficientes oportunidades de movemento. E cando falamos de movemento, estamos falando necesariamente de espazo ao aire libre. Porque un movemento nun lugar encerrado é máis limitado.

Estratexias educativas baseadas no contacto coa natureza

Podemos traballar ese contacto coa natureza dentro das nosas casas, se temos plantas, se temos animais. Como nos relacionamos con eles? Como seres iguais ca nós, porque ás veces non os consideramos seres vivos, considerámolos case obxectos ou considerámonos como moi por riba e non lles damos importancia. En cambio, os nenos e as nenas veñen con este amor pola vida e relaciónanse como iguais. Nós podemos cultivar casas máis abertas ao medio, permitir que poidan vir paxariños, facilitarlles niños ou comida no balcón. Hai tantas cousas que dentro da casa podemos facer.

Estes parques con pisos totalmente sintéticos e moi poucas propostas de xogo non son adecuados para un neno ou unha nena. Un neno necesita tocar, cheirar, mancharse. Se o teu fillo non se manchou é que non fixo o seu traballo de xogo e é que non está desenvolvendo a súa sensibilidade, non está desenvolvendo a súa intelixencia, non está desenvolvendo moitas cousas. Fíxate, nunha cousa que ás veces nos custa tanto, que é que un neno se manche. Eu ás veces pregúntome: Na época da lavadora, como é posible que ás nais lles importe tanto que un neno se manche? Se o neno non se mancha significa que non fixo o seu traballo de xogo e que non fixo o seu traballo a nivel de desenvolvemento, porque o feito de mancharse axúdao moitísimo, estimula a pel, que a pel está directamente conectada co cerebro, é o mesmo epitelio. E, realmente, estimula os seus sentidos e estimula a súa motricidade tamén, a súa percepción de si mesmo, etcétera. Polo tanto, é fundamental que se manche. Entón, xuntarte cun grupiño de persoas e poder, talvez, crear entre todos un lugar onde… simplemente, ás veces, cando son moi pequenos, cun pouquiño de auga, un pouquiño de area e dúas ou tres cousas máis… Tampouco necesitan tanta cousa. Pero, sobre todo, poder tocar, poder crear, poder moverse, poder interrelacionarse entre eles. Iso xa é moi moi importante.

Cando ti empezas a traballar en espazos abertos, coa natureza… ás mestras cústalles ás veces, porque teñen medo a saír. Cando dás ese paso e aprendes algunhas estratexias, realmente decátaste de como facilita moitísimo a túa tarefa. Porque moitos dos comportamentos que son totalmente inadaptados, cando os nenos e as nenas están ao aire libre ou están nun medio natural, non os mostran, están moito máis relaxados, son moito máis colaboradores, teñen moitos menos conflitos… De modo que favorece moitísimo o traballo.

Na natureza hai innumerables oportunidades de motivación e aprendizaxe. Adoitamos pór por diante o cognitivo e esquecémonos do sensorial e do emocional. Hai quen fala do trastorno por déficit de natureza, porque di que os nenos e as nenas de hoxe teñen un trastorno. Pero eu diría que a falta de natureza está facendo que se desenvolvan dunha maneira, digamos, máis complicada.

Biografía
Heike Freire é licenciada en Psicoloxía e Filosofía pola Universidade de París X Nanterre e foi asesora do Instituto de Educación Permanente de París do Goberno francés. A pedagoga é unha das grandes referentes mundiais do que se coñece como ‘pedagoxía verde’, un método que busca educar a través do contacto coa natureza. É autora de libros como ‘Educar en verde. Ideas para acercar a niños y niñas a la naturaleza’ e ‘¡Estate quieto y atiende!’.