Francisco Mora

Doutor en Neurociencia e Medicina

"Debémonos centrar na curiosidade para espertar a atención dos nenos desde dentro"

Podes ver o vídeo completo aquí.

A neuroeducación é un intento de aproximar unha nova luz á instrución e á educación. É dicir, a como se pode aprender mellor. Aproximar valores e normas á conduta do ser humano. E, neste sentido, a neuroeducación pertence ao que hoxe no mundo é unha revolución. Unha nova cultura. A cultura en que vivimos e que coñecemos está a morrer. Está nacendo unha nova cultura, a cultura neuro, que significa decatarnos do que é o ser humano, o que sente, o que cre, o que pensa, o que fai, e aprender e memorizar é produto do funcionamento do cerebro. Como o fai o cerebro? Dise que en non moito, intentar ensinar sen coñecer como funciona o cerebro será algo así como intentar deseñar unha luva sen nunca antes ver unha man.

A neuroeducación ten que ser aplicada xa, aínda que só sexa ou for para atallar, destruír os neuromitos ou falsas verdades. Hoxe, todo o mundo fala do cerebro. Porque é a referencia importante máis alá da filosofía. É o que nos proporciona datos constatados. E cando falamos así, falamos de que podemos falar da memoria. Da aprendizaxe e da memoria, de valores e normas, do que significa a atención.

A intelixencia emocional é a capacidade empática. A capacidade de intuír no outro o que di, como o di, e que o outro vexa en ti unha cara de placidez, unha cara de aproximación, unha cara de esforzo en querer entender o que dis, unha cara na que practicamente en poucos minutos pode existir algo misterioso que é o que fai que haxa unha transferencia emocional. Aplicar unha intelixencia que serve para o éxito que ti poidas ter na vida. Ti podes ser moi listo en matemáticas ou podes ser moi listo en enxeñaría… Pero como non teñas a intelixencia emocional básica, calquera pequena cousa tira pola borda toda a túa capacidade matemática.

"Sen emoción non hai pensamento coherente nin ensamblado, sen emoción non hai toma de decisións acertadas".

A emoción é o substrato que fai que o cerebro funcione. A xente aínda pensa que a emoción é aquela reacción que fai que, cando aparece alguén atacarte, ti podes reaccionar de tres formas distintas. Que son o que os ingleses chaman “fight, flight, fright”. Se te atacan, deféndeste coa loita, foxes ou escóndeste. Iso é o máis básico. Por iso dicimos que a emoción é un proceso sempre inconsciente. Cando loitas ou foxes, ou te escondes, que non che pregunten por que o fixeches. Por que escolliches A, B ou C. Non o sabes. O cerebro traballou por ti inconscientemente. E faino polo camiño que mellor sabe con seguridade que vai salvagardar a túa vida.

As emocións naceron hai aproximadamente uns 200 millóns de anos. Nos mamíferos, ao longo do proceso evolutivo. E moi recentemente dixéronnos en prestixiosas investigacións que posiblemente podemos trazar o seu nacemento nos invertebrados, que non tiñan nin cerebro aínda, só ganglios, hai 450 millóns de anos. Fixádevos ben, a nosa especie, o Homo sapiens sapiens, só ten 150.000 anos de vida. Comparade iso con 450 millóns. Quere dicir que temos as emocións tan ancoradas profundamente na nosa natureza, que eu sosteño publicamente que somos seres emocionais. E despois, un pouquiño racionais. É a emoción o que o guía todo. Pensar e razoar xa vén con ideas que están embebidas dun significado emocional. Somos mamíferos. E ningún mamífero pode executar ningunha conduta que non teña un significado. E iso é o que fai, ademais, o ser humano.

A información que nos entra polos ollos, polos oídos, polo tacto, gusto, olfacto, etcétera, despois dun longo proceso de elaboración do mundo, canaliza a través do sistema ou cerebro emocional. E é despois que vai á elaboración. En definitiva, a emoción embébeo todo. Sen emoción, non hai pensamento coherente e ben ensamblado. Non podes pensar. Sen emoción, non hai toma de decisións acertadas. Sen emoción, non hai memorización sólida.

A atención é o proceso cerebral fundamental. Sen atención, non hai aprendizaxe nin memoria. O principal é decatarnos de que hai que prestar, axudar ou saber, aínda que falaremos, se queres, dos procesos cerebrais da atención, menos da atención e máis ver como podemos abrir esa atención. E iso é a curiosidade. Se Pedriño é normal e non che presta atención, reflexiona e pensa que posiblemente é tremendamente aborrecido o que lle estás ensinando. Polo tanto, tes que facer un esforzo en facer que Pedriño esperte desde dentro. E nunca máis terás que coller a vara de bidueiro e mallalo para que preste, a través do castigo, atención.

Os grandes profesores son aqueles capaces de converter o aburrido sempre en interesante. Porque o interesante é o que che abre as portas da atención. E a atención é o absolutamente necesario para poder aprender e memorizar de forma explícita. A curiosidade é algo tan absorbente cando é auténtica que toda a túa atención está dedicada a iso.

Neste momento, onde as tecnoloxías nos están a invadir, cun valor extraordinario, pero nunca substitutivo do mestre. O mestre debe ser a xoia da coroa dun país. É a súa humanidade o que pode transmitir. Humanidade. Non o esperes nunca dunha máquina, non o esperes nunca dunha tableta. Unha tableta e un ordenador sérvenche. Pero como só, e exclusivamente, traballemos con iso en calquera institución, salvo que sexa un avanzado MIT, e con disciplinas que habería que discutir, un neno o que non pode facer é non saber nada máis alá de onde ten gardado o que ten que saber. Un neno ten que saber poesía, un neno ten que saber que algunhas veces hai que embelecer un discurso. Hai que memorizar selectivamente e coñecer. Porque iso, en parte, tamén é aproveitarte para poder desenvolver as teorías, os talentos executivos, tan necesarios, como son a inhibición de funcións, como son a memoria de traballo. Iso hai que aprendelo e traballalo co mestre. Porque o mestre transfire emoción e humanidade. Que cando o lin no discurso do Premio Nobel de Albert Camus en 1957, cravoume. A transferencia de coñecemento, a semántica, a sintaxe, a prosodia, o colorido emocional e o que chega aos valores non se pode facer nunha tableta.

Biografía
Doutor en Neurociencias pola Universidade de Oxford, doutor en Medicina pola Universidade de Granada e catedrático de Fisioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Francisco Mora é autor de libros como "Neuroeducación: solo se puede aprender aquello que se ama", ademais dun dos grandes referentes a nivel mundial no referente á mellora da aprendizaxe e a memoria.