Esther Wojcicki

Profesora e xornalista

"O xornalismo deberíase incorporar no plan de estudos de todos os colexios do mundo".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Medrei no que hoxe en día considerariamos pobreza, porque tiñamos moi pouco diñeiro e comprar comida era un problema. Aos dez anos, era bastante pequena, decidín que a única maneira de saír desa situación era a través da educación. Non estou segura de que me inspirou a pensar iso con dez anos, pero eu lía moito. Non tiñamos moitos xoguetes, non iamos de viaxe a ningún sitio, así que eu ía á biblioteca, iso era todo. Debín ler algo que dixese que a educación era o camiño correcto, así que se converteu na miña meta, por iso me puxen a traballar tan cedo, con catorce anos, pero en algo no que pensei que me gustaría, sería boa, o que non deixa de ser interesante. Comecei a traballar de reporteira para un xornal local, eu era a rapaza para todo, non tiña nada de formación, pero tiven o descaro de ir e preguntar se necesitaban unha axudante. Lémbrome de como se miraban entre eles, era un grupo de só homes, e dixeron: «Claro, necesitamos unha axudante, pagarémosche tres centavos por palabra», e dixen: «De acordo, acepto». Aforrei suficiente diñeiro para poder ir á universidade. Foi un reto, foi moi estresante, pero estaba decidida, tiña un obxectivo: ter unha carreira universitaria.

O meu obxectivo é axudar a que outras persoas vexan o poder da educación. "Cando penso na educación penso na poderación, porque aprendes cousas que che poden axudar a levar unha vida mellor" Así que o meu obxectivo é axudar a que todo o mundo teña esa oportunidade. Teño centos, incluso miles de alumnos que tiveron éxito, moito éxito, e a miña teoría é que tiveron éxito porque se senten apoderados, senten que poden facer todo o que se propoñan, así que se se lles presentan obstáculos, calquera tipo de fracaso, non importa, vólveno intentar. Ninguén escribe a historia ben a primeira vez, apréndese cometendo erros e repetíndoo outra vez. Isto trasládase á vida en xeral.

Ensino comunicación, e para poder producir unha publicación os estudantes teñen que ser capaces de comunicarse. Se aprendes a comunicarte correctamente no instituto, poderás comunicarte adecuadamente na universidade e na vida real.

Non queres que un neno o faga todo só, hai que ensinar aos nenos a traballar en equipo, tes que poder traballar con todo o mundo, gústeche ou non che guste esa persoa.

"A educación é e sempre será unha interacción entre persoas. O profesor ten que estar presente"

Como ensino pensamento crítico? Teñen que saír e recompilar información, iso é o xornalismo: buscas fontes primarias, descobres o que está pasando no mundo, es reporteiro. Aínda que esteas escribindo un artigo de opinión, tes que encontrar opinións que apoien ambos os lados. Así que recompilas a información e despois tes que indagar que é o máis importante, sabes o difícil que resulta iso para a maioría da xente? Así que se tes práctica con isto, se o fas todos os días, todas as semanas, vólveste moi bo facéndoo.

A creatividade é algo que tes que practicar, así que se cometen moitos erros, pero está ben, non me importa, só volve facelo, repíteo, sexa o que for. Algúns dos erros creativos poden parecer de tolos, pero despois poden resultar ser moi boas ideas. TRICK é algo que elaborei canda os meus alumnos. TRICK quere dicir confianza, respecto, independencia, colaboración e amabilidade. O primeiro é a confianza, eu confío nos meus alumnos, ás veces demasiado, pero nunca me arrepentín. Eu confío en que eles saben o que fan, se chegan tarde a clase, asumo que teñen unha boa razón. A maioría dos nenos queren facer as cousas ben, queren que os acepten, queren facer un bo traballo, esa é a miña filosofía. Temos que darlles a liberdade de teren as súas propias ideas e de pensaren por eles mesmos. Unha revolución na educación é algo moi difícil de conseguir, pero é moi importante que o fagamos e que o logremos, e o primeiro que hai que facer é cambiar o noso pensamento acerca da educación. Porque a educación actualmente é completamente diferente, pero o sistema escolar non cambiou e non cambiou porque a educación se segue baseando en discursos e en libros. Educan as persoas sentándoas nunha clase, facendo que escoiten un profesor, collendo apuntamentos e facendo exames. Non se presta atención ao feito de que todos aprendemos co móbil. Hai centos de anos a visión era que “eu o adulto son o máis listo e vou ensinarche a ti a ser intelixente”. A miña visión actual é que eses nenos son moi listos de forma innata, levan utilizando dispositivos electrónicos moito tempo. Deámoslle a oportunidade de seren creativos e de que utilicen a información que coñecen de forma creativa. Iso non quere dicir que nos desfagamos dos discursos. Eu creo que o oitenta por cento do currículo se debería basear en discursos, de todo o sistema o oitenta por cento, só temos que cambiar ese vinte por cento.

O sistema está tan arraigado en como se pasou de xeración en xeración que é moi difícil de cambiar. Polo tanto, quero traballar co sistema tal e como é e, se podemos comezar por cambiar o vinte por cento e vemos como funciona, talvez entón poidamos cambiar un trinta por cento. Pode ser un cambio gradual. O cambio é algo moi difícil para as persoas, para as culturas, para todos. Todos falamos de cambio, pero ninguén o quere levar a cabo en realidade. Algúns dos descubrimentos máis importantes dos últimos dez anos foron levados a cabo por nenos.

Cada parte do mundo ten diferentes retos, os nenos poden ser parte das solucións, deámoslle unha oportunidade e con esa oportunidade poderán tamén aprender máis. É unha mestura do sistema antigo e do novo, utilizas a tecnoloxía para apoiar a túa ensinanza. En vez de te limitares a dar discursos sobre a Guerra Civil nos Estados Unidos, por exemplo, podes pedir aos rapaces que busquen en Internet como afectou a Guerra Civil ao mundo actual e, cando pregunten que é a Guerra Civil, podes pedirlles que o busquen en Internet, que investiguen e que busquen que é a Guerra Civil e que repercusións tivo a Guerra Civil na actualidade. Esa é a forma de ensinar historia, non como ma ensinaron a min, cun libro cunha chea de datas e tendo que memorizalo todo, datas, persoas que para min non significaban nada, facer un exame… Eu era boa memorizando, así que sacaba sobresalientes, pero xa non me lembro de nada, de absolutamente nada, e á maioría de xente pásalle o mesmo, que non se lembran.

A miña forma de ensinar é unha aprendizaxe totalmente combinada, porque podería dicir que o oitenta por cento das veces son os alumnos os que están ao mando. O outro vinte por cento de veces imparto eu o tema. Os nenos traballan en equipo, uns con outros e producen publicacións. Hai unha data de entrega cada tres semanas e cada tres semanas presentan un xornal de corenta e oito páxinas e tres seccións. Hai arredor de doce tipos de publicacións diferentes e entre seiscentos e setecentos alumnos participan, case a metade do corpo estudantil da Escola de Secundaria de Palo Alto, publican un xornal que se chama The Campanile. Tamén varias revistas. Alén diso, todos os días se fai unha retransmisión para todo o colexio que se arquiva no sitio web da escola. Ademais temos radio todos os días, se che interesa a radio, tamén temos unha clase de produción de vídeo, por se che interesa facer películas, tamén impartimos clase de deseño gráfico.

Biografía
Xornalista e profesora no Instituto Palo Alto. Vicepresidenta da organización mundial de licenzas Creative Commons, presidenta da Fundación de amigos de Lurdes Mutola para a promoción da educación das nenas en Mozambique e consultora da Fundación Carnegie para o Avance do Ensino.