César Bona

Mestre de primaria

"Innovar non significa arrasar todo, é evolucionar de forma constante pensando sempre no benestar dos nenos e das nenas"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Eu non quería ser mestre. Só pensaba no deporte. Agora son mestre, é un privilexio. En cantas profesións podes convidar os rapaces e as raparigas a intentaren mellorar o mundo onde viven?

Non se pode aprender todo en Internet. Internet é como un océano, aí podes encontrar latas ou tesouros. Esa é unha das funcións dos mestres, que podemos convidalos a contrastaren información, a que vexan ou a que transformen esa información que está aí, a transformala en coñecemento. E despois, preguntarlles que van facer con ese coñecemento. Porque non é só que aprendas moitas cousas, es un ser social. E aí a tarefa dos mestres é absolutamente fundamental. Imos axudar as familias a educaren os seus fillos. O primeiro modelo que van ter son as súas familias, os seus pais, as súas nais, pero despois estamos nós. E por iso é un privilexio traballar de mestre, non si? Un privilexio que vai unido, como dicía Spiderman, a unha gran responsabilidade.

Hai moitas cousas que se están a facer ben, pero tamén temos que ser críticos connosco mesmos e saber que hai moitas cousas que teñen que mellorar. Comezando por mirar cada un dentro de si mesmo e que sexamos conscientes de que cada día temos que dar o máximo para sacar a mellor versión dos rapaces. A formación é vital, na universidade e dos docentes en activo.

Aos que van comezar eu sempre lles digo que pensen un pouco en que cando están na aula non só son eles os que teñen que compartir cousas, senón que os rapaces e as raparigas teñen moito que compartir. E que os verbos escoitar, precisamente, e compartir son tremendamente importantes e son de ida e volta.

"Os educadores, pais e nais debemos traballar sempre xuntos, en equipo e co diálogo como ferramenta que nos axudará a ir para adiante"

A felicidade non é o obxectivo mais din que é o camiño. Primeiro, é unha falacia. O que din de que hai xente que se ocupa da felicidade e que esquece o coñecemento é unha falacia. É unha das frases que temos que intentar afastar de nós. Porque quen pense que realmente o ser humano está feito só de coñecemento e non de emocións ten que revisar certas cousas. Agora mesmo sábese, por exemplo, que un neno ou unha nena pode aprender con alegría. Pode aprender con medo? Si. Pero o que acontece no cerebro é moi distinto nun caso e no outro.

No teu traballo, se vas a gusto rendes. Se non vas a gusto non rendes e incluso poderías intentar mudar de traballo. Pero os nenos e nenas non teñen esa opción. Tamén é a nosa misión facer que eles teñan ganas de volver ao día seguinte. Polo menos, busquemos o benestar. Os nenos van pasar a súa infancia e a súa adolescencia nun centro educativo. A min interésame tanto o coñecemento como que o rapaz ou a rapariga veña a gusto ao día seguinte. E se non pensas así, talvez teñas que revisar algunhas cousas. Todo evoluciona, a tecnoloxía, a medicina, os transportes, todo evoluciona. E a educación… Por que se asociou sempre a educación con persistencia ao cambio? A min resúltame paradoxal.

Apréndese moitísimo dos nenos e das nenas no momento en que ti pretendes aprender. Para iso temos que viaxar ao neno ou á nena que fomos para entendelos mellor e para que nos entendan mellor eles. Pero se hai algo que nos ensinan cada día é a vivir a vida con sinxeleza, a preocuparse do agora, non do mañá, do agora. Para un neno dicir dentro duns meses é o infinito. E a encontrar a maxia nas pequenas cousas. O que para moitos adultos pasa desapercibido para un neno ou unha nena resulta máxico, non si? Esa ilusión tamén que che contaxian se estás rodeado de nenos, por iso ser mestre é unha profesión de privilexiados.

Fáltanos escoitar os nenos e nenas. Tamén as familias e os docentes para ir transformando todo isto xuntos. Temos que reformularnos moitas cousas, a participación das familias é esencial. A familia é o primeiro órgano educativo, despois, a escola. Por iso debemos traballar en equipo.

Biografía
Mestre de primaria e licenciado en Filoloxía Inglesa. Autor de libros como "La nueva educación" e "Las escuelas que cambian el mundo", foi o primeiro profesor de España en alcanzar a distinción de finalista no premio Global Teacher Prize. A súa iniciativa educativa ‘El cuarto hocico’, foi premiada pola primatóloga e Premio Príncipe de Asturias, Jane Goodall. Bona reivindica o diálogo cos alumnos e a importancia crucial do profesorado como piares fundamentais da educación.