Carol Dweck

Psicóloga e investigadora

"Non hai que quedar no esforzo, senón no proceso do neno á hora de progresar"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Mesmo en nenos pequenos, entre tres e catro anos, a súa mentalidade non se formou totalmente, pero si vemos trazos de mentalidade fixa ou de crecemento. Moitos destes nenos xa comezan a desenvolver mentalidade de crecemento a esa idade, pero outros, cando se lles rifa ou son criticados ou fallan en algo, pensan: “Non son unha boa persoa”. E isto é algo de mentalidade fixa, non queren seguir co que facían, un pai pódese decatar de se ao seu fillo o asustan as dificultades, se se renden con facilidade e se frustran rapidamente, se din: “Non podo facer isto” sen intentalo de verdade. Nese caso, hai que centrarse en descubrir que pasa. É o maior reto de pais e docentes, saber que ocorre. Imos observar, probar cousas diferentes e descubrirémolo. O maior agasallo que lle podes facer a un neno é ensinarlle que non pasa nada se non consegue algo agora, pero que, con tempo, esforzo, aprendizaxe e colaboración, pode logralo.

Ao principio centrámonos moito no esforzo. Despois, decatámonos de que a xente o tomaba demasiado en serio. Pensaban que a mentalidade de crecemento só consistía en esforzarse, que o importante era que o neno se esforzase ao máximo, tivese éxito ou non, que non lle podían dicir ao seu fillo que o fixera ben. Unha vez un pai veu e díxome: “Encantaríame poder louvar os logros da miña filla”, díxenlle: “Pero que dis? Claro que podes aplaudir os seus logros, pero despois falade sobre como chegou alí”. É o proceso o que importa, non só o esforzo. Se lle dis a un neno: “Guau, traballaches moi duro”, pero realmente non progresou nada, por que llo dis? Pódeslle dicir: “Valoro moito o esforzo que fixeches, pero imos descubrir como mellorar”. Non hai que quedar no esforzo, senón no proceso do neno á hora de progresar e, ao final dese proceso, o neno necesita comprometerse a mellorar aínda máis.

Nunca é demasiado tarde para aprender. Para moita xente non é fácil aprender a cambiar. Se viviches sempre con medo aos retos ou pensando que os erros te fan menos intelixente, pode ser moi complicado aprender a cambiar, pero nunca é demasiado tarde. Un antigo alumno meu ten un grupo de investigación dedicado á xente maior; descubriu que a memoria pode mellorar cando lles ensinas a mentalidade de crecemento, así como a súa habilidade para aprenderen. Así que nunca é tarde; moita xente ten pequenas illas de mentalidade fixa na cabeza. “Non podo facer isto, non podo facer mates, non sei tocar un instrumento, non aprenderei nunca outro idioma”. Encaixan moi ben nesas… Ou talvez só viviron unha mala experiencia. Non hai moito coñecín varios profesores de primaria que dicían que de pequenos odiaban as matemáticas, aprenderon a mentalidade de crecemento, deron cursos de matemáticas e descubriron que lles encantaban e que se lles daban xenial. Nunca é tarde para descubrir algo novo. E talvez cando eras novo tiveches unha mala experiencia, ou non sabías debuxar ben e non entendías por que. Non aprendiches, non significa que non poidas aprender agora.

"Ensina ao teu fillo que non pasa nada se non consegue algo agora, pero que, con tempo, esforzo e aprendizaxe, pode logralo".

Ter boas notas é bo, creo que todos estamos de acordo, pero dar tanta importancia ás notas significa que, ao teu fillo, lle estás a dicir: “Sacar boas notas é mellor que aprender. Sacar boas notas é máis importante que entender algo profundamente e empaparte diso. Sacar boas notas é mellor que ter ideas novas”. Se consegues sacar boas notas sen esforzarte, ese pai estaría moi contento, pero iso non te prepara para a vida, prepárate para ter boas notas na escola. Pero se non entendes algo a fondo, se te bloqueas coas cousas difíciles, non sabes como ter ideas novas, non sabes coller un problema e darlle a volta para solucionalo… Se non sabes que che interesa, todas estas cousas non preparan os nenos para a vida.

Encontrar a túa paixón pode asustarte ou restrinxirte, asustarte se pensas que non a encontraches ou restrinxirte se pensas que a encontraches. Por iso eu nunca digo que busquen a súa paixón, senón: “Pensa en ser a versión máis amable de ti mesmo, pensa en que querería facer esa persoa”. E despois anímoos a desenvolveren os seus intereses. Xa non a encontrar directamente unha paixón, ás veces a xente conségueo, ás veces é un amor á primeira vista, pero incluso aí, ten que cultivarse e desenvolverse. E, ante a primeira dificultade, tampouco podes pensar: “Está ben, non era a miña paixón, vou probar estoutra”. Hai que entender que hai que desenvolver os intereses e que, ás veces, encontraraste con dificultades ou adversidades e, aínda así, pode ser o teu maior interese.

A primeira vez que escribín sobre a mentalidade de crecemento e comecei a desenvolver a idea, pensaba que era algo moi evidente, que era unha idea moi fácil de entender: a idea de que as habilidades se poden mellorar. Tamén pensaba que os docentes o podían pór en práctica facilmente. Enganeime. Se lle pedías á xente que definise a mentalidade de crecemento, non pensaban que se trataba de mellorar as habilidades, senón de louvar o esforzo. Ás veces soltábanlles un discurso ao principio do ano e esperaban que os estudantes, de súpeto, deixasen de odiar os retos ou clasificaban os nenos. Decatámonos de que non era un concepto fácil de implantar na aula. Que fixemos? O primeiro foi reler moito, clasificar as ideas entre as que son falsas e as que non, explicarlle á xente como cambiar a súa propia mentalidade, algúns compañeiros están agora desenvolvendo unha folla de ruta para docentes que detalle paso por paso como implementar a mentalidade de crecemento na aula. En primeiro lugar, o docente ten que cambiar a súa propia mentalidade. Decatámonos de que moitos docentes aseguraban ter unha mentalidade de crecemento cando non era así. O primeiro paso é recoñecer a túa propia mentalidade fixa, o seguinte paso é cometer os teus propios erros na aula e descubrir, diante de estudantes, como corrixilos. Moitos dos profesores de matemáticas máis recoñecidos cometen erros e á clase encántalle e, así, todos xuntos descobren a solución. Hai que dar importancia nas notas cando un neno se enfronta a un reto e segue adiante, así, ninguén, nin os estudantes máis intelixentes terían un sobresaliente se non o traballan, hai que dar importancia nas notas cando mostran algún progreso, hai que centrarse en aprender e mellorar, hai que mostrar aos nenos que estaren confundidos é unha parte natural da aprendizaxe e como superalo e centrarse no proceso, non só no esforzo senón nas estratexias, que saiban pedir axuda cando sexa necesaria, utilizar recursos ao seu alcance, apoiarse en compañeiros que os axuden a aprender. Os profesores teñen que valorar, premiar e recoñecer estas cousas.

Biografía
Carol Dweck é profesora de Psicoloxía na Universidade de Stanford e a creadora de conceptos como mentalidade fixa ou mentalidade de crecemento, a dos que consideran que as súas habilidades poden mellorar grazas ao adestramento e o esforzo. As súas investigacións conclúen que os pais, mestres e educadores poden axudar a fomentar a mentalidade de crecemento. Se como pais ou educadores nos centramos en eloxiar o proceso máis que o resultado, os nenos enfrontaranse mellor ante os desafíos en vez de se daren por vencidos cando as cousas se complican.