Blanca Portillo

Actriz

"Se privamos os nenos da arte e da cultura, que mundo van construír?".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Moitos países teñen o teatro como materia obrigatoria. Eu creo que é unha cousa que todo o mundo debería facer algunha vez na vida. Pero na infancia, cos nenos, é un momento difícil porque non teñen ferramentas para se moveren na vida. Eu dei clases a nenos e a nenas. Fáltanlles ferramentas. E hai moitos pudores, é un momento no que se enfrontan ao exterior cando teñen o seu mundo na casa, máis ou menos cómodo. O teatro permíteche, primeiro, entrar en contacto cos outros de forma sincera. Isto é unha cousa curiosa de matizar. Cando ti estás no cole, compartes o que se pode compartir no colexio. Pero cando estás facendo teatro, o primeiro que tes que compartir é medo, emoción. Vas traballar coas túas emocións, co teu sentido do ridículo. Perder o sentido do ridículo.

O dereito ao erro, as ensinanzas teatrais permítencho constantemente. De feito, a base do teatro é a equivocación. Para aprender hai que equivocarse para poder facelo ben, o erro, acerto, erro, investigar como poder facelo mellor. Con iso, ábreselles a cabeza, quítaselles o medo. Eu lembro que, dando clases, había un neno que era, digamos, o malo do grupo. Había un rapaz que era como o máis chulo de todos. Os outros tíñanlle algo de medo. Cando el soltaba unha broma, todos rían. Entón, eu decidín darlle a personaxe máis seria, a máis sensible, a que estaba máis triste. E descubriu, dentro del, que iso non só facía que non perdese autoridade dentro dos seus compañeiros, senón que lles mostraba aos demais unha faceta que non sabía que tiña, e que facía que os demais o quixesen de verdade, ou o admirasen de verdade. Porque o rapaz tomouno moi en serio e comezou a traballar con moita dedicación. Grazas a iso, comezou a ser líder doutra maneira, dunha maneira moito máis honesta, porque choraba, porque era capaz de chorar diante dos amigos. E iso foi como unha carambola, iso foi pasando aos demais. Ben, naquela ocasión, eu tiven un problema cos profesores porque os nenos quixeron deixar de dar todo tipo de clases, de calquera outra actividade, porque só querían dar as clases de teatro. Ábrelles moitísimos camiños, sobre todo na mente. E na súa forma de se relacionaren cos outros, e perderen o pudor.

"Ante o medo a falar en público é bo saber que non pasa nada se te equivocas ou quedas en branco"

Facemos moitísimas cousas, ou deixamos de facelas, porque nos dá vergoña, porque nos dá pudor. “Eu non vou poder facer isto”. Por que non? Fixemos Un soño de verán de Shakespeare. Inevitablemente, comezas a falar de mitoloxía, a falar de Shakespeare como autor, non só teatral, comezas a falar da súa época. Co cal, empezan a aprender unha morea de cousas colaterais que teñen que ver co ensino xeral, pero que ven a través deles, a través do seu propio corpo. E espértalles a curiosidade dunha maneira incrible. E despois comezan a aprender que, sen o outro, ti non es nada, e iso tamén é importante. Non se trata de ser o mellor, trátase de ser un bo elo forte dentro dunha cadea forte. E fórmase un equipo, fórmase un grupo onde todos axudan a todos e se eliminan rivalidades.

No 99 % das ocasións un actor non fala coa súa propia voz, fala a través dunha personaxe. Polo tanto, eu sei o que teño que dicir, xa o aprendín. E non o digo eu, dío ela ou el. Iso quítache a metade do problema. Eu entendo que falar é cando me enfronto a unha serie de persoas que me están mirando e non teño un guión escrito, non sei o que vou dicir, e son eu falando. Esta vez son eu, non é unha personaxe. O primeiro que creo que un ten que asumir cando vai falar en público é que pon nervioso. Ninguén quere facer o ridículo. Unha cousa é que teñas costume de facelo e outra cousa é que non dea medo. Dá medo sempre, e isto é unha cousa que a min me parece que hai que asumir. Por outro lado, é bo saber que non pasa nada se te equivocas, que non pasa nada se quedas en branco. Ninguén vai morrer. O único risco é o teu propio medo a facer o parvo ou a facer o ridículo, o nivel que ti te pos a ti mesmo, o límite. Creo que hai unha cousa que ás veces nos custa tamén pensar cando falamos en público, e é que a xente que está aí está disposta a escoitar.

Un dos grandes retos de falar en público é conseguir a atención. Captar. E a única maneira de captar a atención é dar. Dar. É un acto de xenerosidade. E iso nótase moito nos políticos. Non o notastes, cando un político non fala para nós? Fai así, mete a ollada para dentro e está falando para el ou para unha masa.

Falar en público é un acto de xenerosidade. “Teño algo para darvos”. E a partir dese momento, a xente vén contigo. A non ser que digas unha sandez. Ou unha cousa a destempo. Pensamos que falar en público é unha cousa dun señor ou unha señora fronte a outros que non existen ou que son unha masa. Non, son individuos, un e outros uns, e que teñen o seu interese. Cando deixas de pensar niso, empezas a comunicarte co outro, a respirar e a ser un ser humano máis que ten algo que compartir, nada máis. É bonito, eh? Porque se o ves desde aí perdes parte do medo.

Biografía
Licenciada pola Real Escola Superior de Arte Dramática e Danza, Blanca Portillo é actriz, directora e produtora. Gañou o Premio Nacional de Teatro en 2012 e tamén ten un Max á mellor dirección de escena pola obra ‘La avería’. Ademais, é moi coñecida por interpretar diferentes papeis tanto no cinema como na televisión.