Angélica Sátiro

Pedagoga experta en creatividade

"Os nenos deben aprender a pensar de forma crítica, ética e creativa"

Podes ver o vídeo completo aquí.

A creatividade é un campo recente a nivel de investigación teórica. E é un campo tamén interdisciplinar. A propia palabra “creatividade” é polisémica. Para min, crear é xerar novas, máis e mellores ideas. É dicir, ideas con valor. E despois estas ideas son as que poden ser aplicadas en varios campos a través de distintas linguaxes. Para min é moi importante entender a creatividade como unha capacidade. Todos os seres humanos a temos en potencia. E podémola desenvolver. Non existe unha persoa creativa e outra non creativa. Existen niveis de desenvolvemento desta capacidade.

O sistema educativo non favorece o desenvolvemento da capacidade creativa. E, pola maneira en como se estruturan os procesos de aprendizaxe e de ensino, moitas veces o que vexo é máis un embotamento desa capacidade.

Se nalgún momento pensamos que alguén non é creativo e que temos que ensinarlle a selo, xa hai unha grande equivocación. A capacidade creativa non se ensina. O que podemos facer é crear as condicións para que ela se desenvolva. Estimulala para que saia. Por exemplo, crear un ambiente que estimule estas respostas novas. Se na escola as nosas preguntas só piden unha resposta e esta resposta é a correcta e única, se os adestramos para que sexan así, non lle estamos facendo ningún favor ao desenvolvemento da súa capacidade de pensaren creativamente.

Temos que cambiar as nosas preguntas, a maneira de preguntar. Buscar facer preguntas que favorezan, que se abra o abano de buscar posibilidades de resposta. Sen medo a equivocarse. Quen nunca se equivoca na vida? O ser humano equivócase de por si, só de estar humanamente no mundo xa nos estamos equivocando. A primeira cuestión é romper con ese medo. Igualmente, é importante ter presente que os procesos tamén deben ser creativos. Que se vaia constituíndo, que cada criatura poida facer moitos ensaios de ser, que non quede cun.

"Cada situación cotiá é unha oportunidade para que os nenos aprendan a pensar de forma creativa"

Tes que ter un ambiente que favoreza a creatividade. Se o ambiente sempre é a repetición do mesmo, os roles, os camiños, os tempos, as maneiras de facer… Se só repetimos, como queremos que desenvolva a capacidade creativa? E na aula, o mesmo. Se na aula, por exemplo, están todos os nenos e as nenas sentadiños mirando para unha persoa, que é a profesora, o profesor. E só miran aí, escoitan aquel discurso e teñen que devolver ese discurso á hora dos exames, como queremos desenvolver a capacidade creativa aí? Estes nenos e estas nenas teñen que estar mirando para outros lados tamén, ademais de mirar para a cabeza dos nenos, do que hai diante, teñen que mirarse entre si. A aula necesita ser un ambiente polifónico.

Se tratamos a aula como unha comunidade de investigación, todos imos estar buscando respostas, formulando novas preguntas, indagando, cuestionando as verdades que temos como dogmas, cuestionando os estereotipos, non rendéndose ás respostas banais e rápidas. Outra cousa tamén importante para que iso ocorra é que o profesor e a profesora entendan que é só unha cuestión de aplicar unha técnica. A capacidade creativa hai que estimulala toda a vida.

Un profe ou unha profe que queira facer na súa aula un ambiente máis creativo ten que ter presente isto: estar cambiando o seu ambiente, non o deixar sempre igual. En caso contrario, non hai forma de que estimule nada. Ir cambiando cousiñas e ver que xeran estes pequenos cambios. E ter no propio ambiente, nas paredes ou nos obxectos, cousas retadoras. E non dar as respostas. O pensamento creativo implica abrir. É dicir, buscar todas as perspectivas posibles, pero nalgún momento tamén converxer para chegar a unha resposta. E unha vez chegado alí, volver abrir para abrir moitas posibilidades, deixar que emerxan estas posibilidades, para despois volver concretar. Iso cabe nas matemáticas, nas ciencias, na arte, na música, na filosofía…

Biografía
Escribiu máis de 200 obras acerca da pedagoxía e a creatividade. Angélica Sátiro é, ademais, doutora cum laude en Pedagoxía pola Universidade de Barcelona e posgraduada en Pedagoxía Filosófica pola Universidade Federal de Minas Gerais (Brasil). Tamén creou diferentes proxectos centrados en vías innovadoras na educación, tanto en América do Sur, como en Europa. O seu obxectivo permanente é lograr que se fomente nos nenos tanto a creatividade como o pensamento crítico.