Alicia Banderas

Psicóloga clínica e educativa 

"A mellor extraescolar para os nenos é o xogo libre".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Os pais queren que os seus fillos sexan máis brillantes, adquiran maiores habilidades, maiores capacidades, case como eses supernenos.

Os nenos o que máis necesitan ese primeiro ano é o desenvolvemento dos seus sentidos. De feito, é a parte principal do seu desenvolvemento. Comezan por experimentar as sensacións. Comezan o descubrimento de todos os sentidos. Primeiro van as sensacións, despois vai a percepción e despois vai a cognición. É dicir, o pensamento, a interpretación de todo o que pasa. E só é a través dos sentidos cando o neno pode organizar as súas experiencias vitais. Para que introducir máis elementos se os nenos o que necesitan é ese contacto para poderen aprender? Os nenos sempre prefiren unha figura humana.

O cerebro dos nenos non é ningunha esponxa. De feito, ata a esponxa non pode absorber máis líquido que o que a súa propia capacidade lle permita. Incluso co excesivo uso desbórdanse e degrádanse. E iso é o que pode pasar no cerebro dos nenos. Que son? A que chamo “nenos sobreestimulados”? Son aqueles nenos que sometemos a unha excesiva estimulación mesmo antes de que o seu cerebro estea preparado, de forma precoz e temperá. E, ao final, o que xeramos neles é un bloqueo e un estrés na súa aprendizaxe. E tamén, ás veces, apuntámolos a excesivas clases extraescolares que nin sequera escolleron ou desexan. Iso tamén crea unha desmotivación. É moi importante o feito de sentir que algo che gusta, que se che dá ben, para despois sentir esa autorrealización.

Hai que respectar o ritmo de aprendizaxe dos nenos. Para que temos nenos de dous anos en clase de chinés, de inglés, de natación, de estimulación musical…? Ao final, xa non son eles estresados, son familias estresadas. Que necesita o neno? Xogo libre. Sabemos que o coñecemento se xera de dentro para fóra. O neno ten que ser o protagonista das súas propias creacións. A partir dos tres anos, ten que xogar ao xogo simbólico, que é facer como se son médica, como se son avogada, tendeiro…

"O cerebro dos nenos non é unha esponxa. Ás veces, están sometidos a unha estimulación antes de que o seu cerebro estea preparado".

Sería moi importante que puidesen convivir os dispositivos electrónicos, que agora se converteron nese xogo principal dos nenos, con xogos máis tradicionais e xogos ao aire libre. É importante recuperar eses xogos de mesa: o parchís… É importante saír co monopatín, cos patíns, coa bici. Saír ao campo. Para poder equilibrar. E despois, se callar, poderiamos estar un pouquiño coas pantallas. Se ti te afás a saciar o pracer a través dunha pantalla, cada vez vas necesitar maior número de estímulos que ás veces poden ser nocivos. E van estar expostos a estímulos de maneira moi prolongada e entón van perder o interese por aquelas actividades da natureza, que van a un ritmo moito máis lento.

É moi importante que os pais pasen tempo xogando cos fillos. Sabemos o beneficio que ten o xogo: o desenvolvemento da creatividade, o desenvolvemento do aparello psicomotor. Pero para os pais hai tres cuestións fundamentais nas que sería marabilloso para a interacción de pais e fillos. Un, porque cando ti xogas cos teus fillos posiblemente es a mellor versión de ti mesmo. Es o teu eu máis amable. Vente nun momento relaxado, nun momento de lecer. Ás veces pasamos a vida instruíndo os nosos fillos para educar en valores. A empatía, o ben e o mal, a paciencia, saber perder… Pois o xogo é unha marabillosa maneira de compartir sen obrigar, sen instruír, e que eles poidan interiorizar eses valores.

O uso abusivo das pantallas, loxicamente, é prexudicial. Porque ás veces non se vive unha vida equilibrada entre o en liña e o fóra de liña. Facer un uso adecuado das tecnoloxías pode ser moi enriquecedor. A cuestión é cando xa para ti é un refuxio. Entón, que estamos vendo nese sentido? Os nenos están construíndo como unha identidade un pouco fragmentada. Por que? Porque ti exposte ao mundo, parece un baile de máscaras. Ti a través da Rede podes ser quen queiras ser. Entón, o autoengano está á flor de pel. É dicir, eu podo exacerbar os meus trazos máis positivos, pódome mostrar ante este grupo dunha determinada maneira… Como a mercé dos demais. Entón, ao final, a túa autoestima non está construída nunha base sólida, senón que é: “A ver como me adapto. E tamén dependo das miñas publicacións, dos likes, os “gústame” que os demais me outorguen para eu sentirme ben. Entón, ao final, están pendentes continuamente dese feedback, de seren aprobados e aceptados, que é o que máis queres na preadolescencia e na adolescencia. Ese é o perigo, ás veces, non saber quen é un e formar unha identidade máis unificada. Cando te relacionas a través da Rede e non queres alguén, ti desconéctalo nun chiscar de ollos. Podes dicir: “Este non é o meu amigo e fóra”. Na convivencia, na túa clase, no recreo, non podes apagar esa persoa, tes que convivir con ela. Estamos vendo un aumento dunha baixa tolerancia á frustración, de determinados conflitos, de agresividade, porque claro, non saben manexar a presenza do outro, que ten que estar e tes que convivir.

Como podemos controlar a ira dos nosos fillos? Pois, principalmente, os nenos teñen que saber o que senten. E ás veces nós non llo permitimos. Non permitimos nin sequera, ás veces, o enfado, reprimímolo. Ou os momentos de ira. E ás veces a ira é unha emoción universal. O mesmo que a tristeza, o mesmo que a alegría. Parece tamén que a nosa sociedade fai que te sintas mellor se sacas a ira en vez de sacar a tristeza. Porque coa ira ti reafírmaste e de súpeto encóntraste poderoso, apodéraste. Porén, a tristeza xera abatemento.

Biografía
Esta psicóloga clínica gañou premios como o de xornalismo de televisión. É autora dos libros “Hijos felices”, “Pequeños tiranos” e “Niños sobreestimulados”. Leva máis de dúas décadas traballando xunto a nenos e adolescentes en proxectos educativos. Un dos seus principais cabalos de batalla é a batalla ante o exceso de actividades extraescolares, defendendo o valor do tempo en familia e do xogo.