Álex Rovira

Escritor e divulgador

"Para comunicarnos mellor cos nosos fillos necesitamos aprender a escoitalos"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Non somos conscientes, porque non nolo contaron, de como a nosa ollada condiciona necesariamente a calidade do vínculo co outro. Pero non só o vínculo, senón as posibilidades de realización, non só de todo ser humano, senón de toda forma de vida. En psicoloxía esta ollada é denominada «a ollada apreciativa».

Non somos conscientes da importancia de trenzar dous grandes universos, o da educación e o da formación. Hai persoas que tiveron acceso a unha moi boa formación pero que son maleducadas, porque non teñen corazón. E hai persoas que non tiveron o privilexio do acceso a unha boa formación, pero que son extraordinariamente ben educadas. Creo que na escola nos deben formar e deben complementar a educación que se dá nos fogares, e creo que nos fogares debemos crear as circunstancias para que a educación floreza e complementar a formación que se dá nas escolas. E en ambos os contextos, tanto mestras e mestres, como nais e pais, debe haber esa ollada apreciativa que dea ás. A nosa ollada, e cando digo ollada, debería dicir a nosa postura existencial, a nosa maneira de estar no mundo, manifesta o noso sistema de crenzas, o que creo sobre min, o que creo sobre ti, o que creo sobre a vida. Imaxinade que fósemos capaces de facer unha ollada apreciativa sen prexuízos, que fósemos capaces de concentrarnos nas bondades e nas virtudes sen perder o pensamento crítico, por suposto. Se nos puidésemos liberar de falsas crenzas sobre nós mesmos, de prexuízos sobre o outro e de proxeccións, que é o que o outro pensa que eu penso sobre el, estariamos moito máis preto de algo fundamental, que é a realidade. E, ao final, para que un… Eu creo que nacemos mulleres e homes, pero devimos humanos. A humanización é unha conquista e nesa humanización teñen que trenzarse tres principios: principio do pracer, principio do deber e principio de realidade. Cando somos capaces de trenzar estes tres principios, o deber, o compromiso, o pracer, a alegría e a realidade, darnos conta do que é, temos moita máis capacidade de transformación individual e colectiva. Se a iso, ademais, lle engadimos unha ollada apreciativa, potenciamos eses tres principios e podemos conseguir moito máis no individual e no colectivo.

Amar é inspirar para axudar o ser amado a que constrúa novas realidades obxectivas: que poida levar a cabo un proxecto, que poida superar un exame, que poida facer un bo traballo de investigación, que se poida dar o permiso de facer algo que lle dá medo. Pero inspirar tamén para novos sentidos á vida. O que ama procura que o ser amado constrúa unha narrativa interior que o sosteña especialmente na adversidade, e as historias serven para iso. As historias inspírannos, dannos ancoraxes na memoria, dannos referentes de como ese personaxe superou esa dificultade. As historias crean imaxes mentais, crean arquetipos de enorme forza. Unha narración sobre a túa propia vida ou sobre a vida dun ser amado ou sobre un mito ou alguén descoñecido pode, nun momento determinado, actuar como un acicate ou como unha panca que te leve a unha resposta desde a forza interior, desde a vontade de seguir, desde a vontade de servir, por iso son moi importantes as historias.

"Na escola e na casa, debe haber unha ollada apreciativa que dea ás aos nenos"

Non pode haber aprendizaxe sen entusiasmo. Fálase moito na aprendizaxe da cultura do esforzo, pero creo que é un grave erro, porque o esforzo, en si mesmo, só o esforzo, non é un valor final, é un valor instrumental. A combinación de entusiasmo, paixón, esforzo, alegría, recoñecemento é clave na aprendizaxe.

Que teñen os equipos de alto rendemento que funcionan a nivel deportivo, a nivel incluso de organizacións humanas, de empresas? Teñen tres cousas: en primeiro lugar, respéctanse, sen respecto non hai nada. Na aprendizaxe é o mesmo, hai que respectar a persoa que está aprendendo. Segundo, a admiración. A admiración é fundamental porque pon en marcha o mecanismo de aprendizaxe por imitación. Eu cando admiro alguén quero imitalo, inconscientemente tendo a incorporar a súa linguaxe, os seus xestos… E a terceira variable fundamental é que haxa un afecto profundo. Creo que non somos conscientes da capacidade que temos de transformar os demais e, se se combina todo iso, facemos florecer o ser amado. Cando falamos de amor, levámolo sempre moito ao terreo do desexo, ao terreo da luxuria, ao terreo de Eros. Falamos pouco de filia e de ágape, falamos pouco do amor como a enerxía da confianza, do vínculo, de calidade, a enerxía do compromiso, a enerxía da transformación, a enerxía do diálogo, a enerxía que, realmente, chámalle enerxía, chámalle, por suposto, emoción que nos une. Creo que, realmente, non pode haber unha aprendizaxe radical sen un amor radical.

Non ter memoria ou intentar borrar a memoria non só é fonte de disfuncións operativas, senón de disfuncións psicolóxicas moi importantes. Hai que ter memoria e hai que ter memoria para a gratitude, hai que ter memoria para evitar que a infamia se repita, por iso é importante a memoria histórica, é fundamental. Por iso é fundamental ter no recordo quen nos axudou e quen nos bendiciu, por iso é importante memorizar as táboas de multiplicar. A memoria é fundamental. A memoria cognitiva, a memoria emocional, incluso me atrevería a falar da memoria espiritual en termos de gratitude, de humildade, é crítica. E, polo tanto, hai que traballar a memoria. Porque, ademais, é un pracer poder traer a colación, aquí e agora, aquilo que nun momento te conmoveu, ou aquilo que pensas que lle pode ser útil ao amigo, ou como se chamaba aquel libro que agora quero aconsellar ou aquela película? ou que dicía aquel fragmento que lin ou aquel poema que ao mellor lle queres regalar á persoa que amas? Eu creo que debemos seguir traballando a memoria como unha peza máis de todo o proceso de humanización. Sen memoria non somos nada.

Biografía
Escritor e divulgador, Álex Rovira é autor do best-séller, ‘O compás interior' (máis de medio millón de copias vendidas en todo o mundo) e coautor de ‘A boa sorte’ (4 millóns de libros vendidos). Rovira cre profundamente no poder transformador da palabra e da nosa ollada cara aos demais.