Prima de risco

A prima de risco, tamén coñecida como risco país, é a diferenza entre o xuro que se paga pola débeda de dous países diferentes. Esa débeda, ou débeda pública, pode definirse como o diñeiro que un país pide prestado para financiarse e, como ocorre con calquera préstamo, inclúe certos xuros condicionados pola confianza que xera a economía de cada territorio.

O valor da prima de risco establécese comparando o xuro da débeda pública dun país cuxos activos teñen maior risco co dun país libre de risco que sempre se toma como referencia no mesmo período. Este diferencial mídese en puntos básicos (un punto básico equivale a un 0,01%) e, noutras palabras, determina a rendibilidade que demandan os investidores a un país en relación á rendibilidade que lle esixen a outro. Canta máis seguridade exista para prestar diñeiro, menos xuros se esixen.

Un exemplo pode clarificar notablemente o funcionamento deste concepto. Imaxinemos que ‘A’ é o país utilizado como referencia para a comparación co resto de países, ao ser o que goza dun menor xuro de débeda pública: un 1%. Pola súa banda, o xuro de ‘B’, o outro país cuxa prima de risco queremos calcular, é do 3%. A prima de risco obtense restando ambas as porcentaxes e multiplicando o resultado por cen. Polo tanto: 3% - 1% = 2% ou, o que é o mesmo, 200 puntos básicos é a prima de risco de ‘B’.

Concepto teórico e subxectivo

É importante abordar a prima de risco desde a súa dualidade. Por un lado, falamos dunha idea teórica e aritmética, pois o seu valor obtense ao restar dúas simples variables numéricas. Porén, sería imposible obviar o seu compoñente subxectivo, sempre decisivo nos mercados financeiros e directamente relacionado co concepto de confianza. O xuro da débeda pública dun país está baseado en feitos, pero tamén en valoracións subxectivas como consecuencia das estimacións e previsións de futuro dos mercados.

Na Eurozona, o país que se toma como referencia para o cálculo da prima de risco é Alemaña, que é o que ten activos máis seguros. Polo tanto, a cifra para o resto de países da Unión Europea será unha comparación co xuro de débeda pública dese territorio, aínda que o país que se toma como referencia pode cambiar co tempo en función das circunstancias.

Falamos, polo tanto, non só dun simple número, senón dun indicador económico que afecta á progresión financeira de cada país. Entendendo que o sobreprezo da débeda pública será superior canto maior sexa a prima de risco, esta condicionará igualmente o custo para obter financiamento. É, á fin e ao cabo, unha ferramenta esencial para calibrar a confianza dos investidores nunha economía determinada e, ao mesmo tempo, un elemento que pode potenciar ou frear o desenvolvemento económico dun país en función do seu valor e a súa tendencia.

Tamén che podería interesar

  • Sen comisións nin condicións para gozar destas vantaxes.
    • 0 € por administración e mantemento da conta.
    • 0 € de cota anual da tarxeta de débito.
    • E, por suposto, sen necesidade de domiciliares a nómina ou recibos.

    Gratis, sen comisións nin condicións e sen papelame.

    Só para novos clientes.

  • Para mozos de entre 18 e 29 anos.
    • 0 € por administración e mantemento da conta.
    • 0 € de cota anual na túa tarxeta de débito.
    • Sen necesidade de nómina.

    Sen comisións só por usar a túa tarxeta unha vez ao mes (sacar diñeiro, pagar as túas compras, etc.).