Banco Central Europeo

O Banco Central Europeo (BCE) é o banco central dos 19 países da Unión Europea que teñen establecido o euro como moeda oficial. A principal misión do Banco Central Europeo é preservar a estabilidade dos prezos na eurozona, co fin de manter o poder adquisitivo do euro. O Banco Central Europeo define e leva a cabo a política económica e monetaria da zona do euro.

Os 19 países que teñen adoptado o euro como moeda oficial son: Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Portugal.