Consellos que axudan a quedar embarazada

Para favorecer a concepción, convén cambiar algúns hábitos

Agora que tomastes a decisión de terdes un bebé xorde a primeira dúbida: canto tempo se tarda en conseguir o embarazo?

Hai parellas que quedan embarazadas á primeira, pero non é o habitual. Conseguir un embarazo ás veces non é fácil nin rápido, a maioría das parellas tarda meses en conseguilo.

É normal impacientarse, cando decidimos ter un bebé, a ilusión é tan grande que o queremos xa. Pero hai que evitar pórse nerviosos, porque o estrés pode influír negativamente na concepción.

Non obstante, hai algúns hábitos que podedes adoptar para facilitar o embarazo. Levar unha vida saudable, sen estrés e evitar as prácticas nocivas pode axudarvos a concibir.

O primeiro paso: visitar o médico

Antes de comezar a buscar o embarazo, convén visitar o xinecólogo para resolver as primeiras dúbidas e saber se tedes algún hábito que podería dificultar a concepción ou algún trastorno que requira un coidado especial durante o embarazo.

O médico valorará o estado de saúde dos dous membros da parella (a saúde do futuro pai tamén é moi importante), comprobará se sodes portadores dalgunha enfermidade hereditaria e se existe algún factor que pode dificultar o embarazo, como, por exemplo, a obesidade e a diabetes, para poder tratalos adecuadamente.

Despois, coa información na man sobre os vosos costumes e datos médicos, daravos os consellos personalizados para conseguirdes o embarazo canto antes e receitará á muller un suplemento de ácido fólico (vitamina B9) que axuda a previr defectos conxénitos no cerebro e na columna vertebral do bebé.

Os días fértiles

Convén que elaboredes xuntos un calendario do ciclo menstrual para calcular que días son os máis fértiles. O ciclo cóntase desde o día en que comeza a regra ata que comeza a seguinte. Os días máis fértiles son os dous anteriores á data prevista de ovulación e o día en que se produce esta, xa que o espermatozoide vive de 48 a 72 horas e o óvulo un máximo de 24 horas.

Nos ciclos menstruais de 28 días, a ovulación adoita producirse no día 14 e os días máis fértiles son o 12 e o 14. O problema é que o padrón de 28 días non sempre se repite e, ademais, non todas as mulleres teñen os ciclos regulares.

Cando os ciclos son irregulares, pode resultar útil usar un test de ovulación (de venda nas farmacias), que mide a presenza dunha hormona na urina para detectar os días máis fértiles.

Alimentación saudable

Agora máis que nunca, é importante seguir unha dieta sa e equilibrada. Todo o que comemos repercute no noso organismo e tamén no do feto. Por iso, desde o momento en que se decide buscar un bebé hai que comezar a coidarse como se se estivese esperando xa, porque non se sabe cando se vai lograr o embarazo.

Ademais, é importante evitar o exceso de peso ou a extrema delgadeza. Estas dúas situacións prexudican as probabilidades do embarazo.

Non aos hábitos daniños

É o momento de eliminar os hábitos que poden diminuír a fertilidade e que teñen riscos para o embarazo, como o tabaco e o alcohol. Tamén convén reducir o consumo de cafeína. Estes costumes non son bos nin para a vosa saúde, nin para a do bebé.

Pola mesma razón, hai que evitar os ambientes tóxicos, a exposición excesiva á polución ou os insecticidas, que poden provocar alteracións no sistema endócrino e reducir a fertilidade.

Prohibida a automedicación

Tomar medicamentos que non fosen prescritos polo médico é un gran risco. Algúns poden reducir a fertilidade e outros aumentar o risco de aborto. Sempre hai que consultar o médico antes de tomar un fármaco e agora que estades pensando en crear unha nova vida, máis que nunca.

Si ao deporte

O exercicio regular é bo para o corpo e a mente. Calquera momento é bo para empezar. Se non estades habituados a facer deporte, podedes comezar dunha maneira tranquila, por exemplo, camiñando todos os días. O ioga, o pilates e a natación son tres opcións moi saudables que, ademais, se poden realizar durante o embarazo (cun instrutor experto que saiba adaptar os exercicios ao embarazo, iso si). Realizar a actividade xuntos será moi positivo non só para o voso corpo, senón tamén para a parella.
Desde o momento en que se decide ter un bebé, convén coidarse como se xa se estivese esperando

Fóra estrés

Hai que intentar afrontar a vida cun pouco máis de tranquilidade, evitar as situacións de angustia e, se for necesario, practicar algunha técnica que axude a relaxarse. Se o día a día é estresante, convén baixar o ritmo porque o estrés continuado pode alterar o ciclo menstrual e a produción de espermatozoides.

E se o bebé non vén?

Que facer se non logrades concibir? Hai moitos factores que poden influír. Normalmente, o 85 % das parellas consegue o seu propósito durante o primeiro ano. Se non o logrades pasado este período, convén acudir ao médico para que valore se é necesario recorrer a técnicas de reprodución asistida.

Cando a muller ten máis de 35 anos, recoméndase acudir ao médico se non se consegue o embarazo en seis meses, pois as reservas ováricas a esta idade son menores.