Axudas de conciliación para nais e pais autónomos

Contámosche que dereitos teñen agora os pais e nais autónomos

Axustarse aos horarios da empresa coas necesidades da familia non sempre resulta fácil. Por iso, algúns pais ou nais deciden traballar por conta propia cando teñen un fillo para poder conciliar vida familiar e traballo.

As condicións de traballo dun autónomo non son fáciles. Hai que pagar unha cota fixa todos os meses con independencia dos ingresos, non hai vacacións nin pagas extras e se se produce unha baixa laboral, adoitan descender moito os ingresos.

Melloras para os autónomos na nova lei:

Desde hai tempo os autónomos estaban pedindo melloras nas súas condicións. En outubro de 2017 aprobouse a Lei 6/2017, do 24 de outubro, de reformas urxentes do traballo autónomo que recolle algunhas melloras económicas e tamén medidas para facilitar a conciliación de pais e nais:

1. Tarifa plana de 50 € para novos autónomos

O traballador autónomo ten que pagar unha cota mensual fixa á Seguridade Social, con independencia dos beneficios que obteña cada mes. Desde o 1 de xullo de 2017, a base mínima de cotización é de 919,80 euros, polo que hai que pagar 275 euros ao mes.

A nova lei amplía a 12 meses a tarifa plana de 50 euros para os novos autónomos que coticen pola base mínima e permite que poidan acceder a ela os autónomos que non estivesen de alta nos 2 anos previos.

Esta tarifa implantouse en setembro de 2015, durante un período de 6 meses, para os autónomos que se daban de alta por primeira vez ou que non estiveran de alta nos 5 anos previos e que cotizaban pola base mínima.

No caso de que o novo autónomo prefira cotizar por unha base superior, terá unha bonificación do 80 % sobre a cota durante eses 12 meses.

Ademais, tanto se se cotiza pola base mínima como por unha superior, durante o segundo ano de autónomo tamén hai bonificacións: os primeiros 6 meses bonifícanse cun 50 % de desconto na cota e os seguintes 6 meses cun 30 %.

Algunhas comunidades autónomas fixeron melloras sobre estas condicións, por exemplo, a Comunidade de Madrid, xa que o goberno rexional concede axudas para poder manter a tarifa plana de 50 € durante dous anos.

2. Tarifa plana de 50 € despois da maternidade

As nais que cesasen a súa actividade e volvan realizar unha actividade despois dunha baixa de maternidade, adopción, garda, acollida ou tutela no prazo de dous anos, tamén poden optar pola tarifa plana de 50 euros durante un ano e aos descontos do 50 % e o 30 % durante o segundo se cotizan pola base mínima.

Igualmente, se prefire cotizar por unha base superior, tamén poden pedir a bonificación do 80 % na cota mensual.

3. Bonificación para conciliar traballo e familia

A nova lei prevé unha bonificación do 100 % na cota á Seguridade Social do autónomo durante 12 meses por coidado de fillos menores de 12 anos cando o autónomo contrata un traballador para que realice o seu traballo mentres coida o seu fillo.

Esta medida de conciliación para pais e nais xa existía, pero o neno tiña que ser menor de 7 anos.

  • Para beneficiarse da bonificación hai que manterse en alta na Seguridade Social polo menos 6 meses desde que termine a bonificación. Se non se fai así, habería que devolvela.
  • Os autónomos que teñan ao seu cargo persoas dependentes e discapacitados ata o segundo grao tamén poden pedir esta bonificación.

4. Bonificación nas cotas durante a baixa maternal e o descanso por paternidade

Durante o descanso por maternidade, paternidade, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural, o autónomo ten unha bonificación do 100 por 100 das cotas á Seguridade Social.

Esta bonificación nas cotas á Seguridade Social xa existía cando o autónomo contrataba alguén para suplilo durante a baixa. Cos cambios da nova lei, xa non é necesario contratar a ninguén.

O descanso debe durar polo menos un mes (que é o que duraba a baixa de paternidade na data en que se aprobou a Lei de autónomos).

Algunhas comunidades autónomas melloraron esta bonificación. Por exemplo, en Galicia, os autónomos poden pedir unha axuda que cobre os gastos de Seguridade Social que ocasiona contratar outra persoa 16 semanas máis unha vez que terminou a baixa maternal ou o permiso por paternidade.

Tras a aprobación da Lei de autónomos, algunhas comunidades autónomas aprobaron axudas para facilitar o traballo por conta propia

5. Cotas proporcionais aos días de alta

Desde xaneiro de 2018, as cotas de autónomos páganse desde o día da alta no Réxime Especial ata o da baixa, non a mes completo.

Ademais, pódese cambiar de base de cotización ata catro veces e darse de alta e baixa no Réxime Especial ata tres veces en cada exercicio fiscal (é dicir, en cada ano).

Dereitos do autónomo

Do mesmo xeito que os traballadores por conta allea, os autónomos reciben prestacións económicas en caso de incapacidade temporal e durante os permisos por nacemento de fillo.

  • Enfermidade común

Cóbrase o 60 % da base de cotización desde o día 4 ata o 21 da incapacidade temporal e, a partir de entón, o 75 %.

  • Accidente de traballo e enfermidade profesional

Se o autónomo está cotizando para iso (págase á parte), cobra o 75 % da base de cotización desde o primeiro día.

  • Baixa por risco para o embarazo ou a lactación

Cando o traballo é incompatible co embarazo ou a lactación, porque pode influír negativamente na saúde do feto ou da nai, cóbrase o 100 % da base de cotización.

  • Baixa maternal

Durante as 16 semanas de baixa maternal cóbrase o 100 % da base de cotización. A nai debe tomar obrigatoriamente as 6 primeiras semanas de baixa para recuperarse do parto. As 10 restantes pódense ceder ao pai ou compartilas con el (sempre que este traballe).

En caso de adopción, ao non haber parto natural, o pai e a nai pódense repartir as 16 semanas.

Os requisitos para cobrar a baixa son os mesmos que para os traballadores por conta propia:

-Entre 21 e 26 anos: acreditar un período mínimo de cotización de 90 días nos últimos sete anos ou 180 ao longo da vida laboral.

-A partir de 26 anos: acreditar un período mínimo de cotización de 180 días nos últimos sete anos ou 360 ao longo da vida laboral.

  • Permiso por paternidade

Os autónomos teñen o mesmo permiso por nacemento de fillo, adopción ou acollemento ca os traballadores por conta propia. Actualmente é de catro semanas, pero estase debatendo incrementar a súa duración paulatinamente ata igualalo coa baixa maternal.