Riscos que considerar en 2023

Como é natural, as previsións económicas para os próximos meses están suxeitas a un amplo abano de riscos. O principal é que a inflación sexa máis persistente do previsto, quer pola aparición de efectos de segunda rolda, quer por novos choques. No caso de producirse este escenario, os bancos centrais veríanse obrigados a aumentar aínda máis os tipos de xuro. Este escenario de maior inflación provocaría caídas significativas na actividade, que poderían xerar tensións sociais e dar lugar a medidas populistas e contraproducentes de política económica. Na medida en que nos últimos meses se moderaron as taxas de inflación, a probabilidade deste escenario diminuíu. 

Outros factores de risco derivan da incerteza sobre a economía chinesa, pola combinación dos efectos da política de COVID cero e o axuste do sector inmobiliario. No entanto, este risco tamén parece moderarse dadas as medidas de apoio adoptadas polo Goberno para evitar a caída do sector promotor e a relaxación das restricións ante os novos gromos de coronavirus. 

A concatenación de intensos e tamén inéditos choques globais aos que estivo sometida a economía global desde 2020, como a pandemia, as disrupcións nas cadeas globais de produción, a guerra en Ucraína ou as elevadas taxas de inflación, está dando lugar a importantes cambios na orde mundial, tanto no ámbito da xeopolítica como da economía.  O risco xeopolítico continúa latente, da mesma maneira que a posibilidade de accidentes financeiros.

Fronte a todo o proceso de globalización dos fluxos comerciais e financeiros das décadas precedentes, estamos asistindo a mudanzas nese proceso e a novas fórmulas de globalización. Gañan importancia a diversificación e a relocalización produtiva en países máis próximos xeográfica e politicamente. Ao mesmo tempo, vemos como se adoptan medidas proteccionistas, como xa está facendo os EUA co seu programa para reducir a inflación (IRA). Na nova orde están a gañar peso a autonomía e a seguridade fronte aos custos. E, posiblemente, a época da gran moderación poida dar lugar a outra de maior volatilidade.

Ao mesmo tempo que temos que afrontar todos estes riscos, cómpre abordar o reto da dixitalización e do cambio climático, o que representa tamén unha enorme oportunidade, e o dos cambios demográficos, avellentamento e inmigración. Xorden así moitos interrogantes sobre cal será a nova configuración da economía mundial, como chegaremos a ela, que impacto terá no crecemento global e quen serán os gañadores de todos estes procesos en marcha.

Escriben:

Sonsoles Castillo, responsable de análise económica e financeira BBVA Research, e Rafael Doménech, responsable de análise económica BBVA Research e catedrático de Análise de Economía na Universidade de Valencia.