Tal Ben-Shahar

Profesor de Psicoloxía en Harvard

"As persoas que expresan gratitude con regularidade son máis felices, máis optimistas e teñen máis éxito"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Case ninguén entende como alcanzar a felicidade. A maioría di: “Se teño éxito serei feliz”. Quer sexa ao alcanzar riquezas ou fama, quer ao alcanzar un determinado obxectivo profesional ou persoal, se unha muller ou un home acepta saír comigo, se os meus obxectivos se cumpren. Por desgraza, non funciona así. Por iso a miúdo vemos persoas con moito éxito, con moito diñeiro e moi realizadas que son moi infelices. Porque pensan que se consegues un obxectivo determinado, se consegues este fito, entón serás feliz. Pero conségueno, cumpren o seu obxectivo, gañan unha morea de diñeiro e seguen sen ser felices. E non só non son felices, tamén se senten perdidos porque están desilusionados. Ata ese momento tiñan a ilusión de que ao chegaren aí serían felices, pero chegan e non son felices, non poden nin sustentarse na ilusión. Alcanzar un obxectivo non nos fai felices a longo prazo. Si que sentimos unha subida nos nosos niveis de benestar, pero dura pouco. Investigáronse persoas que gañaron a lotaría. Xente que gaña millóns de dólares, é o seu soño feito realidade. Pensan que serán felices para o resto da vida. En tres meses volveron ao punto de partida, pero máis desilusionados. Vese en profesores de universidade, que pasaron a vida loitando para seren titulares. Cando chegan a titulares pensan que serán felices para sempre, pero dúralles un mes, seis meses como moito. Chegar a un punto determinado comporta un benestar temporal, non unha subida permanente no nivel de felicidade.

A ciencia da felicidade dinos cousas de sentido común. Moitas desas cousas xa mas dicía a miña avoa. Agora a ciencia dálle a razón. Por exemplo, as relacións son o máis importante para unha vida feliz. A nivel individual, foron realizadas investigacións por parte de Martin Seligman, pai da psicoloxía positiva, e dos seus colegas sobre as persoas máis felices do mundo. Que as diferencia? E descubriron que unha das dúas cousas que as diferencia é que teñen unhas relacións íntimas sólidas. Iso pode referirse ás relacións románticas pero tamén amizades, familia… Non son relacións perfectas, porque nas relacións máis íntimas hai desacordos e conflitos. Pero teñen esas relacións e son unha prioridade na súa vida. No mundo de hoxe en día, coa tecnoloxía que nos rodea, e que axiña estará dentro de nós, as relacións reais, non as virtuais, pasaron a un segundo plano. E iso, por desgraza, resta felicidade á xente. As relacións son moi importantes para a felicidade.

Outra cousa clave para a felicidade é a gratitude, o recoñecemento. Oprah falaba diso en mil novecentos noventa e nove, cando non había ciencia ao respecto. Hoxe si que a hai. E demostrou que as persoas que expresan gratitude con regularidade e non dan por feito o que teñen, non ignoran os problemas, pero tampouco ignoran o que teñen, non só son máis felices e máis optimistas, tamén teñen máis éxito e conseguen os seus obxectivos, fisicamente están máis sans. Así que realmente fortalecemos o noso sistema inmunolóxico cando nos concentramos en sermos agradecidos. A miña palabra favorita é “apreciar”. “Apreciar” significa dar as grazas por algo. Pero a palabra “apreciar” ten outro significado: Aumentar o valor. Se metes diñeiro no banco, con sorte aumenta de valor e tes máis. Os dous significados de “apreciar” están conectados. Porque cando aprecias as cousas boas da túa vida, as cousas boas aprécianse e tes máis. E a conexión non é meramente etimolóxica, hai probas científicas que demostran que cando aprecio a miña parella, cando aprecio o meu traballo, cando aprecio a miña vida, as cousas boas na miña vida aumentan de valor e teño máis.

"A psicoloxía positiva permite que se reduzan os conflitos nas escolas e que os estudantes sexan máis felices e resilientes"

Só hai dous tipos de persoas que non experimentan dor, como enfado, tristura, ansiedade, decepción, envexa, medo… O primeiro son os psicópatas, non poden sentir emocións dolorosas. O segundo tipo de persoa que non as sente son os mortos. Sentir emocións dolorosas é un bo sinal: non es un psicópata e estás vivo. Podemos traballar con iso.

A analoxía que eu utilizaría para comprender o papel que xoga a tecnoloxía ou o valor que asignamos á tecnoloxía é a da electricidade. A electricidade é boa ou mala? Pois depende. Se uso a electricidade para iluminar e para facer funcionar unha máquina de soporte vital, entón a electricidade é boa. Pero se uso a electricidade para electrocutar un inocente, entón non é boa. Coa tecnoloxía acontece o mesmo. A tecnoloxía en si mesma é un poder, é unha forza. Pódese usar para o ben ou para o mal. Hai pouco púxose en contacto comigo Shaun, que era o meu mellor amigo aos dez ou doce anos. Non volveramos falar, vivimos en países distintos, pero grazas á tecnoloxía agora estamos en contacto. É marabilloso. A miña irmá casou cun home marabilloso. Coñecéronse a través da tecnoloxía. Ao mesmo tempo, a tecnoloxía tamén nos trae moita infelicidade. Por exemplo, estudouse que cantas máis horas pase alguén, de calquera idade, nas redes sociais, máis só se sente. A soidade é o indicador número un da depresión. Cando abusas da tecnoloxía e deixas de lado outras cousas importantes, como as relacións reais, como o movemento, o exercicio físico, págalo moi caro coa infelicidade. Como en moitas cousas na vida, todo é cuestión de moderación.

Sabemos que o exercicio físico regular, con só trinta minutos tres veces á semana, non só nos fai máis sans, fainos máis felices. Equivale á medicación psiquiátrica máis potente. Libera norepinefrina, serotonina e dopamina no cerebro. O meu ritual é ir tres veces á semana facer exercicio, custe o que custe. Aínda que estea de viaxe, fago exercicio. Aínda que estea canso, fago exercicio. Outro ritual é que cada noite antes de me deitar expreso a miña gratitude. Escribo as cousas polas que estou agradecido. E outro ritual é a miña cita semanal coa miña muller. Moitos amigos dinnos: “O que? Unha cita semanal un ritual? Que pouco romántico. Onde queda a espontaneidade?”. E eu dígolles: “Espontaneidade? Temos tres fillos pequenos e traballamos os dous. Espontaneidade? Teriamos unha cita unha vez ao ano, con sorte”. Polo tanto temos un ritual na nosa relación. Temos rituais familiares. Sempre nos reunimos para a cea. Son moi importantes. Tamén teño un ritual negativo. Antes, cada mañá ao erguerme miraba as noticias. Son adicto ás noticias. O problema é que antes de me decatar pasara hora e media e aínda continuaba a ler as noticias. Pero o mellor momento para escribir é a mañá. Así que creei un ritual negativo: non ler as noticias á mañá. E puxen un ritual positivo: escribir de mañá. Xa coñecerei as noticias á tarde. E se mentres durmo o mundo acaba, alguén me avisará. Así que non pasa nada se non leo as noticias nese preciso momento.

Biografía
Doutor en Psicoloxía e Filosofía e profesor na Universidade de Harvard. Autor de libros como "Choose the Life You Want" ou "Even Happier", é unha referencia mundial en relacións sociais, amizade, manexo das emocións negativas ou rutinas cotiás para aumentar a felicidade.