Rafael Guerrero

Psicólogo

"Falar a un neno á altura dos seus ollos transmite confianza e seguridade".

Podes ver o vídeo completo aquí.

A empatía é un dos conceptos que necesitamos ensinar aos nosos fillos. O concepto de empatía vén do grego “empathos”, que quere dicir “sufrimento co outro”. Imaxina que imos os dous camiñando pola rúa e encontrámonos con que ao mirar para arriba hai un funámbulo. Un funámbulo que, a través dun cable, está cruzando, está pasando dun edificio para outro edificio. Que nos pasaría a nós? Ben, pasaríanos que sentiriamos moito medo. En realidade nós non estamos nesa situación tan dramática, non estamos arriscando a nosa vida. E iso é empatía. É dicir, sufrimento co outro, experimentar a emoción que ten o outro. En linguaxe cotiá adoitamos escoitar: “A empatía é cando me poño ou me meto nos zapatos do outro”. E está ben, pero eu agregaría un pequeno engadido, e é que consiste en pórse nos zapatos do outro, pero debemos ter en conta que eses zapatos non son nosos. É dicir, entendo como te sentes, pero eu non estou vivindo esa situación. Entendo as túas emocións, pero non é a miña situación.

Para a empatía necesitamos “un outro”. O noso fillo aprende a montar en bicicleta, por exemplo, porque hai alguén, ou hai varias persoas, que lle ensinan a montar en bicicleta. Coa empatía pasa exactamente o mesmo. Os seres humanos necesitamos doutras persoas para desenvolver esa habilidade. E despois poderiamos encontrar, dentro da empatía, tres niveis, tres tipos de empatía. En primeiro lugar, encontrámonos cunha empatía de tipo emocional. Nun segundo nivel, que implica un pouquiño máis de complexidade, metemos algo que é eminentemente humano, que son as cognicións, os xuízos, os pensamentos… É dicir, todo o relacional, todo o que teña que ver co córtex. o terceiro e último nivel da empatía consiste nun cambio de perspectiva. O que ocorre é que eu vou ao teu lugar, pero engado algo en relación a min.

Como podemos facer que os nosos fillos sexan sensibles, sexan empáticos? Igual que dicimos que para conseguir que un neno aprenda a nadar necesitamos ensinarlle a nadar, é dicir, exercer de modelos e despois que el vaia aprendendo aos poucos, neste caso, esta conduta motriz. No caso da empatía exactamente o mesmo. Dicía a nai Tareixa de Calcuta: “Non vos preocupedes polo que lles dicides aos vosos fillos, preocupádevos do que facedes”.

Como combater as rabechas?

Se tivésemos que concretar unha idade, podemos dicir que arredor dos catro ou cinco anos xa existe unha empatía dunha maneira madura. É un aspecto que require moito tempo. A partir desa idade é cando aparece outro aspecto moi relacionado coa empatía que é a teoría da mente. A teoría da mente é a capacidade que temos para pórnos no lugar do outro e non só entender as emocións que está experimentando o outro, senón para saber que ideas, que pensamentos e que expectativas ten o outro.

Que mellor momento, que mellor lugar para os nosos nenos, que aprender a frustrarse coa mamá e co papá. O que non podemos facer é esperar. Quitarlles situacións de frustración e de sufrimento aos nosos nenos e esperar a que se independicen ou a que vaian estudar e o rapaz neste caso, o xa adulto, se encontre con situacións que sexan realmente frustrantes.

E como un aprende a frustrarse? Frustrándose. Un ten que aprender a frustrarse experimentando a emoción de rabia. E despois, tamén, que nós sexamos capaces de darlle ao neno estratexias. Que eu recoñeza que o que estou vivindo é unha situación frustrante e que, por suposto, teña ferramentas. Se ninguén me ensina ferramentas, se non hai “un outro” que me dea ferramentas, dificilmente vou poder xestionar a miña propia emoción. Para iso previamente teño que recoñecer que me sinto frustrado. Non é que me sinta mal, é que me sinto frustrado. E non é que me sinta frustrado e punto, senón que me sinto frustrado porque non me deron o traballo que eu quería, porque non me deron a praza no mestrado que eu quería estudar.

O ser humano está predeterminado para aprender. Esas son as necesidades cognitivas. Todos queremos aprender. A todos nos gusta conseguir a mellor versión de nós. A versión 1.0, 2.0, 3.0… Entón, todos tendemos a mellorar, pero é unha necesidade irnos superando a nós mesmos, ir escalando no traballo, por exemplo, ir evolucionando na familia, ir evolucionando cun mesmo.

Biografía
Licenciado en Psicoloxía Clínica e da Saúde pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Educación. Autor do libro ‘Educación emocional y apego’, un manual para converter nenos e mozos en expertos emocionais. Este psicólogo é un conferenciante habitual que ofrece claves sinxelas para mellorar a relación cos máis pequenos e mitigar os efectos de, por exemplo, as temidas rabechas.