Gregorio Luri

Mestre

"A música, as matemáticas ou a lectura son grandes educadoras da atención"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Existe unha especie de neurose dos pais novos. Non teñen suficiente con facelo ben, quéreno facer pluscuamperfecto. E buscan esa resposta exacta nalgún sitio, porque como estamos envoltos nunha cultura tecnolóxica que nos vén dicir que para cada problema hai unha resposta concreta, exacta e precisa, pois facemos esa translación do tecnolóxico ao humano. E, ademais, hai moitísimos medios relacionados coa educación que nos están bombardeando continuamente con mensaxes do tipo: “As cinco cousas que tes que facer para…” ou “As tres cousas que tes que evitar para…” É dicir, na cultura tecnolóxica actual, estamos envoltos da fe de que hai respostas técnicas para os problemas humanos, e as cousas non van por aí. As cousas non van por aí, e cando máis buscas esas respostas, máis tes a sensación de que o mundo está cheo de respostas que ti na casa non encontras. O que hai que facer, basicamente, é dicir: “Tranquilos, nós non inventamos a familia”. A Biblia comeza cunha historia de Adán e Eva, que teñen dous fillos, e sen teren nin malas compañías nin Internet nin nada disto, mira como sae cada un. Basicamente o que quero dicir é que non hai substituto na educación para o sentido común. E o sentido común é o que tes que construír porque o sentido común necesario para a túa familia non é o sentido común necesario para a familia veciña; e iso, que tes que ir construíndo da túa propia experiencia, pois é que non hai substituto para a construción da túa propia experiencia.

É urxente saír en defensa do sentido común. Hai que pedir aos pais que teñan confianza en si mesmos, que se van equivocar, como se equivocaron os nosos pais e como se equivocarán os nosos fillos; pero é que a vida humana é iso e, ademais, hai sempre nun fillo un elemento de incerteza que está aí e precisamente esa confianza en que hai respostas técnicas ocúltanos ese elemento azaroso de incerteza. É dicir, eses soños que todos os pais temos de maneira espontánea aos pés do berce dos nosos fillos, que, dalgunha maneira, estamos soñando con que o seu futuro nos axudará a superar todas as nosas frustracións biográficas, pois están condenados fatalmente a non se cumpriren. E especialmente nestes momentos en que animamos os nosos fillos a seren autónomos, despois resulta que son autónomos e levamos as mans á cabeza. Eu diría, primeiro, que é importante que os pais asuman que van ter certos fracasos e que non é posible controlar as cousas humanas pero, para asumilo, o que hai que facer é non pór a súa responsabilidade nas mans dun especialista, o cal non quere dicir que cando teñas problemas importantes non acudas en axuda, pero a maior parte dos problemas cotiáns son os problemas propios da vida humana.

"Animamos os nosos fillos a seren autónomos e cando o son levamos as mans á cabeza"

Ás veces dise que os pais actuais ou as familias actuais dimitiron. É absolutamente falso. Nunca se preocuparan tanto os pais polos fillos como agora. O que ocorre, e este é un fenómeno moi interesante que debe ser estudado, é que se miramos o grao de participación das familias en preescolar ou nos primeiros anos de primaria é masivo; mentres que o grao de participación dos pais nas eleccións para os consellos escolares en secundaria está en 4% ou 5%. Iso quere dicir que comezaron a escola con moita ilusión e pouco a pouco foron abandonando esas ilusións e pondo a responsabilidade dos fillos nas mans dos profesores. Claro que é certo que hai unha delegación de responsabilidades, pero esa delegación de responsabilidades vai acompañada por un crecemento da incerteza con respecto ao futuro. Cando eu estaba estudando, que estaba facendo cuarto e reválida, pois sabía que ao acabar cuarto e reválida tiña traballo. E, de feito, na xeración dos meus pais sabíase perfectamente que progresar significaba traballar menos que os teus pais e gañar máis. Hoxe, cando ollamos para os nosos fillos ou para os nosos netos, podemos dicir con sinceridade que van traballar menos que nós e van gañar máis? Incrementouse a incerteza con respecto ao futuro e necesitamos algunhas suxeicións que nos dean estabilidade, e paréceme lícito esixirlle á escola unha parte desa estabilidade, entre outras cousas, porque a diferenza entre os mestres e os pais, resumíndoo moito, podiamos formulala así: “Os mestres son os profesionais, os pais os afeccionados”.

O debate sobre se os talentos son debidos á natura ou á cultura, é dicir, se os encontras no berce ou no desenvolvemento, dificilmente se pode resolver. Cando podes detectar o talento dun neno non é cando naceu, senón cando xa leva un tempo vivindo entre nós. E, polo tanto, dicir que é xenético… É un debate teoricamente moi interesante, pero non nos leva a ningún sitio. O que si podemos formular é para que haxa posibilidades de desenvolver o talento que sexa, ten que haber, primeiro, capacidade atencional, capacidade de te concentrares no que estás a facer; e insistencia no seu desenvolvemento, porque hai moitísimos talentos malogrados por falta de capacidade atencional e por falta de insistencia. Poderiamos dicir que, no noso estado normal, o noso estado espontáneo é o dun mamífero que está na sabana e necesita ter conciencia de todos os puntos do horizonte por se hai algún depredador; e imos de aquí para alá coa atención permanentemente. Para poder desenvolver un talento de nós, temos que concentrar a ollada, retraela do horizonte e concentrala nun punto e mantela e esa é unha habilidade que hai que exercitar e que practicar e hai que a desenvolver.

As novas tecnoloxías levan un ritmo de desenvolvemento que é moitísimo máis acelerado que a nosa capacidade para analizar as súas consecuencias, e é outro elemento de incerteza no que nos movemos. Hai que compensar as incertezas cun coñecemento de base, porque ningún ser humano é capaz de vivir nin de moverse sensatamente nun ambiente inzado só de incertezas. Necesitas agarradoiras firmes mesmo para poder calibrar a importancia dos elementos de incerteza. Entón, con boa parte do que nos está pasando coa tecnoloxía, é unha especie de mare magnum no que hai mesturadas moitas cousas. Hai intereses comerciais lexítimos, pero que non necesariamente coinciden cos intereses pedagóxicos. As empresas relacionadas con novas tecnoloxías parece como se fosen ONG, recibímolas como se non fosen empresas e entran facilmente, ás veces coa mitoloxía de que as novas tecnoloxías veñen ser algo así como unha nova teoloxía da liberación, que van resolver todos os problemas.

Biografía
Licenciado en Ciencias da Educación, doutorado en Filosofía pola Universidade de Barcelona, Gregorio Luri é un mestre ademais de escritor, con máis de vinte obras publicadas sobre filosofía ou educación. Luri defende o sentido común, o erro como parte da aprendizaxe e renega de fórmulas pedagóxicas máxicas. Un retorno ás orixes con matices.