Eva Millet

Xornalista e escritora 

"A educación tamén é carácter: hai que deixar que os fillos fagan cousas por si mesmos"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Como pais a nosa misión é protexer os nosos fillos e axudalos a que crezan como persoas. Pero hoxe confundiuse esa protección natural que implica o exercicio da paternidade, o sentido inclusivo do termo, cunha hiperprotección. Aos pais estáselles facendo crer que para seren bos pais os nenos non teñen que experimentar un malestar, non teñen que sufrir unha contradición, non teñen que tolerar a frustración e que ser un bo pai implica case exercer de gardacostas do fillo. O fillo convértese nun ser intocable.

Educar é deixar ir, é dar ferramentas aos teus fillos para que eles vaian espertando, vaian crecendo e vaian adquirindo autonomía. Se ti estás todo o día detrás do neno protexéndoo de todo o que lle pode pasar non só lle creas unha ansiedade, tamén o estás incapacitando. Estaslle quitando unha das ferramentas básicas da vida que é a adquisición de autonomía. Entón, sobreprotexer é desprotexer.

Sempre temos que estar pendentes dos fillos, pero non intervir ás primeiras de cambio. Se o teu fillo cae no parque non corras como Usain Bolt para rescatalo porque vas conseguir que o neno non vai ser capaz de erguerse por el mesmo. A nosa tarefa é observar, estar pendentes, pero ver tamén como eles se desenvolven na vida.

A baixa tolerancia á frustración é unha das características dos hipernenos. Os hipernenos son o produto desta hiperpaternidade, que é este estilo de crianza en voga en occidente, que é típico das clases medias-altas e que implica unha hiperatención, unha hiperprotección e unha sobrepreocupación polo fillo. É unha crianza, case se podería dicir, monstruosamente intensiva. O froito desta hiperpaternidade é o hiperneno e unha das súas características é a baixa tolerancia á frustración.

"Fálase da baixa tolerancia á frustración como se fose unha doenza crónica, pero hai que aprender a xestionala".

Parece que para que o neno xestione as súas emocións e teña moita autoestima do que se trata é de dicirlle que el é marabilloso e nunca dicirlle que non. Pero entón non estás facendo un neno con autoestima, estás facendo un neno que é un narcisista. Unha boa xestión de emocións quere dicir coñecer ti as túas emocións, positivas e negativas, pero tamén as dos outros. Outra ferramenta para tolerar a frustración: dar alternativas.

Os nenos teñen que xogar e este modelo de hiperpaternidade está enchendo os nenos de tardes cargadas de extraescolares, todo programado, todo estruturado… Este modelo híper está ocupando o tempo para xogar dos nenos, que é un dereito recoñecido polas Nacións Unidas e que calquera pedagogo con dous dedos de fronte che di que é a esencia da infancia. E no xogo, ese xogo libre, sen estruturar, só ou acompañado non só aprendemos a traballar en equipo, a ser creativos, senón que tamén aprendemos a tolerar a frustración.

A educación é tamén o carácter. Necesitas educar o carácter para ter unhas ferramentas para implantar eses coñecementos. Educar os nosos fillos na valentía. Hoxe hai moitos medos entre os nenos, porque esta sobreprotección non os axuda, os pais non queren axudalos a se enfrontaren a estes medos. Hai que educar a valentía, a empatía, a resiliencia e hai que comezar a deixar que os fillos fagan cousas por eles mesmos. Non grandes cousas, senón cousas pequeniñas. Que carguen eles a súa mochila.

Unha atención excesiva aos fillos é facer cousas por sistema con eles que eles están capacitados para facer. E o mellor exemplo que poño son os deberes. Hoxe normalizouse facer os deberes cos fillos, é un signo de bo proxenitor. De feito, mesmo se fala de que substituíu a comida familiar, o momento familiar de pórte a facer os deberes cos nenos, pero tamén se están facendo os deberes polos fillos.

Os límites non son dicirlle ao neno: “Non, non, non”, todo o día. Un límite sería dicirlle a un adolescente que o móbil fóra do cuarto á hora de ir durmir porque os móbiles nos cuartos son bombas de reloxaría, non si? E, tamén, os límites son unha boísima ferramenta para educar a tolerancia á frustración.

Biografía
Xornalista e escritora especializada en educación e crianza. Autora dos libros “Hiperpaternidad” e “Hiperniños”. Advirte da sobreprotección extrema, que está creando unha xeración de mozos ansiosos, dependentes e con baixa tolerancia á frustración, e ofrece receitas para combater este fenómeno. Por exemplo, confiar nos fillos ou educar o carácter.