Enhamed Enhamed

Medallista paralímpico

"A clave do éxito non é cuestión de motivación, senón de compromiso".

Podes ver o vídeo completo aquí.

Desde que me retirei despois de Londres 2012, seguín facendo deporte. Púxenme a facer cousas como un Ironman, subir o Kilimanjaro, facer algúns maratóns...

Ata os oito anos vía perfectamente e os médicos dixéronlles aos meus pais que se facía movementos bruscos podía quedar cego, podíaseme desprender a retina. Se tedes fillos saberedes que que un neno quede quieto máis dun minuto ou dous sen que esteas ollando para el é pouco probable. Un día correndo pola casa a miña nai rifoume e cando me tombei e pechei os ollos, aos cinco segundos cando os volvín abrir, xa non vía nada. Cando te encontras nesa tesitura tes dúas opcións na vida; aceptar o que a sociedade che di, que no meu caso era que por ser cego non podía facer o mesmo que os demais, ou loitar. Porque basicamente, non fixen caso, eu seguía correndo, caía polas escaleiras, batía contra as columnas…

Posteriormente, levoume a moita frustración. Aos 13 ou 14 anos comecei a me decatar de que eu era diferente aos demais. Ata ese momento pensaba que era igual ao resto do mundo e, de súpeto, dáste conta de que a túa principal característica é ser cego. Por iso comecei a nadar en serio, porque era o meu refuxio. Comezamos adestrado dúas horas todas as tardes cando entrei no instituto porque non tiña outra cousa que facer, o meu adestrador convenceume para adestrar en catro horas e comezamos así. Aos seis meses, despois do primeiro campionato internacional ao que fun, empezamos a adestrar cerca de sete horas diarias. Esa foi a miña adolescencia. Tamén tiña que ir ao instituto, durmir no instituto, estudar no instituto, durmir no instituto… Nunca fun un mal estudante, pero por unha sinxela razón, porque eu tiña moi clara unha cousa: eu estou obrigado a aprender, estou obrigado a aprender a facer as cousas dunha maneira distinta, non podo facer o mesmo que os demais.

"A miña paixón é descubrir como aprendemos a converternos nas persoas que queremos ser".

Todos temos tres opcións. Unha, se tes unha adversidade quedas sentado e esperas a que alguén o resolva. Dúas, comezas a te mover pero esperando conseguir o que a vida che dea segundo as túas posibilidades. E tres, é negociar coa vida e dicirlle: “Mira, eu quero isto, non sei canto me vai custar, non sei canto vou sufrir, pero vou por isto”.

A paixón da miña vida é descubrir como unhas persoas conseguen uns resultados fronte a outras. Descubrir como aprendemos, como podemos conseguir cambiar a nosa aprendizaxe para nos convertermos na persoa que queremos ser pero, sobre todo, como ensinamos outras persoas a desenvolveren ese potencial e iso, todo, baséase, en realidade, en como aprendemos.

Tiven a grandísima fortuna de que os meus pais de forma instintiva descubriron que a sobreprotección mata as persoas. Entón, a educación que recibín sempre estivo moi orientada aos valores, a traballar, a esforzarte, á constancia, pero, sobre todo, a crer firmemente que podes acadar moitas das cousas que te propoñas. Non todas, que iso tamén mo recalcaban, senón moitas.

Se non quedase cego non me esforzaría como me esforcei para chegar a onde estaba. Se non quedase cego non buscaría a maneira de seguir mellorando. E foi cando me dei conta de que realmente eu era unha persoa moi afortunada por ter a sorte de quedar cego, porque grazas a iso estaba onde estaba.

A dor, o medo, a tristeza, a frustración e todo ese tipo de cousas son parte da vida. Non sentiriamos alegría se non sentísemos tristeza, non hai un contraste. E o medo, para min, é unha das mellores emocións que temos. Diche que te tes que preparar ante o que vas afrontar, porque pode que sexa unha situación que te supere. Entón, teño que prepararme máis. Esa é a mensaxe do medo.

A motivación está sobreestimada. Creo que nos venderon a historia de que ti fas as cousas cando estás motivado, fas as cousas cando te sentes ben. Pero a clave do éxito é facelas cando non te sentes ben. Erguerte cando non tes ganas, ir adestrar cando non che apetece.

Estamos máis estruturados para aprender a perder que para aprender a gañar. Para min, foi bastante máis complicado aprender a gañar para os Xogos de Beijing, aprender a prepararme mentalmente e saber en que persoa me tiña que converter. E unha vez que gañara, saber manter a cabeza foi máis difícil que perder, porque ao perder sempre tes xente que te acompaña. Pero gañar é bastante solitario. Bastante solitario porque toda a xente que te acompaña, moitas veces, é porque te estás colgando unha medalla. De súpeto, toda esa xente que non estaba nos teus días malos. Gañar sen perder a cabeza, sen perder os teus valores, sen perder os teus obxectivos, sen perder o teu compromiso… iso é moito máis difícil. Pero ao final gañar e perder é transitorio.

Biografía
Considerado como o mellor nadador paralímpico de todos os tempos, Enhamed Enhamed conseguiu 37 medallas en doce anos de carreira, entre as que destacan catro ouros olímpicos. O deportista segue buscando superar os seus límites, afrontando retos como subir ao Kilimanjaro, ou chegar a ser a primeira persoa cega en cruzar a nado o estreito de Xibraltar. A súa filosofía vital pódese aplicar ao deporte, pero tamén á vida.