Elsa Punset

Escritora e divulgadora

"Sede os adestradores emocionais dos vosos fillos e permitídelles expresar todas as emocións que levan dentro"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Deberiamos volver ao que significa a palabra educación. É basicamente “conducir ou guiar” e os humanos levamos séculos conducindo e guiando as xeracións que veñen, porque temos que transmitir o noso coñecemento. Poderíase facer de forma moi informal, na casa, na familia, a vida mesma que vai guiando, educando ou pódese facer e fíxose durante moito tempo, para as elites, lugares específicos. E o gran cambio, digamos, no século pasado, é que, de súpeto queremos profesionalizar a educación e creamos as nosas escolas, e os nosos fillos empezan a pasar anos e anos nesas escolas, e que lles ensinamos? Basicamente, habilidades para o mundo que case xa non existe, o da sociedade industrial. Coa revolución tecnolóxica, entramos nunha sociedade que ten moi pouco que ver con esa sociedade. Probablemente, é unha das lacras do noso sistema, intentar seguir formando, educando, guiando nenos para seren predicibles. O que si é certo é que a educación é o gran nivelador social, a case única ferramenta que temos para intentar ofrecer a todo o mundo as mesmas oportunidades. Que necesitamos en vez destes nenos predicibles, puntuais, obedientes? É que nunca vivimos cambios tan rápidos. E son cambios que están xerando moitos retos. Estase disparando a nosa capacidade creativa, polo tanto necesitamos nenos moi creativos. Nenos que viven en sociedades tan diversas, teñen tantas posibilidades de viaxar, de coñecer, de colaborar, necesitan habilidades colaboradoras, necesitan ver a diversidade como unha riqueza. Estamos cheos de identidades diversas: xénero, nacemos nun sitio, vivimos noutro, amamos un terceiro sitio, somos nai, pais, fillos, irmáns, encántanos a natureza, o que sexa. Todo iso é un conxunto de identidades que nos fan ricos, e estas novas xeracións teñen que aprender a gozar delas. Estas xeracións teñen outra habilidade moi importante que aprender e é pensamento crítico. Precisamente, dicíavos antes, nunca tivemos acceso a tanta información. Pois necesitamos saber avaliar esa información, contrastala, validala, comparala, entendela, aplicala á nosa vida. E tamén algo moi importante, nunca tivemos tanta capacidade para facer moito ben ou moito mal. E, polo tanto, temos que ensinar aos nosos nenos a tomaren decisións responsables, a entendérense. É máis importante que nunca que se entendan e que entendan como relacionarse cos demais e que sigan loitando por algo que levamos séculos facendo os humanos, que é ampliar os círculos de empatía, axudar os demais, mellorar este mundo cada día un pouco máis, aos poucos. Así que, para min, iso é educación.

"O 98 % dos nenos, ata os cinco ou seis anos, son xenios no pensamento diverxente, cos anos perdemos creatividade"

A achega da tecnoloxía na educación vai axudar a facer a educación máis eficaz e máis personalizada a un custo moito máis baixo. Nos vindeiros dez anos, as aulas transformaranse. Pódenos axudar, primeiro, a entender mellor o neno. Axúdanos a saber cales son as xanelas de coñecemento, as épocas nas que os nenos están máis preparados, as horas do día, como teñen que aprender, como poden consolidar aprendizaxe. Todo isto vai comezar a ser como a hixiene física. Fáltanos aínda moito camiño por percorrer e a tecnoloxía vainos axudar a entender ese mapa, como transitalo mellor.

Temos un cerebro onde a razón e a emoción non están enfrontadas, senón que funcionan a un tempo. Descubrimos que resulta que as nosas emocións son adestrables, como un músculo. E estamos falando de que nas escolas non só podemos aprender lingua e matemáticas, que son realmente as habilidades ás que se lles deu importancia ata agora. Senón que podemos ensinar aos nenos autocontrol, optimismo, alegría, serenidade… e que estas emocións teñen un impacto brutal sobre a súa intelixencia, porque un neno estresado, un neno triste aprende moito peor que un neno que está emocionalmente en paz. As emocións deixan unha pegada sobre todo na nosa lonxevidade, na nosa memoria, na nosa capacidade de aprendizaxe, todo.

É importante ensinar aos nenos a vivir co bo e o malo que nos dá a vida, os momentos duros, e a sacar aprendizaxe de cada un destes momentos, a ser, a gozar deste milagre. É un milagre que esteamos vivos aquí, bastante extraordinario. Somos todos campións só por chegar aquí, é incrible.

Biografía
Escritora e divulgadora, directora de contidos do Laboratorio de Aprendizaxe Social e Emocional (LASE), licenciada en Filosofía e Letras, Máster en Humanidades pola Universidade de Oxford, Xornalismo pola Universidade Autónoma de Madrid e Educación Secundaria pola Universidade Camilo José Cela. Autora de libros de éxito como ‘Una mochila para el Universo’, ‘El libro de las pequeñas revoluciones’ ou ‘Felices’. Elsa Punset é unha reputada experta en intelixencia emocional.