Álvaro Bilbao

Neuropsicólogo 

"Para sacar o máximo potencial dos nenos é fundamental axudarlles a sentirse seguros"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Sabemos que o cerebro dos nenos, e o dos adultos, ten distintos compoñentes que rexistran información a distintos niveis de procesamento. Hai unha parte que sería o cerebro primitivo, que busca a supervivencia do neno e é a parte do cerebro que di ao neno que ten fame, que ten sono, que se ten que defender dalgún estímulo ou protexerse cando está só. É a parte do cerebro que nos axuda a sobrevivir e coa que funcionan os nenos cando son bebés. Nese sentido é moi importante axudar os nenos pequenos a se sentiren seguros, a sentiren que, cando teñen medo, nós imos responder, pois, atendéndoos, que van estar ben nutridos, que os imos acomodar para que poidan durmir cando están cansos en lugar de obrigalos a seguiren espertos. Iso sería unha parte fundamental: darlles seguridade.

A segunda parte do cerebro é o que chamamos o cerebro emocional. E esta é unha parte moi importante e esencial durante eses primeiros anos de vida porque nos vai permitir comunicar os instintos de supervivencia máis básicos do neno con todo o seu mundo intelectual. O neno que se desenvolve ben é o que, cando chega a se converter en adulto, é capaz de que os seus pensamentos, as súas emocións e as súas accións vaian na mesma dirección. E por iso é moi importante educar o mundo emocional dos nenos durante estes primeiros anos. O cerebro é un pouco como unha árbore: medra sobre a parte primitiva, sobre a parte de supervivencia, despois engade pois esas estruturas que teñen que ver coas emocións e despois o mundo intelectual. Pero se o mundo da seguridade, se o mundo do benestar emocional do neno non está ben estruturado desde pequeno, pois non se vai desenvolver plenamente. O neno terá tempo para aprender xaponés, chinés, para aprender matemáticas cando vaia sendo maior, pero é importante que o neno medre nunha familia na que se sinta seguro, na que sinta que os seus erros non lle van saír caros. Estas serían unhas claves moi sinxelas pero moi importantes que todos os pais deberían ter en conta.

Hai moitas alternativas aos castigos que son moito máis pedagóxicas e coas que os nenos aprenden moito máis. A primeira delas sería pór límites. Pór límites quere dicir que explicamos ao neno o que non queremos que faga antes de que ocorra. Dese xeito estamos previndo que o neno desenvolva certas conexións ou certos padróns neurocerebrais que o que van provocar é que repita ese comportamento negativo. Cando o freamos antes de que ocorra estamos previndo. Por iso é importante que os pais teñamos límites. Eses límites pódense traducir en normas e a diferenza entre unha norma e un castigo é que o castigo vén a posteriori, mentres que a norma adoita vir de antemán. E a partir dos tres ou catro anos do neno podémolo fixar en familia. É dicir, que cando os nenos teñen un comportamento que consideramos que non é adecuado, podemos falar con eles e dalgunha maneira chegar a un acordo para que eles acepten, saiban ou entendan que non é o comportamento máis adecuado. Por exemplo, hai uns poucos días os meus fillos estaban vendo a tele e comezaron a discutir. Eu estaba cociñando, pois achegueime ao cuarto da televisión e díxenlles que non me gustaba que discutisen, que por favor non volvesen discutir. Ao cabo de dous minutos volveron discutir, así que apaguei a tele, chameinos para a cociña e fixemos unha pequena asemblea e díxenlles que non podían discutir por causa da tele, que me parecía que a tele era algo para pasalo ben e que non podían estar berrando nin enfadándose tanto, e que solución se lles ocorría. E o que dixeron eles foi pois que se berraban pois que podía apagar a tele. Dixérono moi rápido e estaban moi contentos, pero do que non se podían dar conta eles nin eu é que ao cabo de cinco minutos volveron pelexar. E nese momento, pois eu fun ao cuarto e dixen: “Ben, pelexastes e como a norma é que se pelexades apago a tele, apagamos a tele”. Non volveron discutir pola tele. Ou si que discutiron, porque os escoitei, pero agora discuten moi baixiño e é o que chamariamos pois que se están pondo de acordo.

"Para que o cerebro dun neno se desenvolva plenamente hai que animalo a tomar as súas propias decisións e aprender dos seus erros"

Sabemos que deixar que os nenos tomen decisións axuda a que desenvolvan unha zona do lóbulo frontal que axuda a resolver problemas dunha maneira máis efectiva, porque deixamos que os nenos se equivoquen e aprendan dos erros. Pero tamén sabemos que, cando sobreprotexemos, estamos coartando esa capacidade que ten o cerebro de irse desenvolvendo plenamente. E hai estudos que ven que os pais que sobreprotexen máis os nenos acaban tomando peores decisións cando son maiores. Polo tanto, eu estou moi de acordo cos teus amigos escandinavos, porque na casa tamén intentamos pórlles poucos límites pero que sexan importantes. Cando un neno ten seis meses e comeza a gatear é importante pórlle o límite de que non colla a botella de lixivia, porque o neno non o pode entender, cando son un pouquiño maiores tamén é importante pórlles certos límites coas novas tecnoloxías, pero si que deixamos que eles decidan canto queren comer. Nos países escandinavos é totalmente impensable que un pai lle diga “acaba o prato”, porque o neno, o cerebro do neno, sabe perfectamente ben canto ten que comer. Deixamos que elixan a súa propia roupa na tenda e deixamos que poñan a súa roupa, a roupa que eles elixan cada mañá, sempre que respecten un código que vén marcado polo clima: non poden levar unha minisaia sen medias se estamos en pleno mes de xaneiro e non van pór un xersei de la en pleno mes de agosto, pero tirando eses pequenos matices, eles toman esas decisións e cremos que os axuda moito.

Non só os pais e os fillos deberían xogar, deberían xogar os pais, os fillos e os profesores. Introducir o xogo dentro da educación, facer que o traballo na aula sexa un traballo lúdico, sexa un traballo de interacción e, sobre todo, sexa un traballo que esperte unha emoción positiva no neno é fundamental para que os nenos aprendan. O xogo é moi importante para o desenvolvemento do neno porque é a maneira natural que ten o noso cerebro de aprender. A través do xogo aprendemos interaccións e regras sociais, a través do xogo aprendemos de maneira natural a psicomotricidade, que despois é tan importante para desenvolvernos, simplemente para manexar un bolígrafo, para poder ter unha conversa e transmitir o que pensamos a través dos nosos movementos. Sabemos que ese xogo é fundamental, pero tamén nos permite pórnos en situacións que son distintas ás que vivimos acotío e, polo tanto, permítenos practicar.

Nunha cultura como a nosa na que se cea moi tarde, os nenos non teñen ganas de durmir. Pero aí tamén é importante que entendamos que o sono é fundamental. Cando un neno ten oito anos non parece que lle repercuta dunha maneira tan negativa na súa aprendizaxe ou na súa capacidade de concentración na escola. Porén, se os nenos non aprenden bos patróns para quedaren durmidos logo. Sabemos que o cerebro humano debería durmir como mínimo oito horas todos os días. O sono atrásase nunha especie de círculo vicioso, porque tanto aos adolescentes coma aos nenos de seis anos que se acostuman a durmir vendo un conto no móbil, sabemos que o tipo de luz que emiten eses dispositivos atrasa a aparición de melatonina no cerebro, que é unha hormona esencial para dar o paso de estar esperto a estar durmido. Polo tanto, un consello fundamental para os pais que queren que os seus fillos durman antes é: despois da hora da cea, nada de dispositivos.

Biografía
Doutor en Psicoloxía da Saúde e neuropsicólogo formado no Hospital Johns Hopkins (Baltimore) e o Royal Hospital for Neurodisability (Londres). Autor do libro “El cerebro del niño explicado a los padres”, un supervendas en numerosos países. Colabora coa Organización Mundial da Saúde (OMS).