Scrip dividend

Trátase dun mecanismo de retribución ao accionista que consiste en aboar o dividendo correspondente aos accionistas con dereito a recibíreno mediante a entrega de novas accións en vez de efectivo. Esas accións son emitidas mediante unha ampliación de capital social liberada (isto é, con cargo a reservas, polo que a sociedade non ten que solicitar máis diñeiro ao mercado nin aos seus accionistas e estes, pola súa parte, aumentan a súa participación como accionistas sen ningún desembolso adicional). Para que a sociedade poida levar a cabo esta ampliación de capital social con cargo a reservas, os accionistas deben autorizalo mediante acordo da xunta xeral. Mediante ese aumento de capital cada accionista recibe un dereito de subscrición por cada acción que ostente. Este dereito de subscrición pode ser trocado polas referidas accións ou negociado no mercado de valores.