Cristóbal Cobo

Investigador da Universidade de Oxford

"Os profesores e as escolas do futuro xa existen, mesmo se aínda non son os suficientes"

Podes ver o vídeo completo aquí.

Os sistemas educativos, tradicionalmente, valoraron algunhas formas de coñecemento que son as que podes verbalizar nun código, nunha base de datos, nun dicionario. Pero hai outras formas de saber que teñen que ver coa práctica, coa experiencia, que se adquiren en espazos informais e non son sempre recoñecidas polos sistemas formais de educación. No entanto, son enormemente valoradas despois, na vida profesional. Hai unha tensión entre o que nos ensinan e o que utilizamos na vida. E é necesario reducir esa fenda. Que cambios hai que facer? Cambios integrais, non só unha innovación en algo puntual. Hai que pensar nunha forma distinta de entender a educación. Unha educación que dialoga máis con aprendizaxes informais, que valora tanto o coñecemento explícito como o tácito, que valora tamén o saber facer. Entón, paréceme que ten que ver cunha forma de educación que recoñece formas moi antigas de como aprendiamos. Eu creo que pode ser, por suposto, con tecnoloxía. Pero as tecnoloxías non son unha condición imprescindible para innovar.

Hoxe en día contamos con enormes posibilidades de acceso a contidos, a informacións, o que nos leva a repensar que cousas son importantes de reter e que cousas son importantes, quizais, de substituír. É dicir, hoxe en día é tan importante lembrar algúns datos que podemos ter no peto? Quizais podemos centrar esa atención, ese adestramento, esa formación, en desenvolver certas capacidades máis adaptables para aprender a aprender. Isto implica ter unhas ferramentas que non son tanto tecnolóxicas, senón que son máis de orde cognitiva, que cando adquiras un coñecemento o poidas levar a distintos contextos. Iso ten que ver coa autoaprendizaxe.

"Agora que as máquinas se fan máis intelixentes, preguntámonos que debemos aprender? A capacidade de colaborar, de empatía, de sentir con outros é fundamental. Son capacidades que as máquinas non poden construír.

Para estimular a autoaprendizaxe, unha das cousas máis importantes é asegurarnos de que os estudantes poidan completar os contidos “enciclopédicos” con outros saberes e experiencias que van alén da aula. E iso é fundamental e trae outro desafío. Onde non só se valoran os coñecementos, senón as habilidades, ás veces difíciles de medir, pero moi importantes

O colexio e a secundaria xoga moitas funcións máis alá da transferencia de información. É un espazo de socialización, de construción de cidadanía, de definición de identidade, de expresión de amizades, dunha morea doutras cousas. O que podemos, talvez, é repensar para que dedicar o tempo que pasamos alí.

As escolas deben ter xanelas máis grandes e portas máis anchas. Non só para traer a sociedade á escola, senón para levar a escola á sociedade. Reducir estas fendas.

Biografía
Investigador asociado do Instituto de Internet da Universidade de Oxford, director do Centro de Estudos Fundación Ceibal (Uruguai), ademais de colaborador da Rede Global de Recursos Educativos Abertos da UNESCO. É unha referencia internacional en innovación, tecnoloxía e aprendizaxe, que escribiu libros como 'Planeta Web 2.0', 'Aprendizaje invisible' ou 'La innovación pendiente'. Foi distinguido polo Consello Británico de Investigación Económica e Social.