Os museos na era do Instagram

Que o Instagram cambiou a nosa maneira de nos relacionarmos coa arte é algo máis que evidente. Diferentes artistas mostran os seus traballos a través da rede social, onde teñen unha relación directa cos seus seguidores. Isto permitiu a moitos deles venderen as súas obras a través da rede a prezos que xa lles gustaría a algúns galeristas. Se é un cambio positivo ou negativo, se é arte ou non, xa o deixo ao teu criterio. Pero máis alá dos detractores que poidan xurdir tras estes argumentos (que sempre hai), un non pode facer outra cousa que renderse ás evidencias.

O que está claro é que á mocidade cada vez lle custa máis pisar os museos (falo a nivel xeral, non se me enfaden) e, ao mesmo tempo, séntese máis próxima á rede social. Con estes datos, a ecuación está clara: museos + Instagram = un achegamento amigable. Para onde evolucionará esta amálgama seguro que nos sorprenderá. A ti, a min, a todos.

Unha solución moi utilizada polos museos hoxe en día é achegar a arte ao Instagram. É dicir, que os museos gañen peso nas redes. O exemplo máis claro, o Thyssen: en abril convocou un concurso para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos (está claro o nicho que queren atacar?) para que realicen versións dos seus cadros da colección permanente e as suban ao Instagram. Ademais de premios bastantes suculentos: repartirán máis de 8.000 euros. Un dato máis: o xurado está composto por artistas influencers do IG: Ricardo Cavolo, Lara Lars e Miranda Makaroff. Isto é un simple exemplo de todas as propostas que se realizaron.

Unha nova forma de entender os museos

“Momento selfie!”, “Isto merece como mínimo un stories”, son frases ás que estamos tan afeitos a escoitar no noso día a día. Esta tendencia foi aproveitada por moitos museos que saen do convencional para conseguiren chegar ao público máis novo. Tanto é así que moitos romperon co concepto clásico de museo e virárono para pop-ups, é dicir, coleccións con data de caducidade en centros de arte ou nos propios museos.

Así, en 2016 creouse o pop-up Museo do Xeado, máis ‘instagramable’ que unha praia paradisíaca. Actualmente encóntrase en San Francisco, pero pasou por cidades como Nova York, Os Ánxeles ou Miami. En cores pastel e co rosa como protagonista, trátase dun espazo creado para espertar os cinco sentidos; o asistente, ademais de cadros e esculturas relacionadas cos xeados, tamén pode probar, tocar, cheirar. Outro exemplo é Color Factory, unha exhibición dedicada ás cores onde todos os sentidos teñen un papel principal para te poderes somerxer nela. En definitiva, trátase de espazos que non están deseñados para mostrar arte clásica, senón para expor obxectos e situacións coas que lucir no noso IG.

Tras ler isto un formúlase unha pregunta: Chegou a fin da arte como a coñeciamos ata agora? Ou, polo contrario, abríronse novas formas de entendelo? Lanzo estas preguntas ao aire para reflexionar. Un pouquiño só. Tampouco busco unha tese.

Andy Warhol e a súa proposta do pop-art foron moi criticados na súa época porque desmontaron o prototipo de artista e, polo tanto, da arte. O que ninguén cuestiona hoxe en día, máis de 30 anos despois da súa morte, é que continúa a ser un dos creadores máis carismáticos e influentes da historia que soubo romper cos esquemas artísticos do seu tempo. Do mesmo xeito que Warhol, está o Instagram abrindo unha nova forma de entender a arte?